Ante eleccións

Non lembro eu desapego tan grande por decisións democráticas que eu antes miraba con certa impaciencia. O ambiente semella plano, pero o peor é que, cando se acende algo, aínda resulta peor

1. As enquisas xa celebran unha abstención récord, a caída notable dos partidos maioritarios, con resistencia para o PP, e, polo que respecta a Galicia, a tallada para a coalición Anova-Eu e reducidas expectativas para o BNG. Nada novidoso, pero, sobre todo, nada incitante. Polo menos o suficientemente incitante para meter papela nas urnas. Pode ser a idade, non o nego, e tamén a distancia histórica abarcable pola miña memoria. Pero non lembro eu desapego tan grande por decisións democráticas que eu antes miraba con certa impaciencia. O ambiente semella plano, pero o peor é que, cando se acende algo, aínda resulta peor. Algunhas amigas sorpréndenme ás veces con que miraron un debate político na televisión; outros discuten ata a extenuación filosófica sobre a hexemonía, a soberanía e a sucursalidade e galeguidade das coalicións cunha sensación de dejà vu cansina. Tampouco desboto unha certa claudicación xeneralizada, consecuencia dunha preguiza intelectual que non alcanza a entender este estado de cousas. Seguro que irei votar, só por ver unha vez máis a esas xentes que, no meu barrio, só saen de casa, cargadas de anos, a depositar o voto que os seus fillos delicadamente colocan nos seus tremerosos sobres pechados.

Por Vigo e por Galicia; por Galicia e por Vigo. Estes son os fundamentos, formulados ao xeito dun mántrico hashtag da grosse koalition. Este modo de apresamento discursivo expulsa, por totalizador, a quen se coloca en contra

2. A cidade de Vigo celebra a gran coalición entre o PP e o PSOE, con gran espectáculo mediático: interviú no Faro o domingo co alcalde (que para iso é alcalde e para iso é domingo) e interviú con Figueroa, o inmarchitable líder do partido popular, o luns, día de menores audiencias e estas dirixidas a deportes e a romarías dos montes da bisbarra. Por Vigo e por Galicia; por Galicia e por Vigo. Estes son os fundamentos, formulados ao xeito dun mántrico hashtag, da grosse koalition. Este modo de apresamento discursivo expulsa, por totalizador, a quen se coloca en contra. E non falta quen tira de cidades norteñas, molestas coas nupcias, para denigrar aos detractores do pacto. Nos vindeiros meses, facer oposición vai ser imposible, mesmo co auxilio dunha Voz de Galicia pendente de calquera erro (ou acerto) do inquilino do campo de Granada. Como ensaio xeral do que pode vir en comicios próximos, coa mudanza de Vigo/Galicia por España, volvemos a un estado semitotalitario no que calquera crítica pode ser razón de deslealdades e traizóns á patria. Nunca foi tan refrescante, nestes tempos, lermos o Cuore.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.