Apagamento

Mural en Palestina © Moncho Iglesias Míguez

Hai 77 anos, as luces das casas de milleiros de persoas apagáronse para sempre. O escurecemento dese 15 de maio de 1948 coñécese como a Nakba, o día no que o sionismo expulsou dos seus fogares arredor de 750.000 palestinas e palestinos, un terzo da poboación, que dende ese momento abandonou a súa cidadanía para ser refuxiada

Hai 77 anos, as luces das casas de milleiros de persoas apagáronse para sempre. O escurecemento dese 15 de maio de 1948 coñécese como a Nakba, o día no que o sionismo expulsou dos seus fogares arredor de 750.000 palestinas e palestinos, un terzo da poboación, que dende ese momento abandonou a súa cidadanía para ser refuxiada. Mais a data exacta da catástrofe non é esa, senón anos de traballo ideolóxico que remataron nunha proclama que logo deu paso a sucesivas hordas de ocupación.

A ideoloxía sionista comezou a se fraguar en Europa a finais do século XIX. Daquela, a poboación xudía sentíase ameazada baixo o dominio do imperio ruso e agromou a idea da creación dun estado de seu. Así, o xornalista austríaco Herzl redactou as bases deste pensamento que, nun principio, barallou a posibilidade de establecerse nalgún territorio de Arxentina ou Uganda. Con todo, o concepto de Terra Santa como lugar prometido por Deus a xente de fe xudaica provocou que as primeiras ondas migratorias se asentasen arredor de Xerusalén, a carón doutras fes que sempre recibiron de bo grado outras persoas.

Cidade vella de Xerusalén © Moncho Iglesias Míguez

A principios do XX, e tras a disolución do imperio otomán, esa Terra Santa quedou en mans do imperio británico, que prometeu axudar a crear na rexión un fogar nacional para o pobo xudeu. Aumentaron, xa que logo, os conflitos entre a poboación local e a colonizadora, e en 1936 estoupou unha revolta árabe contra os mandatarios británicos e que acabou con centos de persoas deportadas ou illadas en campos de concentración e barriadas enteiras esnaquizadas. 

Mentres brillos e chispas escintilan o mundo máis metalizado, a outra parte continúa sumida na escuridade, mais coa chama da esperanza acesa, unha chave cara ao futuro, sen nome de guerra: Palestina

En 1944, mentres o goberno británico trataba de reducir a inmigración sionista, varios grupos armados declaráronlle a guerra, o que provocou que a comezos de 1947 o asunto pasase ás mans das ONU, que aprobou a resolución 181: dividir a zona en dous estados, un para a poboación xudía e outro para a árabe. Nesa altura, os primeiros só representaban un terzo da xente e ocupaban menos do 6% da zona; con todo, co plan de partición pasaron a ter un 55% do territorio e apropiáronse da costa e das terras agrícolas máis importantes.

A resolución 181 enseguida ocasionou enfrontamentos entre grupos árabes e sionistas, con estes últimos ben adestrados e armados por mor da Segunda Guerra Mundial. Dende ese momento, os masacres tiveron nomes propios: Baldat al-Xej, Der Iasín, a xa mencionada catastrófica Nakba ou a Naksa, a guerra de 1967, na que o xa establecido estado de Israel ocupou a maior parte da Palestina histórica. Só certos períodos de silencio cara ao exterior semellaron traer a luz ao fondo dun túnel construído e tapiado xa hai centos de anos. A realidade, dentro, foi fuxir ou adaptarse e calar.

O apagamento de 2025 é consecuencia da amortuxada conciencia global e da incesante loita por conseguir unha poderosa luz que alumee os misteriosos ministerios da forza mundial. Mentres brillos e chispas escintilan o mundo máis metalizado, a outra parte continúa sumida na escuridade, mais coa chama da esperanza acesa, unha chave cara ao futuro, sen nome de guerra: Palestina.

Muro de separación en Belén © Moncho Iglesias Míguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.