Neste 2012 que remata perdemos algúns dos últimos galeguistas e republicanos que nos vencellaban á campaña do estatuto do 36 e a outros ideais e mobilizacións deses anos: en xaneiro morreu Isaac Díaz Pardo e en agosto deixounos Avelino Pousa Antelo. Porén, hai tamén outros, menos coñecidos, que pola súa lealdade á república sufriron exilio, expulsión do traballo ou cárcere. Neste ano faleceu tamén, aos 102 anos, Manuel Brañas Cancelo. A historia dos sete irmáns Brañas, cinco homes e dúas mulleres, dos que só está viva María, merece ser lembrada.
Neste ano faleceu tamén, aos 102 anos, Manuel Brañas Cancelo. A historia dos sete irmáns Brañas, cinco homes e dúas mulleres, dos que só está viva María, merece ser lembrada
Naceron en Serantes, agora integrado no Ferrol, mais daquela un concello independente. Toda a vida negaron a pertenza a aquel Ferrol "do Caudillo". Eu son de Serantes, non do Ferrol! adoitaba dicir Manuel, o terceiro, nacido en 1909. Os máis vellos, Xosé, Antonio e Manuel estudaron na Escola de Maquinistas da Armada, no Ferrol. Ingresábase por exame aos 16 anos, cun número de orde dependendo da cualificación, e logo ían ascendendo. Xosé foi o número un da súa promoción, Antonio o dous e Manuel o tres, mais nun ano no que se ingresou aos 14 anos. Ao comezaren tan novos – eran moitos irmáns e cumpría levar un xornal para a casa – e ser tan brillantes, de continuaren a carreira na mariña e non ser expulsados, sen dúbida terían chegado a xenerais. Xoán e Pedro, máis novos, puideron estudar na universidade grazas ao apoio dos irmáns que traballaban. As mulleres, María (Maruxa) e Marina tamén pasaron un tempo en Santiago estudando mecanografía e contabilidade na Sociedade Económica de Amigos do País.
Militantes ou simpatizantes (os militares non podían ter afiliación) do Partido Galeguista, nos primeiros días da sublevación do 36 os tres mariños, daquela oficiais, foron chamados a filas. Por lealdade á república e ao goberno legal, os tres negáronse
Militantes ou simpatizantes (os militares non podían ter afiliación) do Partido Galeguista, nos primeiros días da sublevación do 36 os tres mariños, daquela oficiais, foron chamados a filas. Por lealdade á república e ao goberno legal, os tres negáronse. Antonio, o de rango máis alto, daquela ao mando da frotiña do Cantábrico, exiliouse a Francia para non loitar contra os seus. Internado nun campo de concentración durante a ocupación nazi, despois emigraría á Arxentina, onde morreu. Manuel e Xosé estiveron presos no Ferrol desde os primeiros días da sublevación. Logo Manuel sufriu desterrado a Haro, onde era obrigado a pasear co uniforme de mariño da república, talvez coa intención de que fose atacado. Xosé foi encarcerado na prisión de Soria e durante moitas noites temeu ser "paseado", pois a escolla dos que ían ser fusilados parecía responder máis ao capricho ou ao azar que a algún criterio. Eles e outros militares leais ao goberno constitucional foron encausados en consellos de guerra polos golpistas. Nas denuncias doutros mariños tamén tivo que ver, segundo algúns compañeiros, o desexo de eliminar competidores que estaban por diante no escalafón.
Xoan, amigo de Fernández del Riego e tamén profesor na facultade de dereito da Universidade de Santiago e Pedro, axudante de Parga Pondal na mesma universidade, ambos colaboradores do Seminario de Estudos Galegos, eran destituídos en novembro de 1936
Xoan, amigo de Fernández del Riego e tamén profesor na facultade de dereito da Universidade de Santiago e Pedro, axudante de Parga Pondal na mesma universidade, ambos colaboradores do Seminario de Estudos Galegos, eran destituídos en novembro de 1936. Distinta sería a universidade da posguerra de non cuspir do seu seo nos infames expedientes de depuración aos profesores máis brillantes.
Acabada a guerra, José Fernández López constituiu a salvación para eles e outros depurados, fornecéndolles traballos dignos. Pedro e Manuel colaboraron con Isidro Parga Pondal na empresa Kaolines de Laxe. Mais tarde ocuparon diversos postos en Pescanova. Tamén María e Marina traballaron en empresas do grupo, como os matadoiros, mostrándolles José Fernández unha grande consideración: "Está contenta Maruxa Brañas? É o único que quero saber". Aínda nos anos 50 os fillos de Manuel lembran como algúns días aparecían un par de Gardas civís na súa casa para controlar a seu pai. Nesta casa, como en tantos fogares da posguerra, o silencio agochaba a guerra e a represión. Con todo, hai silencios elocuentes, e os fillos de Manuel tamén serían galeguistas. Manuel Brañas Pérez, profesor de bioloxía e xeoloxía nos institutos de Vigo, é autor dos primeiros libros de ciencias naturais en galego, Xilbarbeira (publicado polos autores en 1981) e Setestrelo. Xosé María foi un destacado militante nacionalista nos anos 70; encarcerado na Coruña permaneceu en prisión até a amnistía.
Pedro e Manuel colaboraron con Isidro Parga Pondal na empresa Kaolines de Laxe. Mais tarde ocuparon diversos postos en Pescanova
A historia dos irmáns Brañas Cancelo é un exemplo de dignidade. De resistencia en tempos difíciles. Unha historia da que aínda hoxe temos moito que aprender.