Ana Pontón acerta coa letra

Ana Pontón, durante o debate de política xeral no Parlamento CC-BY-SA Parlamento de Galicia

Era o derradeiro debate do estado do País antes das eleccións nacionais galegas de 2024. E, xa que logo, unha das poucas ocasións coas que conta Ana Pontón (BNG) para achegar a súa mensaxe á sociedade sen a abafante vantaxe que adoito Rueda e o PPdeG posúen para transmitir o seu discurso. Pontón tiña que cuestionar a xestión deste ano e medio de Rueda como continuidade dos trece anos de Feijóo, mais non podia perder a oportunidade de proxectar as liñas fulcrais da súa alternativa. No lote da descualificación da gobernanza do PPdeG habería ir, de seu, a proxección da súa alternativa de goberno, tendo en conta que só fican poucos meses para rematarmos a lexislatura.

No que lle cómpre á ferreña oposición da trituradora do PP de G (como aqueladamente definiu Pontón) que sofrimos dende a primavera do 2009 a mensaxe ficou dabondo nidia. Rueda é um presidente vigario de Feijóo. Nin elixiu a fasquia, composición nin programa do seu Goberno nin conta como líder no contexto do actual PP estatal, definido polo seu extremismo dereitista e polo seu españolismo. “Nin manda vostede nin conta no contexto estatal para nada”. Non cumpría dicir moito máis.

Mais esta descualificación global ficaba núa e mesmo estéril sen lle ofrecer un pacto social á cidadanía galega arredor dunha outra proposta política. Dunha alternativa de goberno que a candidata soberanista nomeou “a Galicia posíbel”, xustificando que non se alicerzaba nos biosbardos, senón en realidades prácticas. Máis autogoberno (no horizonte do Estatuto de Nación) onde o PPdeG non acadou unha única transferencia en catorce anos, mellor financiamento (no horizonte do sistema de cota no que Galicia, recadando os tributos todos, teña “a chave da caixa”), garantirmos unha mellora substancial dos servizos públicos sanitarios, educativos e sociais dotándoos cun financiamento acaído, un desenvolvemento empresarial sostíbel afastado do actual modelo depredador nos eidos enerxético, forestal ou mineiro, promovermos a I+D+i investindo nestas fins o 3% do noso PIB, desenvolvermos potentes políticas de presenza europea e exterior e de promoción da nosa língua e cultura...Velaí que a candidata soberanista a presidir este País fose quen de definir unha alternativa con virtualidade de sedución de amplos sectores da cidadania, mesmo alleos ao soberanismo.

Ana Pontón acertou coa letra. Mais ainda precisará, nesta andaina, acertar coa música. Habería presentar socialmente- como polo de agora está a facer- esta alternativa dende parâmetros de normalidade, amabilidade e tranquilidade. Acoller inclusiva e transversalmente as ducias de milleiros de cidadáns e cidadás que poden acordar con estes seus parâmetros. E tentar evitaren as polémicas divisivas e o ruído. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.