Revisando prensa histórica, na procura de datos sobre Antonio Romero Ortiz, din casualmente cun poema, en galego, da autoría de Andrés Bellón y Somoza. O chamativo foi que ese texto, titulado “Alborada Gallega”, aparecía publicado nun semanario madrileño, El Norte, subtitulado Semanario de educación, moral, literatura, ciencias y artes. Pero, ademais, en época temperá, xa que viu a luz no nº 9, na páxina 144, correspondente ao 6 de xuño de 1853, ano 1º da publicación. Imprimiuse este número na “imprenta de Felipa Martin, á cargo de Juan Paredes, calle de S. Millan, 4 pral.”. Nesta rúa e número tiña neste momento a súa se a redacción do semanario.
Un poema en galego nun semanario de Madrid (o único texto en galego en todos os números que se conservan), publicado o mesmo ano que A Gaita Gallega, de Xoán Manuel Pintos, e unha década antes de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro?
Un poema en galego nun semanario de Madrid (o único texto en galego en todos os números que se conservan), publicado o mesmo ano que A Gaita Gallega, de Xoán Manuel Pintos, e unha década antes de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro?
Nada sabía do autor. Por iso, antes dar a coñecer o poema, decidín consultar sobre este autor con varios amigos estudosos da nosa literatura, mais ningunha información me puideron achegar. Revisei tamén os dous volumes editados polo Consello da Cultura Galega, Papés d´imprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846 (I), e Papés d’emprenta condenada (II) Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea, e tampouco aparecía o seu nome por ningures. Nin Couceiro Freijomil, no seu Diccionario de Escritores, nin Carballo Calero na súa Historia da Literatura galega contemporánea, o mencionan. Tampouco aparece ningunha colaboración súa no Álbum de la Caridad, publicado na Coruña en 1861.
Á fin, continuando coas pescudas, puiden saber algo máis, -pouco máis, verdade sexa-, do autor.
Nada sabía do autor. Por iso, antes dar a coñecer o poema, decidín consultar sobre este autor con varios amigos estudosos da nosa literatura, mais ningunha información me puideron achegar
No nº 782, ano IV, de La Iberia. Diario liberal de la Mañana, publicado en Madrid o 10-2-1857, na primeira páxina, nunha información electoral, menciónase un caso de posible votación irregular, no distrito de La Latina de Madrid, nunhas eleccións que se viñan de celebrar. Aparece unha relación de 43 votantes pro-gobernamentais, todos militares: un deles, o capitán do Rexemento da Princesa, Andrés Bellón y Somoza. O noso poeta, entón, era militar!
Outra noticia, publicado no nº 6687 do diario madrileño La España, correspondente ao 6-5-1868, menciona que pasou ao retiro o comandante de infantería “Antonio Bellón y Somoza”. Coido que se trata dun erro, e que se refire a Andrés, xa que pouco tempo despois, no Diario Oficial de Avisos de Madrid, ano CXIII, nº 226, correspondente ao luns 14 de agosto de 1871, na sección “Asuntos Oficiales. Militares”, encontramos esta información:
“Los jefes y oficiales que se espresan á continuación se presentarán en la sección segunda de este gobierno militar, cualquier dia no feriado, de diez á dos de la tarde, para recoger documentos que les pertenecen.
(…) Comandante de reemplazo D. Andrés Bellon y Somoza.
Madrid 11 de Agosto de 1871”.
O mesmo requirimento repítese nos números do 16, 17 e 18 de agosto de 1871 da citada publicación.
Un ano despois, no citado Diario Oficial de Avisos de Madrid, ano CXIV, nº 308, do domingo 3 de novembro de 1872 (e igualmente no do martes 5 de novembro de 1872), na mesma sección que o ano anterior, achamos esta noticia:
“Los señores jefes y oficiales que á continuación se expresan, se servirán presentarse en la sección segunda de este Gobierno militar de once á tres de la tarde cualquier dia no feriado, para recoger documentos y enterarles de asuntos que les conciernen.
(…) [Comandante retirado] D. Andrés Bellon y Somoza.
Madrid 1.º de Noviembre de 1872”.
Por último, por outra publicacións (Anuario-almanaque del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración. 1880, páxina 384; Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración. 1881, páxina 382 e Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración. 1882, páxina 70), sabemos que reside na calle Luchana nº 1 de Madrid, figurando como “retirado”. Estas son as últimas noticias que atopamos del.
Este é o poema da súa autoría:
ALBORADA GALLEGA.
Sonen tamboriles,
Gaitas é demais;
Axa danzas muitas
No-noso lugar.
¡Mozas solteiriñas,!
¡Alegre rapaz,!
Casadas, viudas,
Saltar é bailar.
Sonen etc.
¡Distincion non axa!
Sea en hermandá,
Que nos veu ú Pai
D’ esta Cristianda.
Sonen etc.
Po-lo ayre vibre
Este gran pracer,
Copras entonemos,
Ó noso cravél.
Sonen etc.
Non oculte ú eco
Tan grato chegar.
Sone n’ os confines
Po-la alta mar.
Sonen etc.
No-nos olvidemos,
Pidir ó Siñor,
Anos nos conserve;
Ó novo Pastor.
Sonen etc.
¡Que cara garrida!
¡Que tesouro é!
¡Que mirar de Anxel!
A todos nos veu.
Sonen etc.
¡Fror tan galaniña
Cuidémola ben!
Non-se nos marchite!
¡Anos viva CEN!
Sonen tamboriles.
Gaitas é demais,
Axa danzas muitas,
No-noso lugar.