O cambio climático é unha realidade incuestionable. A comunidade científica de todo o mundo levan décadas alertando acerca da magnitude e o alcance global deste proceso, e esixindo aos representante políticos que adopten urxentemente compromisos con obxectivos vinculantes de redución de emisións de gases, e políticas de transición cara a un modelo enerxético renovable, eficiente e sostible.
Presentouse o pasado maio en Madrid unha Alianza polo Clima formada por máis de 400 organizacións que loitan contra o cambio climático
Nun ano clave para o clima, coa celebración en París do Cumio das Nacións Unidas sobre Cambio Climático (COP21), presentouse o pasado maio en Madrid unha Alianza polo Clima formada por máis de 400 organizacións que loitan contra o cambio climático. O seu obxectivo é sensibilizar á sociedade sobre a importancia de alcanzar neste encontro global o acordo que o mundo necesita para evitar os impactos ecolóxicos, económicos e sociais do cambio climático. A principal demanda desta gran unión da sociedade civil céntrase en conseguir que as políticas climáticas formulen obxectivos de redución de emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) acordes coas recomendacións científicas do IPCC (Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático), que garantan que non se supera o incremento de 2ºC de temperatura media global, ou preferiblemente de 1,5ºC.
É de sobra coñecido o impacto da industria e do modelo enerxético, altamente dependente de combustibles fósiles como carbón, petróleo ou gas, no agravamento do cambio climático global; pero neste fenómeno a nosa alimentación ten tamén moito que ver. O actual modelo de produción de alimentos é responsable de aproximadamente a metade das emisións de GEI a nivel global. A maior parte dos alimentos que mercamos percorren miles de quilómetros antes de chegar ao noso prato (garavanzos de México, hortalizas de Marrocos, mazás de Uruguai), e temos dispoñibles durante todo o ano alimentos como as fresas ou tomates que, en realidade, son estacionais. Isto provoca o aumento gradual dos alimentos importados (independentemente de que se poidan cultivar no noso territorio), e a sobrexplotación e empobrecemento dos solos por prácticas agrícolas agresivas que buscan maximizar a produción e o rendemento de cada hectárea cultivada.
No ano 2011 os alimentos importados polo Estado español percorreron unha media de 3.828 quilómetros ata chegar á nosa mesa, xerando 4.212 millóns de toneladas de CO2
Paralelamente, o impacto social sobre as poboacións campesiñas nestes países tradúcese en acaparamento de terras, salarios de semiescravitude e perda de soberanía alimentaria dos pobos. Segundo datos de Amigos de la Tierra, no ano 2011 os alimentos importados polo Estado español percorreron unha media de 3.828 quilómetros ata chegar á nosa mesa, xerando 4.212 millóns de toneladas de CO2. Calculando as cifras correspondentes ás principais economías do planeta e teremos unha idea, soamente aproximada, do impacto que ten o transporte de alimentos no quencemento global.
Os poderes públicos deben promover un modelo de alimentación “quilómetro cero”, que aposte pola produción local e os alimentos de tempada, reducindo a enorme pegada ecolóxica asociada ao transporte de alimentos
Chegados a este punto, cal é a alternativa? A fórmula para arrefriar o planeta pasa necesariamente por ampliar o enfoque e o alcance das políticas de redución de emisións, habitualmente ligadas ao sector industrial e enerxético, ou ao transporte e mobilidade das grandes urbes. Este cambio é responsabilidade dos poderes públicos, que deben promover un modelo de alimentación “quilómetro cero”, que aposte pola produción local e os alimentos de tempada, reducindo a enorme pegada ecolóxica asociada ao transporte de alimentos. Pero tamén é a nosa responsabilidade. Como consumidores e consumidoras, debemos valorar o poder que temos para mudar a sociedade. Cultivar os nosos propios alimentos, mercar a produtores e produtoras da nosa contorna ou demandar aos representantes políticos medidas que nos dean acceso a alimentos locais, son algúns dos ingredientes da receita para o cambio. Alimentarnos de xeito máis consciente reduce a nosa pegada ecolóxica, fixa a poboación no medio rural, contribúe á construción de sociedades máis sostibles pero, por riba de todo, aumenta a esperanza de vida do noso enfermo planeta.