O pasado 26 de decembro de 2024 cumpríronse douscentos anos da morte de José Alonso López e Nobal, nado en Ferrol en 1763. Un aniversario que pasou totalmente desapercibido, ningunha entidade reivindicou a súa figura
Sábado pola tarde. Mañá, 23 de febreiro, será o cabodano de Rosalía de Castro e está convocada unha manifestación en Santiago para defender o galego e denunciar o comportamento da Xunta co idioma. Rosalía e Manuel Murguía, figuras centrais do século XIX en Galicia reanimaron – desde posicións de esquerda da súa época– un país en situación crítica. Formaron un extraordinario equipo, traballando arreo para, primeiro, favorecer a autoestima dun pobo humillado e explotado, poñendo en valor a súa lingua e folklore, elaborando un relato histórico estimulante e, en segundo lugar e con Rosalía morta, un proxecto político e crear institucións propias. Rosalía –con matices– acadou un recoñecemento importante no país, Manuel menos, o centenario da súa morte en 2021 resultou bastante descafeinado, ben distante da enorme dimensión da súa contribución ao país.
Falando de recoñecementos, o pasado 26 de decembro de 2024 cumpríronse douscentos anos da morte de José Alonso López e Nobal, nado en Ferrol en 1763. Un aniversario que pasou totalmente desapercibido, ningunha entidade reivindicou a súa figura.
Alonso foi un salientable mariño interesado pola ciencia e probablemente o político liberal galego máis destacado das dúas primeiras décadas do século XIX. Profesor de Matemáticas na Academia de Gardas Mariñas de Ferrol realizou múltiples actividades (1). Deputado nas Cortes de Cádiz e no Trienio Liberal, aproveitou os seis anos de represión absolutista para escribir un extenso tratado de 1670 páxinas, seis tomos e un caderno con catro planos e dez láminas: Consideraciones generales sobre varios puntos históricos, políticos y económicos, a favor de la libertad y fomento de los pueblos, y noticias particulares de esta clase, relativas al Ferrol y a su comarca. Unha obra enciclopédica sen comparación na Galicia do seu tempo na que o autor abordou diversos aspectos históricos, xeográficos, económicos, políticos e científico-técnicos de España, Galicia e da comarca ferrolá. Nela salienta a abundante presencia de datos cuantitativos, a confección da primeira táboa de vida realizada en España e a utilización do cálculo infinitesimal na análise fiscal.
Alonso foi un salientable mariño interesado pola ciencia e probablemente o político liberal galego máis destacado das dúas primeiras décadas do século XIX. Mais non pretendo dramatizar o silencio arredor do mariño ferrolán, non é o primeiro caso de inxusto esquecemento nin será o último
Coido que Alonso tiña méritos dabondo para ser obxecto de recoñecemento público. Mais non pretendo dramatizar o silencio arredor do mariño ferrolán, non é o primeiro caso de inxusto esquecemento nin será o último. Por exemplo, no mesmo 2024 o centenario da morte de Xoán Vicente Viqueira acadou moi escaso eco, polo que sei só o BNG de Bergondo se lembrou desa singular figura (2). Pola contra, a Real Academia Galega das Ciencias promoveu unha xusta homenaxe a Xosé Rodríguez.
Se cadra Alonso non tiña doado o camiño cara ao seu recoñecemento. Alén doutras razóns e a presenza do azar nestas cuestións, quizás non xogou ao seu favor a procedencia ferrolá e o seu perfil profesional e ideolóxico. Coido que ser orixinario de Ferrol e/ou desenvolver a actividade nesa cidade son circunstancias que non adoitan axudar para acadar visualización no conxunto de Galicia. Os historiadores locais chegan ata onde poden na reivindicación de fitos do pasado, pero –polo que parece– as institucións galegas son escasamente receptivas ao acontecido nesa singular cidade. Quizás a súa propia historia, a dunha urbe xerada polo Estado e cun perfil ben peculiar no conxunto do país, lugar –simplificando– de mariños e obreiros. O certo é que –por exemplo– non deixa de sorprender a reducida atención prestada desde as principais institucións culturais e académicas galegas ao estudo e difusión da actividade do complexo científico-industrial- militar máis relevante de finais do XVIII e parte do XIX en Galicia, o Arsenal ferrolán e instalacións relacionadas. Un valioso patrimonio histórico que tampouco tivo os apoios de que gozou no seu momento a Torre de Hércules para acadar –merecidamente– a distinción de Patrimonio da Humanidade da UNESCO.
Probablemente se Xosé Rodríguez en vez de matemático fose escritor, artista ou político, a relevancia do seu labor faría que todas as cidades de Galicia tiveran desde hai tempo rúas e centros educativos co seu nome
Afortunadamente, si que se celebrou o centenario da morte de Benito Vicetto, pero só no ámbito ferrolán e co apoio do Concello. Quizás axudou o propio perfil do homenaxeado, xornalista e historiador, pois nas institucións culturais domina a presenza de persoas procedentes das Humanidades, unha circunstancia que non axuda a aqueles que como Alonso desenvolveron o seu labor intelectual no terreo científico. Probablemente se Xosé Rodríguez en vez de matemático fose escritor, artista ou político, a relevancia do seu labor faría que todas as cidades de Galicia tiveran desde hai tempo rúas e centros educativos co seu nome.
Se cadra tampouco lle favoreceu ao mariño ferrolán a súa identificación co liberalismo. Entre a xente do mundo da cultura entusiasma pouco –con razón– esa ideoloxía; a súa formulación actual, o neoliberalismo depredador, non axuda moito. Mais, o liberalismo de Alonso, e doutros que o acompañaron, ten diferencias importantes co destes tempos e, sobre todo, actuou nun contexto histórico ben distinto, cando implicaba cuestionar o sistema político vixente, os vellos privilexios dunha sociedade estamental, baseada –como valor supremo– na desigualdade.
Considerando o tema en termos xerais, entendo que unha recepción positiva dun labor do pasado está moi condicionada polas sensibilidades e gustos actuais e o feito de que existan grupos, colectivos ou institucións que fagan súas as mensaxes de determinadas figuras, que se recoñezan nelas. Refacendo, nalgúns casos, as súas biografías, eliminado delas elementos que non encaixan co que se pretende exaltar, construíndo –en definitiva– haxiografías que reafirman ás institucións promotoras. Nese sentido, quen presentan un perfil singular, complexo, de difícil acomodo nos movementos actuais, están –dalgún xeito– condenados, alén da súa valía, a certa incomprensión e soidade.
Que importancia ten homenaxear a unha determinada personaxe do pasado? A celebración facilita coñecela máis, achegala á xente, difundir a súa obra. Alén diso, coa elección de persoas que merecen ser honradas construímos unha guía selecta de quen deben ser referencias para a sociedade
Alonso e Viqueira non tiveron sorte en 2024, probablemente o seu momento chegará no futuro. Si será o caso –acertadamente– de Daniel Castelao, as cantareiras e Fernando Calvet en 2025, ano no que, entre outros aniversarios a celebrar, se cumpren 75 anos da morte de Santiago Casares Quiroga e 125 da do naturalista Vítor López Seoane (autor de complicada biografía).
Mais, realmente, que importancia ten homenaxear a unha determinada personaxe do pasado? Obviamente, a celebración facilita coñecela máis, achegala á xente, difundir a súa obra. Alén diso, hai outro elemento ben relevante a ter en conta, coa elección de persoas que merecen ser honradas construímos unha guía selecta de quen deben ser referencias para a sociedade polo seu comportamento, contribucións e compromiso en diferentes ámbitos da creación, da cultura, da actividade social, etc. Persoas que actuarán como fachos de inspiración dun relato que, ollando ao pasado, nos guía cara o futuro.
Homenaxes forzadas
A tipoloxía dos recoñecementos públicos é variada. De todas esas variantes hoxe quero determe nunha delas, as homenaxes que semellan responder a unha obriga e que se resolven coa mínima dimensión e promoción, polo que poderíamos consideralas como un auténtico “paripé”
A tipoloxía dos recoñecementos públicos é variada. Depende, entre outras cousas, dos recursos dispoñibles e/ou utilizados, a dimensión da celebración (local, provincial ou galega), as entidades implicadas, o compromiso destas, etc, etc. De todas esas variantes hoxe quero determe nunha delas, as homenaxes que semellan responder a unha obriga e que se resolven coa mínima dimensión e promoción, polo que poderíamos consideralas como un auténtico “paripé”. Sobre esta modalidade poñerei un exemplo, o caso da suposta homenaxe ao falecido historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández pola revista La Tribuna. Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán no seu número 18 (3).
Unha revista que –de entrada– presenta unha natureza ben singular. Esta dedicada á salientable Emilia Pardo Bazán, quen hoxe recibe múltiples recoñecementos de todo tipo (lin estes días que 201 rúas en España levan o seu nome), polo que poderíamos pensar que numerosas institucións de diferentes lugares establecerían unha dura e nobre pugna pola disputa en asumir o estudo e difusión da vida e da obra da escritora coruñesa. Porén, sorpresa, a única publicación específica sobre a condesa é esa revista que edita a Real Academia Galega! Efectivamente, dáse o paradoxo de que a institución que ten como obxectivo a defensa e promoción do idioma galego é a que financia a publicación e museo dedicados a unha escritora que propuña un uso da nosa lingua que a levaba á marxinación e que consideraba á literatura en galego como reaccionaria. Sei que esta curiosa situación ten explicación mais non por iso deixa de ser profundamente contraditoria.
Sorprendentemente, na parte monográfica titulada “Homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández”, que consta dunha nota previa e catro artigos, só a breve nota de dúas páxinas de Emilio Grandío, (“O relato, arma de futuro: Xosé Ramón Barreiro Fernández”), alude ao historiador falecido
Pero volvamos ao tema da homenaxe. No comezo do número 18 da revista La Tribuna dise que “é unha publicación especial dedicada ao fundador da revista, o profesor e historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, figura senlleira e salientábel da cultura galega e internacional” (4). A iniciativa só pode cualificarse de positiva e razoable, nada máis lóxico que lembrar a Barreiro por unha publicación da que foi fundador e director, ademais de autor de artigos importantes, só ou en colaboración. Previamente, no número 16, aparecera na mesma revista un breve escrito de tres páxinas, “In Memoriam”, no que se facía unha laudatio do historiador da man de Ana Romero Masiá. Agora –con tempo– semellaba que se trataba dun recoñecemento en condicións, concretado nunha “sección monográfica en homenaxe á súa memoria e maxisterio”.
En coherencia con ese loable anuncio agardaríamos atopar contidos sobre Xosé Ramón Barreiro, a súa traxectoria, contribucións na revista, labor a prol da mesma e da Casa-Museo, etc. Porén, sorprendentemente, na parte monográfica titulada “Homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández”, que consta dunha nota previa e catro artigos, só a breve nota de dúas páxinas de Emilio Grandío, (“O relato, arma de futuro: Xosé Ramón Barreiro Fernández”), alude ao historiador falecido. Nos catro artigos nin se cita a Barreiro nin a ningunha das súas actividades, a persoa obxecto da homenaxe non existe. Tamén non deixa de resultar sorprendente que Xosé Ramón Veiga, nun deses artigos, no que alude ao perfil ideolóxico de Pardo Bazán, non recolla a importante contribución de Barreiro sobre ese tema e publicada na mesma revista (5). E para rematar co esperpento, algunha das persoas que escribiron para esa curiosa monografía díxome que ignoraba esa circunstancia. En todo caso, o conxunto resulta insólito, non se entende en que consiste o de “número especial”, os catro artigos poderían perfectamente figurar en calquera outro da revista. A neglixencia é tan excesiva que dá para preguntarse: que “pecado” cometeu Barreiro para recibir ese trato?
Notas
1 https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=85
2 Infórmanme da celebración dunhas Xornadas sobre o centenario de Viqueira no Centro Ramón Piñeiro, Santiago, e unha Xornada organizada polo Consello da Cultura Galega, Fundación Penzol e Concello de Vigo, en Vigo.
3 https://revistalatribuna.gal/index.php/Tribuna/issue/view/18/37
4 https://revistalatribuna.gal/index.php/Tribuna
5 Barreiro Fernández, X. R. (2005): A ideoloxía política de Emilia Pardo Bazán, La Tribuna. Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, nº 3: 39-69 (https://revistalatribuna.gal/index.php/Tribuna/issue/view/3)