Ana, Elena, Carmen e a lista da vergoña do traballo mal feito

Segundo un informe da UE, realizado con 42.000 mulleres europeas, unha de cada 3 mulleres europeas entre 18 e 74 anos sufriu violencia física ou sexual desde os 15 anos. Se o pensan ben, iso equivale a 62 millóns e, se volven pensar, é unha cifra superior á poboación de Italia. O 5% das europeas maiores de 15 anos foi violada. Pensen: unha de cada vinte. Fagan contas, iso equivale a 9 millóns, o que supera o conxunto de poboación de Austria ou Suecia. O 43% sufriron algunha forma de violencia psicolóxica por parte da súa actual parella masculina ou unha anterior. Estas formas de violencia inclúen humillacións en público, prohibición de abandonar o domicilio, ver pornografía forzosamente ou ameazas con actos violentos.

Hai un mes que pasou o 25 de novembro. Todas as institucións, as persoas, os negocios… se encheron de frases e cores contra a violencia machista. Pero, en realidade, non deixou de ser outro triste, frío e crepuscular 25 de novembro.

Triste porque uns días antes Juana volvera co seu marido, que tiña unha orde de alonxamento, porque estaba terminal de cancro. Dixera que o facía por humanidade. Roberto matouna cun machado e logo colgouse. E fíxoo nunha demostración última de que ela era del. Que se el morría, morría ela tamén. Esa foi a humanidade de Roberto.

Fracaso social porque non se traballa coas e cos menores en igualdade. Cantos programas de prevención existen nas escolas con persoas profesionais formadas? Cada canto e durante canto tempo se imparten? Cantos de vostedes lle din aos seus fillos varóns que non usen expresións como “berra como unha nena”?

Crepuscular 25 de novembro porque acaban de asesinar a tres mulleres no Estado. Dúas delas en Galicia. Ana, Elena e Carmen. Ana, Elena, Carmen, Juana. Ana, Elena, Carmen, Juana, Alia. E así ata pasar dos 40 nomes. Máis de 40 nomes que, lonxe de ser unha fría estadística, recórdannos o fracaso social, informativo e político nesta materia.

Fracaso social porque non se traballa coas e cos menores en igualdade. Cantos programas de prevención existen nas escolas con persoas profesionais formadas? Cada canto e durante canto tempo se imparten? Cantos de vostedes lle din aos seus fillos varóns que non usen expresións como “berra como unha nena”? E, se cadra, sóalles inocuo, pero esa, a priori, inocente expresión está marcando unha clara diferenciación, sinalando a debilidade e pusilanimidade que, entende seu fillo, caracteriza a unha nena. Probou a preguntarlle como berra unha nena? Seguro que fará unha imitación cursi e ridícula que non ten nada que ver coa realidade. Estamos seguras de que ningún de vostedes quere que violen ou asasinen mulleres, pero paráronse a pensar se fan o suficiente para que isto non ocorra?

Fracaso social porque non hai unha lei que prohíba a apoloxía do machismo na publicidade. Cantas mortes por terrorismo van no que vai de ano no Estado Español? Ningunha. Cantas por machismo? Máis de 40. Que ocorrería se unha marca se publicitase facendo apoloxía do terrorismo? Pena grave. Que ocorre cando unha marca se publicita facendo apoloxía do machismo? NADA.

Fracaso informativo porque hai uns medios de comunicación tendenciosos e amarelistas que se esforzan en subliñar os detalles macabros: era moi guapa, o agresor nin sequera fumaba, era enxeñeira ou era inmigrante, morreu soa nunha poza de sangue, agarrárona da cabeza e obrigáronlle a facer unha felación a cada un pero non actúan como axente pedagóxico que analice o fondo desta lacra. As mulleres asesinadas ou violadas son, somos, sucesos.

Hai uns medios de comunicación tendenciosos e amarelistas que se esforzan en subliñar os detalles macabros, pero non actúan como axente pedagóxico que analice o fondo desta lacra. As mulleres asesinadas ou violadas son, somos, sucesos

Fracaso político porque, segundo a lei galega, as mulleres maltratadas teñen garantido o dereito á información, á asistencia xurídica, á asistencia social integral, os dereitos laborais e de seguridade social, os dereitos económicos e o acceso á vivenda e residencias públicas para maiores.

Efectivamente, o dereito á información debería ser un dos máis universalizados de todos. Porque a información é poder ou, doutro xeito, empodera. Pero dito dereito non está garantido de igual xeito para todas as galegas. Na provincia de Lugo, os Centros de Información á Muller (CIM), están distribuídos de xeito que comarcas da montaña como Fonsagrada, Ancares ou Meira non contan con ningún. Pola contra, na zona da mariña luguesa sitúanse tres. Por outra banda, o decreto que regula o funcionamento dos CIM, deixa á decisión de cada centro a contratación dunha ou dun traballador social polo que, o referente no proceso de intervención, o nexo entre a muller maltratada e o resto do equipo profesional, a figura que lle dá globalidade ao proceso, queda nun limbo. Do outro lado, e aínda que a Xunta abriu a man á contratación de traballadoras sociais nos concellos, que son fundamentais para a detección deste tipo de casos, os concellos son reticentes a levar a cabo os procesos.

A violencia machista é unha cuestión poliédrica, con diferentes caras: educativa, informativa, social, política… pero todas da mesma realidade e é así como debe tratarse

Fracaso político porque, aínda que dita lei recolle o dereito á asistencia xurídica gratuita, hai provincias nas que non existe unha quenda específica de violencia de xénero. Porque a lei tamén sinala o dereito á asistencia social integrada e nin sequera hai prazas de acollida suficientes e mesmo, as específicas que dan cobertura a situación de malos tratos, diminuíron nos últimos anos.

Se pensamos nas axudas económicas pode concluirse que a protección económica para mulleres que sofren violencia machista en Galicia non é un dereito real e efectivo ao amparo da normativa vixente, debido ao tipo de acceso e á burocracia á que están sometidas. O mesmo se pode dicir do programa específico de emprego que contempla dita lei.

A violencia machista é unha cuestión poliédrica, con diferentes caras: educativa, informativa, social, política… pero todas da mesma realidade e é así como debe tratarse. Ademais os plans deben levar parella unha dotación orzamentaria REAL, e ir máis alá dunha mera declaración de intencións. E mentres iso non se faga continuarán morrendo mulleres. Esta fin de semana foron Ana, Elena e Carmen. Mañá podemos ser nós, vós. Unha filla, unha irmá, unha nai, unha amiga. Nomes que irán a engrosar a lista da vergoña do traballo mal feito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.