Arcadia. Os gardians do segredo

Arcadia. Os gardiáns do segredo é un caso insólito na narrativa galega: por facer unha comparación, sería unha especie de Código da Vinci. Configurada como un thriller, enmarcada temporalmente nesta época de globalización e de crise económica, ben documentada  —mesmo erudita en ocasións—  agocha, sen embargo, subtramas que se mergullan no territorio da ciencia ficción: o proceso de escavación do Oráculo de Horus e o personaxe que alí se encontra sería un bo exemplo.

O seu título non deixa de agochar unha ironía, xa que o mundo no que se desenvolve a novela é a antítese desa Arcadia feliz e pastoril da mitoloxía grega

O seu título non deixa de agochar unha ironía, xa que o mundo no que se desenvolve a novela é a antítese desa Arcadia feliz e pastoril da mitoloxía grega. O resto dos ingredientes fan da novela un cóctel suxerinte de moi complexa trama: elección dun novo Papa, Xoán XXIV, (con características semellantes ao actual), que trae un segredo arqueolóxico —uns pergamiños que serán posteriormente roubados— que pode cambiar a Igrexa católica; un cardeal conservador que dirixe unha sociedade secreta, Servorum Dei, asasinado; unha arqueóloga tamén misteriosamente asasinada, e uns códices e tabelas de arxila, desaparecidos. Cadáveres con marcas xeométricas e obxectos introducidos no corpo para crear confusión, anunnakis (seres extraterrestres), proxectos secretos de armas militares demoledoras, sociedades secretas dentro doutras sociedades secretas, un Pico Sacro que agocha un importante misterio; un roubo de ouro na Reserva Federal dos EEUU, francmasóns, movementos bélicos no Medio Oriente, crise financeira, viaxes por todo o mundo (Israel, Irán, EEUU, Líbano, Francia…) resolvendo enigmas que á súa vez abren outros…

Unha perigosa aventura protagonizada por personaxes ben caracterizadas, algunhas galegas de nación, entre as que destacaríamos a Roi Pereira, correspondente dun importante xornal francés; un experto do Vaticano, Xacobe de Ulloa; un director de xornal, Bernard Alighieri, que xa quixeran moitos servizos secretos ter os seus contactos, Margot, Gaspar…, que están sendo utilizados, manipulados coma monicreques por personaxes escuras e que ao final da novela, cando cren (cremos) descubrir o segredo, nos agarda outra sorpresa; Milord, David Reissman, John Blackfriars…, forman parte da ampla panoplia dos que conspiran para dominar o mundo..

Unha novela de estrutura complexa executada con boa factura e resolución, e que deixa elementos, portas abertas, que poderían aparecer desenvolvidos en futuros libros do autor

Novela insólita que ben merecería unha adaptación cinematográfica, mesmo poderíamos poñerlle cara xa a varios dos protagonistas. Novela que consegue manter a tensión ao longo das máis de 400 páxinas aínda que nalgúns momentos, na miña opinión, cando se fan reflexións sobre  a crise económica, política…, o ton é máis de artigo en xornal político que narración literaria e parece que nos freara, ansiosos como estamos de que a trama continúe avanzando e podermos respirar tranquilos.

Arcadia. Os gardiáns do segredo é unha novela para mergullarse nela e gozar; unha novela de estrutura complexa executada con boa factura e resolución, e que deixa elementos, portas abertas, que poderían aparecer desenvolvidos en futuros libros do autor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.