Antídoto contra o veleno

Santiago Abascal nun acto de Vox en Palencia esta semana © VOX

O único antídoto contra o veleno de PPVox é votar masivamente o 29N. En defensa do noso país e tamén da democracia: cuestionar a limpeza do proceso electoral é o que levou a Trump a lexitimar o asalto ao Capitolio

A estas alturas un ten que escribir PPVox ou VoxPP, o cal non debería estrañar a ninguén, Vox vén de onde vén -basicamente do PP, embora tamén algúns elementos pasaron antes por grupos neonazis- e o PP tamén vén de onde vén, un partido fundado por un ministro de Franco e con militancia no sector da ditadura máis xeneticamente fascista, o da Falange.

Pois ben, no sprint final da carreira electoral, ese PPVox ou VoxPP está tentando por todos os medios inxectarnos veneno, o cal non debería estrañar a ninguén, levan toda a lexislatura empozoñando a vida pública, e tampouco debe estrañar a ninguén que na Galiza teña unha certa idade, non sexamos adanistas, non foi Trump quen inventou as fake news, os que vivimos a primeira campaña de Feijoo, a de 2009 contra o bipartito, lembramos perfeitamente as mentiras, os boatos, as difamacións, os ataques contra as familias. Sen esa lama, sen esa mácula que o perseguirá sempre, Feijoo nunca tería sido presidente da Xunta.

Como tampouco tería chegado Feijoo ao despacho de Génova se previamente non fose utilizado por Ayuso para eliminar a un Pablo Casado que, nun xesto naif, non sabía onde se metía, ousou denunciar a corrupción que aniña no goberno autonómico de Madrid. Feijoo non apoiou Casado para combater os corruptos, aliouse cos corruptos para aterrar na capital do Estado, aquí non só Sánchez ten ambición.

Na realidade real, non na virtual das enquisas, as cousas non son como nolas queren presentar as forzas reaccionarias.

O veleno destes días é que o ditador prepara un pucheirazo, non somos Europa, somos unha república bananeira (dito isto, para pucheirazo, o do Tamayazo en 2003, o latrocinio perpetrado polo PP en Madrid, furtando as eleccións ao PSOE). Voltemos ao fío: o veneno destes días é a operación win win. Que as profecías autocumpridas das enquisas cociñadas polos medios dereitosos se cumpren, pois nada, de súpeto todos os problemas de España fican resolvidos, e o poder volve aos seus lexítimos donos, os representantes das clases dominantes. Que as enquisas fracasan na súa función de modelar -non fotografar- a opinión pública, pois nada, proba evidente de España ser unha ditadura, non unha democracia.

Claro que ese win win ten un pequeno problemiña: ao tempo que se denunciaría o roubo das eleccións, a cabeza política de Feijoo rodaría polo chan, a guillotina sempre está ben afiada en Génova. Estaríamos perante unha pequena contradición: se a vitoria da antiEspaña é fraudulenta, por que eliminamos o chefe de PPVox ou VoxPP? Bah, o Partido Columnista xa se ocuparía de xustificar o relevo de Anatop At.

Derrotar nas urnas o trumpismo de PPVox -tirarlles a carauta, que a xente vexa o seu rostro real- é condición necesaria para salvar as liberdades cívicas, sociais e nacionais na Galiza

Así están as cousas a poucos días de ir votar. Na realidade real, non na virtual das enquisas, as cousas non son como nolas queren presentar as forzas reaccionarias. Na Galiza, calquera que teña ollos e ouvidos ve que o PP baixa (goberna desde 2009 e acusa o desgaste) e sobe o BNG, a disputar escanos a PPVox en no mínimo tres circunscricións, cun PSdeG que fixo o seu maior acto de masas das últimas décadas.

O único antídoto contra o veleno de PPVox é votar masivamente o 29N. En defensa do noso país e tamén da democracia: cuestionar a limpeza do proceso electoral é o que levou a Trump a lexitimar o asalto ao Capitolio. Derrotar nas urnas o trumpismo de PPVox -tirarlles a carauta, que a xente vexa o seu rostro real- é condición necesaria para salvar as liberdades cívicas, sociais e nacionais na Galiza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.