Agora que se cumpren 40 anos da revolta acaecida en Portugal, resulta imposíbel evitar as lembranzas daqueles días posteriores ao 25 de abril de 1974. Para un militante do MCG (Movemento Comunista de Galiza) que asumía as servidumes derivadas do combate clandestino contra o franquismo, a visión directa da manifestación do 1º de maio no Porto foi o mais parecido ao descubrimento do paraíso imaxinado na longa noite de pedra compartida durante tantos anos.
A sorpresa que causou a acción dos integrantes do MFA entre as formacións antifranquistas foi moi elevada
A sorpresa que causou a acción dos integrantes do MFA entre as formacións antifranquistas foi moi elevada. Carentes dunha información de calidade contrastada a respecto do que se estaba movendo no país veciño, algúns estabamos instalados na crenza de que as ditaduras ibéricas só podían ser derrubadas mediante unha forza social que fose quen de cuestionar o propio sistema capitalista vixente en ambos Estados. As nosas análises non contemplaban a posibilidade dun cambio político que fixese compatíbel o establecemento dun réxime democrático co mantemento, no substancial, das premisas definitorias do sistema económico dominante na Europa occidental.
A partir dese momento a ilusión foi buscar os escenarios que facilitasen unha verdadeira ruptura democrática co franquismo
Visto dende o territorio galego, o 25 de abril foi unha oportunidade decisiva para axustar os ideais revolucionarios que profesabamos á realidade na que viviamos. A partir dese momento a ilusión foi buscar os escenarios que facilitasen unha verdadeira ruptura democrática co franquismo. O risco do mimetismo seguía presente no noso universo mental: diriximos a mirada cara o Exército e onde antes só atopabamos cómplices activos da violencia represiva, descubrimos, con satisfacción, a presenza dunha meritoria –aínda que moi minoritaria- UMD (Unión Militar Democrática) que pretendía mudar o papel que xogaba a institución no réxime de Franco.
O 25 de abril foi, sen dúbida, unha fonte de aprendizaxe para as forzas antifranquistas pero tamén serviu de aviso aos sectores do réxime que eran conscientes da inviabilidade da súa continuidade mais alá da desaparición física de Franco
A envexa que sentiamos diante dos acontecementos que se vivían en Portugal e o forte desexo de rematar coa ditadura insoportábel que padeciamos non nos permitiu calibrar axeitadamente o principal factor diferencial que neutralizaba calquera pretensión analítica uniformizadora: o dominio colonial do réxime salazarista. Tal e como recoñeceu Otelo Saraiva de Carvalho na súa recente estancia en Pontevedra, as aventuras militares africanas precipitaron a reacción organizada dos oficiais demócratas que querían outro futuro para o seu país. No caso do Estado español non existían circunstancias específicas capaces de crear fendas relevantes nun Exército que promovera –e gañara- un levantamento contra a II República.
O 25 de abril foi, sen dúbida, unha fonte de aprendizaxe para as forzas antifranquistas pero tamén serviu de aviso aos sectores do réxime que eran conscientes da inviabilidade da súa continuidade mais alá da desaparición física de Franco. E tamén foi unha advertencia para os poderes económicos e os partidos dominantes nos Estados europeos mais determinantes. Para uns e outros, a experiencia portuguesa colocaba enriba da mesa unha prioridade urxente: evitar unha ruptura incontrolada dos aparellos da ditadura. Por iso, a partir do 20 de novembro de 1975, comezou aquí unha historia moi diferente da que nacera poucos meses antes nas rúas de Lisboa e do Porto.