0. Pode ser que aínda xogue co meu maxín a forza do adaxio de Gramsci: “traballo co pesimismo da razón e co optimismo da vontade”. Pode ser. Sempre foi unha característica do noso quefacer político e social. En todo caso, lonxe das (falaces?) bondades discursivas que escoitamos desde que fomos confinados en vida o 13 de marzo de 2020, case un ano. Dise pronto. E algúns moralistas inda ousan desdecir ou matizar iso da ‘fatiga pandémica’. Rodeados de idiotez política, de mediocridade discursiva e actancial, como ser optimistas (de razón) ante o futuro (xa presente) que se anuncia en canto o virus sexa iso, un virus máis.
Os que enxalzan a posibilidade ilusoria dunha Arcadia postpandémica, que fan da crise unha oportunidade, esquecen as consecuencias da crise do 2007-2008, que non rematara aínda cando prendeu esta que nos esnaquiza na actualidade
1. E, no entanto, aí están os adoradores da Arcadia, apelando a ilusións. Non se dan conta que a ilusión non deixa de ter unha boa dose de mentira, de espellismo, de deformación da realidade. Son conscientes? Case mellor pensar na ignorancia ou na idiotez. En non poucas tribunas escoitamos: “disto emerxerá unha sociedade mellor”, “seremos máis solidarios”, “podemos transformar a crise en xustiza social”, e un longo etcétera máis propio do país de Nunca Xamais, ou do País das Marabillas de Alicia.
2. Iso si, temos que recoñecer a nosa incapacidade racional e argumentativa para adherirnos a ese estadio case hipnótico -psicotrópico?- que ve no fin do túnel pandémico unha luz redentora dos males que até o de agora manifestou a sociedade enlatada na dixitalización -forzosa mais tamén adhesiva- do traballo, do lecer, en definitiva da existencia humana dominada polos gurús do apostolado tecnodixital. Xogando co título do libro de Newport, en vez de conducirnos a un equilibrado minimalismo dixital, están mergullándonos no maximalismo dixital. Un porco dourado para lucro deses que logo evaden impostos ou escravizan traballadores. E todos tan contentos. Maldito click!!!
3. Mesmo ollamos como aqueles que denostaban a actual UE e o seu funcionamento antidemocrático e oligárquico son hoxe fieis adoradores das súas políticas financeiras. Resultaría algo lóxico se se producise unha radical democratización de toda a estrutura de goberno da UE (Parlamento e Comisión). Mais iso non aconteceu. O ben común é o menos comúns dos bens polos que devecen os oligarcas que nos xestionan. A economía segue sendo a raíña do taboleiro de xadrez das decisións políticas.
4. Os que enxalzan a posibilidade ilusoria dunha Arcadia postpandémica, que fan da crise unha oportunidade, esquecen as consecuencias da crise do 2007-2008, que non rematara aínda cando prendeu esta que nos esnaquiza na actualidade. Consecuencias dunhas decisións políticas austericidas -curioso ver que ninguén usa xa este termo nas bocas gubernamentais- que obrigaron a degradar traballos, salarios, dereitos, a privatizar servizos públicos e que explican, mellor ca ningunha outra cousa, o estado debilitado e insuficiente da nosa sanidade pública para recibir as ondas víricas.
5. De verdade, alguén pensa que cando rematen as labazadas pandémicas non haberá contrapartidas polo diñeiro prestado? Que non se esixirán ‘novos esforzos’? Que non se artellarán novas ‘regras de ouro’? Alguén pensa de verdade que os voitres capitalistas e demais prestamistas non van seguir coa desposesión organizada da clase traballadora? Alguén pensa que a conxunción do hipercapitalismo dixital e do oligárquico-financeiro non provocará outra cousa que máis desigualdade, máis empobrecimento, máis perda xeralizada e menos expectativas de futuro?
6. Os aquelarres de políticos, economistas e amigos oligarcas non inspiran ningunha confianza. Cada chiringuito creado é como unha porta aberta ao nepotismo, ao clientelismo e ao ‘incesto profesional’, por empregar o feliz termo usado como conclusión do seu estudo polo premio nobel de economía James J. Heckman. Este economista afanouse en estudar os contidos das cinco revistas de economía máis determinantes dese ecosistema. A conclusión foi que non había cabida para novas teorías, que só se mantiñan repetidas ideas xa coñecidas. A pluralidade desaparece baixo o peso do dirixismo ortodoxo dos que dominan. E, por riba, con presenza de clientelismos e ‘incesto profesional’.
7. Algo diso hai, por exemplo, no famoso Comité Clínico disposto por Núlez Feijóo e que tan a gusto decide as nosas vidas. Denuncia que xa se fai pública, menos mal, co comunicado que elaborou a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública e ben replicado polo xornal O Salto Galiza. Desta volta os oligarcas lograron situar a persoeiros con intereses no sector privado e lucrativo das farmaceúticas, tan desexosas de situarse na carreira de tratamentos e vacinas. En canto a ese ‘incesto profesional’ pensemos que até se di que está a famosa curmá de Núñez Feijóo. Cambalache...todo queda en casa!
8. Os datos do paro e da EPA son malos. Mais son peores aínda: non esquezamos que moitos comercios e pequenas empresas viven nun estado de respiración asistida. Cando rematen os ERTE’s...veremos. Xa hoxe, o sector do comercio en Compostela, por exemplo, aseveraba que preto do 70% non recibía ningún tipo de axuda. O telón de aceiro baixado pode ser unha realidade permanente. Se non se suprimen os atrancos burocráticos e se inxectan axudas directas, o futuro terá sabor amargo.
9. Pensemos na mocidade. Que futuro venderlle sobre a existencia dunha Arcadia postpandémica? Foron os grandes sacrificados na ‘recuperación’ (sic) da crise do 2007-2008: son milleiros e milleiros os mozos e mozas que se exiliaron por motivos económicos e profesionais. Hoxe lamentamos a falta de persoas en sanidade. Pois están en Inglaterra, en Francia, en Italia, en Alemaña, onde salarios e dignidade profesional están mellor considerados.
10. En agosto do 2020, meses despois do confinamento, rexistrábase unha taxa de paro xuvenil (entre 16 e 25 anos) do 43,9%. Comparemos este abraiante dato co 5,8% de Alemaña ou mesmo co 19,8% de Francia. Non hai que ser moi sabio para deducir sobre que colectivo caerán as consecuencias do final da respiración asistida. A temporalidade, a inestabilidade, a precariedade e a degradación de dereitos laborais son unha realidade desde o 2007-2008 e desde que se lexislou para que así fose. Moito teñen que mudar as políticas, terían que ser antisistémicas no sentido de socialistas, de esquerdas e ir desfacendo a estrutura de desigualdade -cada vez máis crecente- entre os diferentes segmentos poboacionais. Políticas que teñen que ver co traballo digno, coa debida protección social, co afortalamento e garantía de acceso aos servizos públicos así como a unha vivenda digna (necesaria unha Lei de Vivenda, si, pero valente e social, que protexa o dereito das persoas).
Nada calma a sede e a fame voraz do capitalismo, nin sequera unha pandemia. Todo o contrario: as farmaceúticas aproveitáronse a esgalla do diñeiro público para investigar, aproveitaron mesmo o traballo investigador público, e agora cobran millóns e millóns de euros polas vacinas e logo controlarán patentes e prezos
11. Cando desenvolvimos traballos políticos no Parlamento de Galicia (2012-2016) defendimos unha política de I+D+i realmente pública e que se fose equiparando a Europa. A realidade é que hoxe seguimos nun ridículo 1,25%. Francia supera o 2,2%, a media europea, Alemaña o 3,2% e Suecia o 3,5%. Éncheselles a boca aos xestores dos gobernos á hora de dicir que van incrementar o I+D+i e que van estabilizar o persoal investigador. [RISAS CRUENTAS]. Mentiras e máis mentiras no escenario da política. A Fundación Cotec sinala que no sector público se recortaron 4.900 postos efectivos nunha década. En Noruega creouse unha Asociación de Investigadores Españois composta de saída por 60 membros. Pénsese no mapa europeo e no persoal investigador que temos por aí porque neste país só se lles daba cenouras e algo de pan. E non sempre! Damos pena e mesmo noxo. Cómpre pasar das promesas aos feitos: iso sería ético e, tal como están as cousas, mesmo revolucionario.
12. Remataremos estas reflexións dicindo que non, non hai Arcadia posible baixo o ceo capitalista. Como recolle Lessenich (La sociedad de la externalización, Herder, 2019), a maquinaria de aproveitamento capitalista precisa o constante subministro de valores de todo tipo: traballo, terra e diñeiro; traballo manual, intelectual e asistencial; biomasa, recursos naturais e biocombustibles. Nada calma a sede e a fame voraz do capitalismo, nin sequera unha pandemia. Todo o contrario: as farmaceúticas aproveitáronse a esgalla do diñeiro público para investigar, aproveitaron mesmo o traballo investigador público, e agora cobran millóns e millóns de euros polas vacinas e logo controlarán patentes e prezos. Unha vergoña que se lles deixe facer. Insaturarán unha nova orde de desigualdades entre países con acceso a vacinas e países sen acceso a vacinas, coas consecuencias sociais e económicas que iso terá.
Un mundo mellor? JAJAJA.