Antonio Romero Ortiz naceu en Santiago o 24 de marzo de 1822 e faleceu en Madrid o 18 de xaneiro de 1884. Ao longo da súa vida, tivo unha destacada traxectoria tanto no ámbito da política como no da cultura. Foi un dos protagonistas da Revolución galega de 1846, íntimo amigo de Antolín Faraldo e Xosé Rúa Figueroa, exiliado en dúas ocasións, deputado máis de tres décadas, gobernador civil de varias provincias, vicepresidente da Deputación de Madrid e do Congreso dos Deputados, ministro de Graza e Xustiza no Goberno provisional do Sexenio e impulsor de medidas laicistas (por iso o alcumaron “Lutero Ortiz”), e tamén, un tempo despois, de Ultramar, gobernador do Banco de España, coleccionista, xornalista, dramaturgo, ensaísta, membro da Real Academia da Historia, presidente da Asociación de Escritores y Artistas españois…
Ao longo da súa vida, tivo unha destacada traxectoria tanto no ámbito da política como no da cultura. Foi un dos protagonistas da Revolución galega de 1846, íntimo amigo de Antolín Faraldo e Xosé Rúa Figueroa
Parcas son as informacións das que se dispón sobre o seu ingreso na francmasonería; Miguel Morayta y Sagrario menciona que xa pertencía á Orde cando era ministro de Graza e Xustiza en 1868, aínda que Tirado de Rojas retrasa o seu ingreso a décadas atrás, probablemente nunha loxa portuguesa e como consecuencia do seu exilio logo do fracaso da Revolución galega de 1846. O nome simbólico que utilizaba era “Fraternidad”. E, dado o cargo que ocupou, ostentaba o grao 33º, o máis alto do Rito Escocés Antigo e Aceptado. ¿Cómo chegou Antonio Romero Ortiz a ser Gran Mestre do Gran Oriente de España GODE, fundado en 1869, e Soberano Gran Comendador do Supremo Consello do Grado 33 (fundado en 1811, o terceiro máis antigo do mundo)?
¿Cómo chegou Antonio Romero Ortiz a ser Gran Mestre do Gran Oriente de España?
Non entraremos agora a analizar as vicisitudes e divisións da masonería española ao longo do século XIX. Chegamos a 1880. Práxedes Mateo Sagasta, Gran Mestre do GODE e Soberano Gran Comendador do Supremo Consello do Grado 33 presentou a renuncia irrevogable dos seus cargos no outono dese ano. O 3 de novembro foi elixido para substituílo Antonio Romero Ortiz, que tomou posesión dos máis altos cargos masónicos o 10 de maio de 1881.
Quedou, logo, como único Soberano Gran Comendador lexítimo e regular, sendo recoñecido en tal carácter en 1882 por Albert Pike, Soberano Gran Comendador da Xurisdición Sur dos Estados Unidos e sucesivamente polos Supremos Consellos de Escocia, Irlanda, Grecia, etc.. Sabemos que Pike solicitou antecedentes dos membros que constituían o Oriente encabezado por Romero Ortiz para valorar a súa lexitimidade, e que o GODE enviou o 31-10-1881 un “balaústre” [carta] no que expresaba, entre outras cousas, que moita documentación masónica fora destruída en 1846, coa anuencia da Gran Loxa Unida de Inglaterra, debido ás medidas represivas do xeneral Narváez.
O recoñecemento por parte de Albert Pike da lexitimidade do GODE e do SCG33 que encabezaba Romero Ortiz frustrou as expectativas doutro sector da masonería española, que cuestionaba en 1882 dito recoñecemento.
O importante dirixente da masonería española Manuel de Llano y Persi (de nai galega), no acto da súa investidura como Gran Mestre adxunto, celebrado en Madrid o 10 de maio de 1881, referíndose a Romero Ortiz, manifesta que aínda que el [de Llano] pertencía no mundo profano a un partido político que sustentaba e defendía solucións radicais nas esferas do Goberno, “aquí, dentro de la Orden, no ha conocido jamás esas diferencias entre hermanos, y que por esta circunstancia, reconociendo al hermano Romero Ortiz como una eminencia en la Literatura y en la Política, y como uno de los hombres más grandes de España, estará siempre a su lado como simple obrero dentro de la Orden”. Noutro momento da súa intervención, ao referirse ao “ilustre repúblico que acaba de tomar posesión del puesto de Gran Comendador...” [Romero Ortiz], afirma que “su brillantísima historia de merecimientos y honrosos títulos, que le presentan como una verdadera gloria nacional, son ciertamente una esperanza legítima para el porvenir del Gran Oriente de España”.
En Galicia, dende a súa fundación, o GODE, contou con algunhas das loxas máis prestixiosas da historia da masonería galega
Nun Banquete celebrado o 27 de xuño de 1881 no restaurante “La Perla” de Madrid, aparece presidindo Romero Ortiz, Gran Comendador e Gran Mestre do “Gran Oriente de España”, que dirixe a palabra aos asistentes; intervén tamén de Llano y Persi, Gran Comendador adxunto.
En Galicia, dende a súa fundación, o GODE, contou con algunhas das loxas máis prestixiosas da historia da masonería galega: “Romano”, “Herculina” e “Brigantina” (A Coruña), “Luz de Finisterre” e “Unión Masónica” (Ferrol), “Luz Compostelana” (Santiago), “Luz de Brigantium” (Betanzos), “Auria” e “Amor” (Ourense), “Luz del Avia” (Ribadavia), “Helénica” (Pontevedra), “Oliva”, “Oliva e Hijos de Hiram” e “Nueva Hiram” (Vigo), “Estrella Galaica” e “Perfección” (Lugo), “Adalides del Progreso” (Verín) e “Luz de Arosa” (Vilagarcía). Nelas figuraron persoas como Federico Tapia, Francisco Suárez García, Juan Montero Telinge, Antonio Prieto Puga, Arturo Soria, Benito Losada Astray, Santiago Casares Paz, Segundo Moreno Barcia, Manuel López Navalón, Esteban Quet, Maximino Teijeiro, José Sánchez Villamarín, Braulio F. Reino, Juan Manuel Amor, Manuel Curros Enríquez, Cesáreo Rivera Abraldes, Indalecio Armesto, Pascual Paz ou Luis A. Mestre.
No período que Romero Ortiz dirixiu o GODE, acometeu outra nova reforma constitucional coa intención de seguir favorecendo a autonomía do simbolismo (é dicir, das loxas simbólicas, as que traballan nos tres primeiros graos –aprendiz, compañeiro e mestre-). Neste sentido emitiuse un decreto, de 14 de xaneiro de 1882, separando definitivamente o filosofismo (grados 4º ao 33º) do simbolismo e disolvendo a Gran Loxa de Administración. A nova Constitución promulgouse o 28 de maio de 1884, a penas dous meses despois do seu pasamento. Tamén durante o seu mandato, en 1881, a maior parte das loxas cubanas que estaban afiliadas ao “Gran Oriente de España de Pérez”, unhas 20, intégranse no GODE de Romero Ortiz.
Nicolás Díaz y Pérez, no seu libro “La Francmasonería española. Ensayo histórico-crítico de la Orden de la Francmasonería en España desde su origen hasta nuestros días, publicado en Madrid en 1894, ademais de recoller a noticia dos seus nomeamentos”, o cualifica como o máis revolucionario do Goberno de 1868, dicindo que suprimira máis de 300 conventos; tamén comenta que Romero Ortiz recibiu do xeneral Milans del Bosch (o vello), que actuara na iniciación como Mestre de Ceremonias, o discurso que pronunciara o xeneral Juan Prim Prats logo de ser iniciado, en 1839, na loxa “Tolerancia y Fraternidad” de Madrid.
Falecido o 18 de xaneiro de 1884, o seu enterro foi un acontecemento político, masónico e librepensador. Asistiron moitas representacións masónicas. O Boletín da obediencia, o 30 de xaneiro de 1884, dedica ao pasamento 15 páxinas. O periódico “El Liberal” (21-1-1884), menciona un cortexo dunhas 1.000 persoas, entre as que estaban Juan Utor (representando á masonería), Núñez de Arce, Sagasta, Castelar... Noutros xornais menciónase que unha das cintas portábaa o vello francmasón coruñés Juan Montero Telinge, en representación de Galicia.
Morto Romero Ortiz, por primeira e única vez na historia do Supremo Consello, para prover o cargo de Soberano Gran Comendador que, naquela época, levaba anexa a Gran Mestría do Gran Oriente simbólico, convocouse a elección directa polo “pobo masónico”. A elección tivo lugar o 15 de agosto de 1884, gañando outro galego, o lugués Manuel Becerra Bermúdez. Outros candidatos foran, por exemplo, Emilio Castelar, Manuel Ruiz Zorilla, Práxedes Mateo Sagasta, Victor Balaguer ou Francisco Pí y Margall. Manuel Becerra permanecerá no cargo ata 1889, ano no que demite.
A única referencia de primeira man que existe da pertenza de Manuel Curros Enríquez á francmasonería encontrámolo nunha carta que o poeta dirixe a Romero Ortiz anunciándolle o envío dun exemplar da 2ª edición de “Aires da miña terra”
Só como nota curiosa, diremos que a única referencia de primeira man que existe da pertenza de Manuel Curros Enríquez á francmasonería encontrámolo nunha carta que o poeta dirixe a Romero Ortiz, datada o 17 de xuño de 1881, anunciándolle o envío dun exemplar da 2ª edición de “Aires da miña terra”, lembrándolle que se coñeceran, un ano antes, nos Xogos Florais de Tui e que, naquela ocasión, non puidera agasallalo co libro xa que non dispuña de exemplares. Curros indícalle que é membro da loxa “Auria” de Ourense, “de la cual es V. en la actualidad el más alto y poderoso representante. Deu a coñecer esta carta Luis González Tosar nun artigo publicado en “El Ideal Gallego” o 24 de febreiro de 2008, titulado “Centenario de Curros Enríquez”.