Antes mortas que paradas

CC-BY-SA Polycart

Recomendación das nais ás fillas, comentoume onte a miña querida amiga Aurita, feminista, compañeira no Consello da Muller, premio Alecrín e activista social en Coia. Fíxolle caso á nai. Nunca estivo parada.

As mulleres debían estar sempre traballando, sempre ocupadas. O traballo está asociado coa muller. Aínda eu tiven ocasión de ver como unha nai reprendía á filla por estar sentada á porta da casa. “Sal de aí”! Que non te vexan sentada! Aínda non tiña eu tan claro como hoxe que o traballo está ligado a muller. A medida que se retrocede na historia comprobamos que o traballo facíano só as mulleres.

Aqueles yemenes do sur de Arxentina,dos que tiven noticia nunha viaxe, os que Darwin pensou que non eran humanos, cando os coñeceu nas súas viaxes no Beagle, que lle serviron para ir elaborando a teoría da Evolución, pois eses seres cobrizos, espidos naqueles fríos (naquel clima húmido e chuvioso levar un cobertor mollado sería peor), falaban e o Darwin que nunca saíra das propiedades familiares na campiña inglesa, tivo que recoñecer que eran humanos. Pois eses seres primitivos, que nin cabana facían, pois eran nómades na zona, coñecían só dúas tecnoloxías: facer barcas furando un tronco de árbore, e redes para pescar. Alimentábanse de mariscos collidos polas mulleres. Eran elas as que sabían nadar. Eles non. Pero vixiaban o traballo das mulleres, non fosen perder algún da rede. Cando esquilmaban unha zona había que pescar noutra. Deixaban un montículo de cunchas e se trasladaban para outro lugar. 

Así foi sempre. Traballaban as mulleres. Aínda hoxe se viaxamos e nos fixamos nas normas de certas culturas, só vemos homes nos bares nas horas do traballo. Nin os nenos poden ir coa nai a buscar auga lonxe do fogar. As nenas, si. Neste país, facendo os traballos do campo, só víamos mulleres. Na taberna só víamos homes.

Nos pobos, cando había festa, as mulleres traballaban desde a véspera matando e limpando animais para adobar, cordeiros, coellos, polos, e preparando biscoitos e doces.

Cociñaban toda a mañá, abrían botellas e dispuñan a mesa. Os homes chegaban para sentarse, comer, beber e falar. Nas casas de fartura ou de cregos, onde había moitos pratos e o xantar duraba horas, había que pasar o penico debaixo da mesa para que non se tivesen que erguer. As mulleres, aínda tiñan que recoller, fregar e limpar todo o que mancharan. Levaba tempo. Eles, cafés, augardente ou licores, de sobremesa e moito laricar. Nas festas, había baile e as mulleres se vestían e arranxaban para ir bailar. Que resistencia! Pero, antes mortas que paradas, xa o tiñan asimilado. 

No caso de marido emigrante, a muller seguía coidando do eido. Ademais quedaba a sogra encargada de mandar. Xa tiña o apelativo de “sogra maltratadora”. 

Incluso nas clases altas, as señoras, en público, non podían estar ociosas, sempre tiñan un labor na man, unha costura, un bastidor para bordar. Mentres os homes tiñan cigarros e copas.

Traballo si; escola non. As nenas non acostumaban pisar a escola. Aos 16, 17 anos xa estaban para casar. Algunhas avoas podían facer ben o oficio de casamenteiras. E se pillaban un garda civil ou algún que tivese un oficio oficial, non lles importaba deixalos xuntos coa neta en lugares agachados para que a mociña quedase embarazada. El estaría obrigado a casar. E ela, volta a empezar. “Dime casadiña nova, como che vai de casada.” “Como criada que serve e non lle pagan soldada” 

Sempre cito a Concepción Arenal. Escribiu: “Os médicos din que as mulleres morren de tal ou cal enfermidade. En realidade morren de exceso de traballo”

Hoxe en día, algunhas mulleres traballan no sistema público, e cobran un salario, en casos un 20% menor que os homes polo mesmo traballo. 

Pero todas, unhas máis ca outras, fan traballo no sistema privado. Un sistema que non existe na Constitución. Pero o traballo oculto que se realiza no fogar, sempre o digo, a ver se algún do Goberno se enteira, produce máis PIB que a industria. É todo unha impostura cando falamos de mulleres. Até o noso traballo é invisible. A muller que fai “os seus labores” aínda bota crema nas mans e se prepara para recibir o marido. Aquí non pasou nada.

Durante a ditadura, no DNI, todas as mulleres tiñamos “Sus labores” no respectivo apartado. Cando acabou, dixéronme, xa podes cambiar iso. Eu dixen, non. Mentres estea obrigada a facelos non penso cambialo. Díxeno diante do marido e amizades que quedaron un pouco sorprendidas. Pero así é. Non quería transixir coa impostura. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.