O vindeiro sábado 18 de marzo, a cidade de Pontevedra acollerá a III Asemblea Nacional de ANOVA, a primeira organización cun papel relevante na sociedade e nas institucións que na historia de Galiza recolle o camiño da autodeterminación cara a independencia nos seus postulados fundacionais. A nosa formación vive un momento decisivo, onde determinadas dúbidas e vacilacións poden levarnos cara un escenario de prostración se non tomamos as decisións que merece este tempo político.
A nosa influencia na sociedade galega é moi superior ao noso peso cuantitativo. Nestes anos conseguimos establecer alianzas e sinerxías con outros sectores e sensibilidades – non só organizacións políticas, se non cos sectores dinámicos da sociedade civil cos que activamos as mareas municipalistas, o mellor que lle pasou á esquerda galega nos últimos anos – que nos levou a participar hoxe nos gobernos da Coruña, Ferrol e Santiago, e de ser oposición no resto de cidades e vilas relevantes do país e no Congreso e no Parlamento de Galiza formando parte xunto con outras de En Marea.
Por que imos cuestionar un vieiro de éxito, que nos dotou dunha influencia determinante na política da nosa nación e que nos deixa un terreo de xogo impresionante mesmo neste momento de refluxo? Para que imos emendar un proceso que como valoración global só se pode considerar de éxito? Normalmente as expectativas vense frustradas conforme ás aspiracións que foron imaxinadas e que non conseguimos. Pero iso non debe separarnos do noso vieiro, que parte por entender as citas electorais como etapas dentro do noso proceso de construción social e nacional. Un traballo duro, cunha axenda que nós non marcamos, na que temos por diante un tempo político no que nunca antes navegamos: dous anos sen eleccións nos que poder pensarnos e construírnos. Moitas veces esquecemos que dende a nosa fundación até estes momentos superamos – nunca en solitario, e sempre xunto con forzas irmáns – seis convocatorias electorais que impediron que tiveramos tempo e azos para dotar de organicidade ao espazo de ruptura.
Nós naciamos da confluencia. Na nosa Asemblea Constituínte celebrada o 14 de xullo de 2012 compartimos este novo proxecto común persoas organizadas dentro de diferentes expresións do soberanismo e do independentismo galego. Naciamos rachando marcos, construíndo unha axenda común entre diferentes. No Día da Patria dese ano Xosé Manuel Beiras lanzou a proposta de Fronte Ampla, que cristalizou na AGE, un novo espazo de representación que deu forma política á desafección cidadá que determinou o 15M. A súa principal carencia, que ben semella un claro aviso para mareantes, consistiu en non saír das catro paredes do Hórreo e non ser quen de establecer dinámicas na praza. Non podemos recluírnos no pazo. Posteriormente viñeron as eleccións europeas, nas que ANOVA decantouse definitivamente a prol das e dos que defendiamos daquela e facémolo hoxe a nosa aposta por fornecer o espazo de ruptura fronte á regresión das posicións conservadoras: mágoa que se esqueza tan pronto o que representou no seu momento o manifesto Queremos AGE!.
As mareas municipalistas supuxeron un gran salto adiante nesta aposta, recuperando a idea da participación e de democracia radical, a principal eiva que arrastrabamos das experiencias pasadas, marcadas entre outros motivos pola parálise organizativa que padeciamos. Callaba o discurso da revolución democrática e situabámonos no imaxinario do noso pobo como a primeira forza da oposición. No acordo de Mazarelos – un acordo tripartito asinado por Esquerda Unida, Podemos Galiza e nós – sentábamos as bases da primeira En Marea, establecendo dende o seu nacemento a demanda de “procesos constituíntes, soberanía e dereito a decidir” e anunciando un “proceso participativo” dun “suxeito político que aborda, dende unha perspectiva de cambio político e ruptura democrática, o proceso electoral para restituír a soberanía cidadá.” Pero xa sabemos que moitas veces os planos de obra, que en política corresponden aos acordos políticos, non sempre responden á forma final do edificio: o manifesto dos alcaldes supuxo a saída dunha posición de bloqueo, e na histórica Asemblea de Vigo do 30 de xullo de 2016 veu a dar un pulo a esa demanda de participación e de democracia radical que caracterizou á conformación das mareas municipalistas, rachando así En Marea coalición e establecendo sinerxías para avanzar cara un novo suxeito político de adscrición individual.
E tamén é tempo de renovación. Vemos como no movemento xuvenil e no movemento estudantil existe unha xeración emerxente, hexemónica, que traballa dentro dos parámetros de cooperación e de Unidade Popular. Vai ser determinante que esa xeración asuma novas responsabilidades de cara aos retos que temos abertos. Hoxe vemos de forma máis clara que fai dous anos e medio como hai un relevo xeracional impresionante. Outra tarefa que debemos asumir ten que ver co pensamento e as ideas: temos que recuperar a vella idea do partido como fábrica de ideas, de programas, de proxectos. Non ter unha axenda electoral tan esixente non só ten que ir ligado a un reforzo organizativo do espazo de ruptura e de adaptación ás novas necesidades, se non de analizar o entorno para coñecer o país que queremos transformar. Estes elementos políticos e programáticos son fundamentais, e compre poñelos por diante das diferentes urxencias que nos atravesan. Temos que realizar unha mudanza profunda nesa dirección.
Non debemos esquecer que en política as decisións que tomemos sempre teñen consecuencias, e nunca son inocentes. Dar pasos atrás na confluencia, no noso proxecto estratéxico, suporía rachar un piar fundamental do proceso. Dende a primavera municipalista de 2015 o laboratorio de ideas da reacción traballa para destruír o espazo de ruptura: pretenden relegarnos da nosa condición de alternativa a un lugar subordinado, para pasar a ser parte do decorado e da xestión dunha parcela de miseria do réxime que dicimos querer combater. Debemos pois continuar no vieiro establecido sen renunciar a mudar todo o que haxa que mudar para poder avanzar.