Amañece Madrid cunha pantalla rosa iluminando a todo gas a praza de Callao. O texto reza: Nosotras parimos, nosotras decidimos. É 28 de novembro, só tres días despois do día internacional pola erradicación da violencia machista. Seis mil cartaces anegan a cidade. Unha web exhibe 200 vídeos con testemuños de mulleres que se suman á campaña “eu xestaría de forma voluntaria” e intervencións de xestantes que contan a súa experiencia.
Jesús Vázquez, o presentador, afirmaba días antes nunha entrevista que “Os estados patriarcais non son ninguén para dicirlle a unha muller se pode ou non alugar o seu ventre”.
En ambos casos estas afirmacións, de confusa aparencia feminista, encamíñanse a prol da “xestación subrogada”, presentándoa como un dereito. Quen emiten as mensaxes son a Asociación de familias pola xestación subrogada - cuxo voceiro é un tal Hugo Albornoz -, e un famoso que vén de “ser pai” mediante este método.
Permítanme as comiñas e as cursivas, porque aquí nada é o que semella.
A xestación subrogada, o mesmo que a prostitución, é un sistema dirixido polo poder real para lucrarse coa explotación das mulleres máis sensibles
A xestación subrogada, o mesmo que a prostitución, é un sistema dirixido polo poder real para lucrarse coa explotación das mulleres máis sensibles. Máis nada. Unha actividade económica, computada no PIB dos estados, que move millóns de euros e é, en si mesma, brutal violencia machista.
A pouco que naveguemos pola rede descubriremos como funciona a maquinaria dos “ventres de alugueiro”. Atoparemos catálogos de mulleres coas súas características físicas, embarazos e partos previos, informes médicos. Comprobaremos que son mulleres da Europa do leste, da India... habitantes de lugares empobrecidos nos que elas son as últimas da cadea alimenticia. Saberemos do horror das granxas de mulleres. Coñeceremos as garantías que se ofertan ás persoas que mercan: devolución do aboado ou do produto de non estaren conformes co resultado, abortos selectivos para eliminar fetos en casos de embarazos múltiples ou posibles doenzas do futuro bebé, cesáreas obrigatorias para garantir a data de parto desexada, reclusión forzosa das xestantes. A realidade desta violencia está a un clic dos nosos ollos.
Porén, o patriarcado ten unha inmensa capacidade para voltear o discurso das oprimidas, baleiralo, reformulalo e poñelo ao seu favor. O emprego como slogan e como argumento dun dos lemas máis senlleiros e recoñecibles do feminismo, o do dereito a decidir sobre os nosos corpos, dá bo exemplo disto: o patriarcado transformou a liberación sexual na idea das mulleres libres obxecto do desexo patriarcal que xustifica a submisión e cousificación e achega cifras multimillonarias ao negocio do porno. A incorporación ao mercado do traballo forneceuno de estratexias para empobrecer as familias. Grazas á autonomía reprodutiva fixo de nós un target para as industrias médica e farmacéutica, medicalizou os nosos corpos, arrebatounos a maternidade pracenteira e colocounos en posicións imposibles no eido laboral.
Esta estratexia, a da apropiación indebida das nosas palabras, da nosa mensaxe, é perigosa, daniña, letal
Esta estratexia, a da apropiación indebida das nosas palabras, da nosa mensaxe, é perigosa, daniña, letal. Non queda outra que vindicar a nosa palabra, mais tamén aprender do inimigo e aplicar para nós a súa táctica. Reformulemos o seu discurso, deámoslle a volta, traiámolo para o noso terreo. No feminismo hai precedentes: a palabra queer, que inglés significa “desviado/a” e se empregaba decote para referirse a persoas homosexuais, agora denomina a aquelas que non se identifican co modelo cisheteropatriarcal. Agora é un termo empoderado e empoderante. Así que podemos e sabemos facelo.
Porque si: as mulleres somos quen para dicir aos estados como deben lexislar sobre os nosos corpos, sobre os nosos dereitos. Porque non somos mercadoría. Nós decidimos.