Joaquín Soler Serrano entrevistou en 1979 no programa de televisión “A Fondo”, a Victoria Kent
Joaquín Soler Serrano entrevistou en 1979 no programa de televisión “A Fondo”, a Victoria Kent. Aparece a señora, lúcida, xa maior, que regresa en plena Transición, despois de residir en América durante corenta anos. Ela fora excepcionalmente capaz, ben formada, decidida e valente.
“A Fondo” é unha obra mestra do xornalismo, completa, enteira. O seu condutor lembra o labor político e xudicial da entrevistada durante a II República (31-36), como avogada, deputada e directora xeral de prisións.
Algunhas das cuestións que se apuntan parecen incríbeis, sobre todo cando ela responde, por antigas, por remotas. Temos a sensación de ouvir unha testemuña tan potente como antiga, dun tempo tan distante que na aparencia apenas garda vínculos co noso tempo.
Temos a sensación de ouvir unha testemuña tan potente como antiga, dun tempo tan distante que na aparencia apenas garda vínculos co noso tempo
Sobre cando prohibiu e mandou recoller todas as argolas con cadea que os penados levaban nos pés mentres durmían. Fundiunas e dedicou parte de aquel ferro a unha estatura qeu lle erixiron en 1934 a Concepción Arenal, visitadora de cárceres moitos anos antes.
Tamén explica como decidiu conceder os primeiros permisos de saída, condicionados a volver; foi algo absolutamente incomprendido, sobre todo polos de sempre, polos perseguidores de calquera avance ou novidade. Tardaríanse outros cincuenta anos sesenta anos en volver a ensaiarse, xa na democracia actual. Tamén estableceu a non obrigatoriedade de asistir á misa católica.
A señora Kent viaxa ao Dueso, o penal dos máis perigosos, onde todos os presos estaban armados, reúneos no patio, sobe a unha palestra, fala con todos e consegue convencelos de que entreguen as armas, fano alí mesmo, diante dela, todos reunidos. Cómpre valor. Proceden dese xeito a cambio de campos de xogo, salarios e certas condicións.
É coñecida a súa oposición ao voto feminino no ano 31, que se postula sobre todo desde o PSOE. Na entrevista argumenta as causas: porque ás mulleres influíaas sobre todo o confesor, carecían de preparación e non era o momento, ademais as forzas progresistas perderían as eleccións xerais seguintes ante as dereitas, calculaba ela, como así aconteceu, por suposto que contrarias absolutamente a calquera mellora da condición feminina.
Ela propuña esperar. A que a muller se identifique coa República, porque a muller necesita un ideal, afirma, e recalca que ela non se opuña en absoluto ao voto feminino; que deberían ter esperado a que se activasen resortes de avance social da muller. É dicir que pensa politicamente e trata de resolver un problema táctico moi serio.
O día en que se aprobou o voto feminino, pola noite, chamouna Julián Besteiro, veterano socialista, presidente do Congreso, para dicirlle: “Victoria creo que fixemos unha parvada”.
A súa maior inimiga nese debate foi Clara Campoamor “nin ela saíu, nin eu tampouco” comenta, e rompe a rir. “Víamos votando monxiñas... en fin...” “Nas do ano 36 Clara saíu deputado e eu tamén saín deputado (sic)”.
-E na actualidade as mulleres están capacitadas? pregunta o entrevistador (ano 79).
-Vanse capacitando, vanse capacitando.
Os xornais deste noso tempo clasifícana dentro do feminismo, mais ela di que non se considera feminista en absoluto e afonda en sorprendentes e arcaicas concepcións da paridade
Os xornais deste noso tempo clasifícana dentro do feminismo, mais ela di que non se considera feminista en absoluto e afonda en sorprendentes e arcaicas concepcións da paridade, como a de considerar que foron os homes ao longo da historia os que lograron as conquistas sociais, técnicas, de mellora, e que a muller, sen telas conseguido, se beneficiou delas.
Soler Serrano, intelixente, culto e razoábel, cuestiónaa “porque igual a opresión á que estaban sometidas as donas non permitía iso”. A señora responde con coherencia argumental desde unha órbita que hoxe nos pode parecer da Idade Media, pero perfectamente trabada: “a ciencia debémoslla aos homes, a cultura debémoslla aos homes. Estou de acordo que nosoutras nos sumemos para contribuír a esas actividades, pero o que hai debémosllo aos homes, e eu necesito unha man do home, que poidan axudarme”.
Que os homes sempre foron fabulosos e que nunca viviu un acontecemento de marxinalidade, senón que ao contrario, sempre foi beneficiada por eles e pola boa disposición do sexo contrario. Máis ou menos.
A grande loitadora polos dereitos durante a II República tamén ten palabras sobre o divorcio, que considera tan consubstancial á convivencia que non debe figurar en ningunha constitución, porque carece de sentido que se exhiba unha evidencia como esa.
Agora ben, cando a muller decide ter fillos, e aí ponse moi firme, a súa obriga é a de crialos e de ningunha maneira deben aparecer escusas como a do traballo, deixando, case abandonando, dedúcese, os cativos en garderías infantís, descoidados en consecuencia, mentres a muller se aparta da súa obriga principal.
Ah, e tamén avogada do sindicato nacional ferroviario, precursora por tanto do laboralismo.