Añoralxias e macanas da tradición

Les Luthiers Dominio Público

O grupo Les Luthiers é un relampo de intelixencia e beleza, fascinante e irrepetíbel. Dos que produce Bos Aires cada certo tempo, cando de súpeto asoma o xenio e as miradas sagaces están obrigadas a fitar para alí case instintivamente, sen podelo evitar. Bos Aires fai iso ás veces, marabillarnos tanto que podemos chegar a crer que Berlín e Tokio necesitan anabolizantes.

Trátase da civitas amasando civilización, excepcional polas infinitas confluencias. Lugar de soldaduras, onde se cruzan as tradicións e nesa mestura, como en todas as mesturas, leveda a orixinalidade. Unha das máis enérxicas metrópoles do mundo durante decenios, con conciencia de selo, de crerse excepcional. “O ego é ese pequeno arxentino que todos levamos dentro”, din eles nalgunha representación.

Os arxentinos saben de que pobos proceden. Moitos fogares conservan memoria das orixes, que conforman a maneira familiar e privada de ser, a identidade e mesmo o carácter.

Les Luthiers está formado por xudeus. Marcos Mundstock de representaba neno en yidish polos teatros, na lingua que falaba na casa. Era de cultura asquenazí, igual que Daniel Ravinovich. Ambas familias chegaron a Bos Aires procedentes do oriente europeo. O único xentil do grupo é Jorge Marona.

Elaboran con sentido do humor xudeu, porque inflúe moito neles, trátase esencialmente dun equívoco que se cerra sobre si mesmo.

Tamén nunha comprensión do mundo que foron construíndo en común todos os membros. Propiciouna a aprendizaxe compartida ao longo dos decenios, que nunca abandonaron.

O grupo é espazo común de formación. Averíguase ao contemplar as obras, dedúcese que a insatisfacción intelectual é condición previa imprescindíbel. Non cristalizaría tal produto sen ese permanente estado de aprendizaxe, á que se lle debe engadir unha prolongada terapia psicanalítica común.

As formacións académicas persoais son científicas de partida, enxeñaría, física, arquitectura. Aves raras no mundo do humor e aínda máis no da comicidade. Esas disciplinas remiten para unha sistematización e unha compactidade de carácter, das que en xeral foxen os cómicos. A comicidade ten unha natureza desagregadora e até unha vontade desintegradora. Loxicamente, non se atopan cómodos os humoristas nos espazos severos da fórmula, da cifra e da proporción exacta. Son máis amigos da improvisación e da espontaneidade, para alegría de todos. En Les Luthiers hai un rigor orixinario.

MAKANOA

E xorden as preguntas: a severidade é antagónica co humor, coa extravagancia e coa alegría? Pódese dicir seriamente que hai rigor, que hai severidade na censura bufa que exercen Les Luthiers, asentada como está nun substrato humanista?

Nas súas obras emerxe, implícita, a comprensión dos fallos alleos, as carencias, as limitacións e as debilidades, a imperfección, que son substancia de humanidade. As calidades anteditas aportan moitas chaves para captar a truculencia, a impostura, o aparente.

Por exemplo, no ridículo antropólogo do espectáculo Música y Costumbres en la Isla de Makanoa.

O semiótico Gillo Dorfles di que para exercer calquera oficio, antes que nada cómpre asumir o xeito, os hábitos, o externo, a indumentaria, a xiria, os tics, o ton, a mirada. Enfundarse niso. Resulta imprescindíbel asumir os roles do que se vai ser, as súas características visíbeis.

O antropólogo especialista en Makanoa loce barbas brancas e le dubitativamente á maneira académica anglosaxona, con dozura, case con musicalidade, amosa formas delicadas de estudoso, envolvendo con esa maquillaxe o pretendido saber. Sen algo diso pódese ser antropólogo, sen nada diso non se pode ser antropólogo e por aí comeza a mofa, que chega ao cénit cando Les Luthiers nos descobren a totalidade da impostura.

Se en troca dun antropólogo entran na trituradora os charlatáns ou os predicólogos, saen dela convertidos sinxelamente en fariña de carne, porque aí xa non hai compaixón, desaparece a piedade.

Iso non lles pasa co músico inxenuo, paspán, que se sente a si mesmo como grande artista, ademais de sabido na materia. Trátano case con tenrura. É a posición que calquera persoa sensíbel adopta cando se cruza con alguén ao que lle falta unha fervedura, aínda que sexa un catecúmeno.

Cando parodian os músicos o espectador fica asombrado. Descobre que o dominio musical dos parodiantes é superior ao dos parodiados, ou que como mínimo por aí lle anda. Máis que asombrar marabillan. O cómico intúe os flancos débiles, bota man da caricatura e simplifica, pero eles trazan unha parodia insólita, porque igualan ou superan tecnicamente o modelo, elaboran a unha altura superior á do parodiado e desde aí provocan o riso.

Detectan o acartonamento, a petulancia, a vacuidade. Todo iso é obxecto de humor, sen golpes baixos, porque nada é en exceso. Remítense ao ideal dos clásicos. E ás veces caen derrubadas construcións teóricas completas enriba das táboas.

ZAMBA-CATÁSTROFE AÑORALGIAS

En 2005 organizouse na provincia de Córdoba o 45 Festival Folclórico de Cosquín. Les Luthiers presentáronse alí coa obra Aquí Les Luthiers. Son varias pezas de estilo popular tradicional, recitadas ou musicadas, todas compostas por eles.

Convén lembrar outra vez que o grupo constitúeno individuos de vontade mundana, cun nulificado apego polas formulacións patrióticas infladas. Detectan a instrumentalización das tradicións, cando estas se idealizan até convertelas en feitizos colectivos.

Aquí Les Luthiers mófase da invención de pasados idílicos e da fixación de lugares edénicos contemporáneos. Póñena en solfa e fan rir con esa extraordinaria materia prima que é a música tradicional. Pero iso non é fácil, cómpren bagaxes formativas, análises requintadas, estudo e un alto grao de discernimento.

A invención da tradición foi estudada por Eric Hobsbawn e Terence Ranger. Observaron o proceso inventivo co que se trata moitas veces de obter lexitimidade, utilizándoo ideoloxicamente. A obra A Invención da Tradición foi publicada en 1981 e desde aquela os historiadores permanecen atentos a este tipo de construción intelectual e ás súas amplísimas repercusións.

Sexa froito da asimilación da obra de Hobsbawn ou sexa reflexión autónoma, a burla que fan dos inventores da tradición, neste caso arxentina, sitúa estes cómicos a unha altura excepcional.

Aquí Les Luthiers parodia situacións, acontecementos, desexos, que o mesmo folclore e folk acostuman a idealizar.

En primeiro lugar o campo como lugar idílico, onde a vida se desenvolve sen conflitos, espazo ao que se debe aspirar social e espiritualmente e que serve como referencia, modelo ideal que inexplicabelmente a sociedade desleixa en favor das cidades, espazos hostís nesta percepción. Trátase dun tópico case plenamente asumido.

A zamba-catástrofe Añoralgias encárgase de describir de xeito hiperbólico e moi certeiro o autoengano de quen podemos imaxinar como un emigrante á urbe. Foxe do pueblito, pero desde as súas contradicións e conflitos, que de facto buscou e desexou, preferindo sen dúbida a cidade, soña coa volta ao pueblito.

E vai describindo o lugar, inicia cada estrofa coas delicias que atesoura, rematándoas cos desastres que tamén acontecen, a realidade, loxicamente non idealizada. Cando non se converten en espantos totais, como o do volcán que se activa, o seca que asola ou a inundación que remata definitivamente con todo.

Os humoristas céntranse nun asunto importantísimo da sociedade contemporánea, o dilema que provoca o proceso mundial de urbanización e a consecuente nostalxia dun mundo perdido, que se canta pero ao que case ninguén volve, nin realmente desexa volver. “Nin mamados” din eles. Aquí Les Luthiers escarva na idealización do pasado, nese espazo campestre.

EPOPEYA DE LOS QUINCE JINETES

E dentro da idealización, imprescindíbel e común a todas as xentes e todos os países, teñen especial relevo as epopeas fundacionais da nación. Para achegarse a iso no plano artístico cómpre tamén unha requintada observación do proceso construtivo da tradición.

É necesario comprendela, asumila, interiorizar o artificio, antes de poder enxeñar a posta en solfa. Un proceso culto, que incorpora a percepción idealizada do relato histórico. Finalmente parodian con asombrosa beleza episodios fundacionais da nación arxentina.

Tales inventos lévanse a cabo xeralmente para alicerzar a orixe dos países na gloria guerreira. Literatos, historiadores e propagandistas que construíron e constrúen eses episodios para consumo colectivo do tempo presente, como soldadura identitaria.

A Epopeya de los quince jinetes é a peza máis longa do recital Aquí Les Luthiers e comeza cunha mención aos supostos creadores:

“No mencionaremos a los autores de esta epopeya , porque ellos mismos han elegido el anonimato. (...). Bastará con decir que en los anales de la Sociedad de Autores esta obra figura, no como inscrita, sino como denunciada”.

Describe a persecución dun caudillo arxentino.

“Las guerras de la Independencia han terminado, pero no cesa el clamor de la guerra civil”. “Quince criollos cabalgan en busca de Eleuterio Manzano. Eleuterio Manzano, un caudillo como pocos. (...) Hoy vamos a contar la historia de su captura, la gesta de quince valientes que un día partieron detrás del rastro de Eleuterio Manzano. (...) Delante de los demás, aferrado como puede al cogote del caballo, va el rastreador Antenor Vituperio. Hace tres años le hicieron oler una bota de Eleuterio Manzano y desde entonces no come ni duerme... no come ni duerme siguiendo el rastro”.

Os humoristas mergúllannos nun mar de realidade retrospectiva. Sucédense os defectos do caudillo, a súa vulgaridade absoluta, de brutalidade inimitábel, semellante á dos criollos perseguidores. Puro realismo descritivo, froito dunha observación máis racional, por suposto, que a dos idealizadores.

Paródiase a hipérbole, sométese a hipérbole. Imaxinan os acontecementos entre os materialmente posíbeis, que sen dúbida non foron, pero puideron ter sido. Ao contrario do que acontece co relatado polos apoloxistas, que historian engados con soños retrospectivos imposíbeis.

“El mismo capitán Saturnino lleva solamente aquel inseparable puñal de mango de plata con inscrustaciones de marfil... clavado en la espalda. El que va detrás del capitán, lo usa para colgar la cantimplora”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.