Nas miñas viaxes polo mundo, tiven ocasión de coñecer e gozar de diferentes xardíns botánicos e de conxuntos onde árbores, plantas e flores se conxugan para ofrecer a fermosura da natureza. Desde Versalles á Aranjuez, da Illa de Tenerife á illa de San Simón ou a illa Kitchener en Asuán, no sur de Exipto, onde o dono da illa creou un paraíso de plantas exóticas e de árbores onde á noitiña veñen durmir brancas aves, os Ibis, e onde ese verdor facíase máis fantástico e inverosímil cando case podías tocar coa man a area case roxa do deserto, entre lusco e fusco. Son consciente de que hai xardíns onde vivín horas de gran pracer, como nos da Villa Ephrussi, no paradisíaco lugar de Saint Jean Cap Ferrat, a 10 km de Niza, na Rivière Francesa. Pertencente á familia Rotschild, Beatriz, a esposa de Maurice, apaixonada da arte, das viaxes e a natureza, creou esta marabilla que podemos visitar porque lla legou ao estado antes de morrer en 1934. A lembranza dos xardíns pode derivar da dificultade, como a heroicidade do feito por María Menéndez, neta dun dos arriscados colonizadores en Punta Arenas, en Chile, nun clima tan adverso, ventoso e frío, onde tamén visitei tiritando o fermoso Cemiterio, con profusión de cipreses redondeados, creado pola pioneira xudia alemá Sara Braun. Estaba eu ben preparada para gozar dos xardíns desde nena, onde paseaba asiduamente polos do Pazo da marquesa, chamado agora de Castrelos, no meu Vigo natal.
Este sábado, día 3 de Agosto, tiven o pracer de asistir á convocatoria que a escultora de Goián, Cuqui Piñeiro fixo na súa casa, e no exquisito xardín, onde, unida a de outros grandes artistas, mostra a súa obra de, pequenas pezas en bronce, cargadas de intelixencia e humor, fundidas por ela mesma na Fundición que xa fora do seu pai, o escultor Xoán Piñeiro, e que ela herdou e segue rexentando. Non parece un traballo indicado para unha muller. Pero Cuqui, con ese nome que non lle acae, que debe proceder da súa infancia, é unha muller en quen se une a forza, a imaxinación, a sensibilidade, o coñecemento, tantos aspectos que non son facilmente encontrados, concentrados nunha soa persoa.
Se coñeces primeiro a ruda Fundición onde traballa, non podes sospeitar que ao seu lado haxa unha fermosa casa, onde predomina a cor malva, ornada con pinturas e enredadeiras, e menos aínda, o camiño de enormes cactus que conducen ao xardín traseiro, cun céspede verde e coidado, presidido polas fermosas torres-chemineas de pedra da casa contigua, e o invernadouro onde protexe os tomates, pementos e outras plantas da súa horta, coas que fixo uns insólitos e creativos centros nas mesas no xardín, en lugar das habituais centros florais. Arte de labrega que tamén herdou esta multifacética artista.
Sabemos que Virginia Woolf era artífice de fermosos xardíns, e que ao longo da historia moitas aristócratas idearon tesouros naturais sen mancharse as mans. Non é o caso desta Piñeiro con mans rústicas e sensibles, rurais e artísticas, laboriosas e enxeñosas ao mesmo tempo. As mans necesarias para ilustrar Recuperemos as mans, aquel libro que escribín hai tantos anos.
Grazas amiga por tanto goce para a vista e tanta posibilidade de encontros e conversas como me facilitaches. Un día inesquecíbel querida.