Anova e as listas abertas

As listas abertas son unha variante do sistema electoral de representación proporcional onde se referenda unha lista de representantes confeccionada por un partido, pero os militantes e afiliados teñen –en aparencia– algún  tipo de influencia no proceso de elección dos candidatos e candidatas. O seu contrario son as listas pechadas. Tamén se dá ao afiliado a opción de votar polos candidatos, sen expresar preferencia ningunha entre as persoas; na práctica equivale a votar polo candidato máis popular ou o primeiro candidato da lista.

Aínda que as listas abertas soan moi ben, lonxe de solucionar nada, probabelmente o que fan é crear moitos máis problemas e converter en máis disfuncional e antidemocrático o funcionamento interno das organizacións políticas

Unha das ideas que máis se menciona como unha posíbel reforma para favorecer a democracia interna nos partidos políticos adoita ser a idea de introducir listas abertas nas eleccións a cargos orgánicos. Aínda que as listas abertas soan moi ben, lonxe de solucionar nada, probabelmente o que fan é crear moitos máis problemas e converter en máis disfuncional e antidemocrático o funcionamento interno das organizacións políticas.

Quizais a mellor proba da miña afirmación é que en Galicia xa temos un sistema de listas abertas, o que elixe na nosa circunscrición a senadores e que non parece ter efectos positivos de “maior democracia” ou de “eliminar a partitocracia”, argumentos habituais para defender devandito sistema.

Nun mundo tinguido polas vellas culturas partidarias e cunha férrea disciplina de voto, o sistema de listas abertas non ofrece vantaxe ningunha con respecto a outros sistemas como o proporcional

E vén a conto todo isto porque a pasada fin de semana puiden vivir de cerca o proceso de elección da Coordinadora Nacional de ANOVA. Teño que dicir que a aparencia democrática do proceso non se parece demasiado á realidade. Nun mundo tinguido polas vellas culturas partidarias e cunha férrea disciplina de voto (que non significa outra cousa que a maioría da militancia introduce na urna as papeletas coas cruces marcadas nos nomes predeterminados polo aparello ou pola vella garda dos distintos colectivos e partidos logo de copiar exactamente todos e cada un dos nomes facilitados polos comisarios políticos), o sistema de listas abertas non ofrece vantaxe ningunha con respecto a outros sistemas como o proporcional. Non hai dúbida que nun mundo con implacábel disciplina de voto, o sistema de listas abertas non ofrece garantía nin vantaxe ningunha con respecto a outros sistemas e si moitos inconvenientes.

Que a disciplina de voto se manteña de xeito automático é, ademais dunha observación empírica, tamén unha consecuencia do control polas elites da vida orgánica dos partidos

Que a disciplina de voto se manteña de xeito automático é, ademais dunha observación empírica, tamén unha consecuencia do control polas elites da vida orgánica dos partidos. Por outra banda adquirir información de todos os militantes que se presentan aos órganos de dirección é moi difícil. Escoller entre o cuarto ou o décimo da lista do meu partido ten un custo significativo, sen que poida implicar que o resultado cambie moito; ou sabería vostede escoller 36 afiliados dunha lista de máis de cen candidatos? O lector poderá dicir que a disciplina de voto podería non respectarse e que xa que logo as miñas predicións anteriores non se cumprirían. Esa posibilidade é algo irreal e imposíbel a maioría das veces. Hai unha morea de razóns que impiden a liberdade da militancia comprometida con algunhas correntes organizadas ou tendencias (alta polarización nas pulsións polo control dos órganos, actuacións automatizadas e acríticas, conciencia teledirixida pola disciplina grupal...).

En resumo e logo de pensalo moito, non vexo que exista razón ningunha pola que ANOVA (ou calquera outra organización), nin teórica nin empírica, deba decantarse en futuros procesos de elección dos seus órganos de dirección polas listas abertas. Estou convencido de que non son máis democráticas que as proporcionais ou as pechadas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.