As 12.000 visitas a Carboeiro

Este domingo saíu publicada a contabilidade de visitantes no ano 2012 ao Mosteiro de Carboeiro. Gustaríame, en vista de diversas interpretacións que teñen dado, facer unha breve e superficial análise dos datos para tentar esclarecer os lectores e interesados:

Á vista dos datos fica claro que o Mosteiro románico é o punto máis visitado da nosa comarca, independentemente de que aínda precise dun investimento importante tanto a nivel patrimonial e de difusión cultural co fin de conseguir implantar nas dependencias do mesmo un museo do noso románico e tamén un compromiso moi demandado como é mellorar a sinalización, da cal tanto a Secretaría Xeral para o Turismo como a Deputación se teñen desentendido desde hai tempo.

Por outra banda, segundo se recolle no informe elaborado pola excelente guía, Rocío Liñares, pérdense arredor de 1.000 visitantes na época de tempada alta, de xullo a outubro, debido á acuciante crise económica e a devastación sobre o turismo que esta ten. É importante termos claro esta cifra, pois isto non significou que se perdesen visitantes ao longo de todo o ano no Mosteiro.

Por primeira vez na historia das visitas ao restaurado Mosteiro, este 2012, foi o primeiro ano no que se contabilizaron as entradas desde o 1 de xaneiro até o 31 de decembro, superando notablemente as 12.000. Dato só comparábel, e isto coa previsión realizada no derradeiro ano Xacobeo, 2010, onde se cifraron, aínda que sen confirmación, as visitas noutras 12.000 persoas.

É evidente que o Mosteiro de Carboeiro ten un aquel especial que chama cada vez máis, e é evidente segundo o relatorio nomeado, que a internet é a fonte, hoxe en día, máis importante para a captación de turistas interiores e foráneos. De aí o esforzo que se está a facer neste ámbito desde a Concellaría de Turismo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.