Anuncios lonxe, efectos preto. E nós, chupando o dedo

CC-BY-SA Praza Pública

Coinciden na prensa novas sucedidas lonxe, pero con efectos aquí, con efectos que nos afectan. O mundo é un pano. Ás veces, demasiadas, un pequeno pano de lágrimas.

Parece que por fin vai estendéndose a idea de que hai que coidar o noso planeta, e pouco a pouco tradúcese en declaracións. Declaracións que estamos afeitos a que sexan papel mollado en foros internacionais que se organizan para iso, para que as elites podan figurar dicindo o que lles parece que queremos escoitar. Semella que as verbas 'móllanse menos' en tódolos sentidos, tanto os líderes para emitilas como na resistencia ó paso de palabra a obra, cando as di un 'líder' (con todo o malo e se cabe, bo que pode ter a palabra) fóra dunha xuntanza internacional e sen ser interpelado para que faga unha declaración tal. Pasou hai uns días cando o máis alto mandatario chinés anunciou que o seu país, principal contaminante mundial na actualidade, tería unha pegada de carbono neutra para o 2050. Seguro que na declaración quedan algúns bordos que poden permitir saírse pola tanxente a quen fixo a declaración e ó país que debería levala a cabo, pero algo é algo, e máis aínda polo efecto tractor que pode ter cando quen a fai é o presidente dun estado como o chinés. Efecto tractor que pode ter arrastrado xa a outro país por boca do seu primeiro mandatario: onte fixo o mesmo tipo de declaración) o novo líder xaponés, outra nación que depende do petróleo en grande medida, confrontada con China en múltiples campos, e veciña, como dicimos en Ribadeo, 'mar por medio'. Como estados individuais serían o segundo e terceiro en potencia económica a nivel mundial, se a China non é xa de xeito efectivo o número un. E en que nos afecta? Pois a grandes trazos, de cumprirse, reduciría o aumento do dióxido de carbono na atmosfera á metade do ritmo actual, coas implicacións no quecemento global que iso ten. Naturalmente, 'a cousa', o aumento da temperatura global, é máis complicada como para tentar despachala dun plumazo, e entre outras moitas variables, o resultado dependerá do ritmo co que se comece a traballar paras cumprir coa declaración feita... pero repito unha cousa que xa dixen: algo é algo. E o recoñecemento público voluntario leva consigo un impulso para o cambio de mentalidade global, tamén teu e meu, nun feito que xa está a ter graves implicacións no xeito de vida da poboación mundial.

No mesmo xornal que vexo o anterior, un titular anuncia que a campaña presidencial de Trump vai vento en popa, cun discurso onte de hora e media do que comenta que o "President Trump made 131 false or inaccurate statements". Pódese dicir algo como 'é Trump, que esperas, que non diga mentiras?' Pero o caso é que o presidente norteamericano sería algo así como o buque insignia: ó longo do mundo parece ser máis e máis común que a xente, 'o pobo', pase das mentiras dos políticos, que se toman ben como verdades divulgadas a base de propaganda, ben como paso ‘necesario’ para a consecución do mandato, ou como algo natural para desprestixiar ó contrario e prestixiarse un. Iso, por máis de que se poda dicir dalgún político que é honrado e consecuente no seu dicir e facer.

Así pois, neste tempos, e enfrontado o dito no segundo parágrafo co reflectido no terceiro, con que nos quedamos? Coa esperanza? Coa esperanza, en que?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.