As apropiacións

Sin entender un ele
verás que ben se amañan
honrados e sin honra,
rameiras e beatas;
verás como se axuntan,
verás como se tratan,
mentras que ti marmuras
ca lingua dunha coarta.
Non che digo nada...
¡Pero vaya!

 

Non nos roubaron o mes de abril, non; roubáronnos de catro a catro décadas da existencia

Se eu aínda fose nómade como fun nalgún tempo, tería ganas de falar, sairía aquí a escribir. Non sentiría esta bile de loito derrotado no sedentarismo, esta necesidade de silencio tépedo de máis de dous meses polo que xa non é cando si foi, polo que case nin queda do que estivo. Testemuñei a protesta de Breogán tan só vintecatro días despois de que a ramificación mal chamada política dunha internacional nada liberadora e si pola contra moi globalizada na barbarie, certificase que a unha cuarta parte asertiva da sociedade se lle puidese chamar maioría absoluta grazas a unha lei d'Hondt que máis ca nunca antes actua en territorio galego como funil de vontades e arelas, oprimindo e reprimindo á maioría, agora si, de silenciosos e desencantadas, de sometidas e contrarios. Non nos roubaron o mes de abril, non; roubáronnos de catro a catro décadas da existencia.

 

Se eu aínda fose unha apache como fun nalgunha altura, tería afouteza abonda para adicar este artigo enrabechado a Juan Luis Cebrián, por tanto –trece millóns de euros anuais, até onde se pode saber  pero tamén por tan pouco – @elpaisgalicia –, ou a escaseza da folla parroquial para unhas provincias complexas e máis convulsas do que nos contan; o poder da metáfora. Tensaría meu arco para denunciar con varias frechas a ausencia clamorosa dunha prensa minimamente crítica contraria a unha retirada covarde que tivese menos folganza e máis tempero para falar con voz propia do noso, deste ronsel de agravios que deixa o crecemento negativo ponderado no apoio ás reformas flexibilixadoras porque están a facer os deberes por e para Galicia, Galicia, Galicia; conste que o FMI recoñece que se equivocou, capítulo sexto, “Estupidez e poder” d' As leis fundamentais da estupidez humana por Carlo M. Cipolla. Chegado semellente ocaso da civilización, as portadas e os interiores até poderían quedar en galego os días pares dos anos non bisestos. Nin por esas.

Se me puidese sentir tan só por un segundo tuareg do voso deserto, acreditaría que todo isto ten solución porque existe vontade firme de rexeitamento a tanta inxustiza prolongada, de xeito que ningunha apropiación indebida podería xamais quedar impune

 

Se me puidese sentir tan só por un segundo tuareg do voso deserto, acreditaría que todo isto ten solución porque existe vontade firme de rexeitamento a tanta inxustiza prolongada, de xeito que ningunha apropiación indebida podería xamais quedar impune. Non vos vería adecuadamente conformistas, progresivamente máis tolerantes coa ignominia pero intolerantes coa diferenza, tan resignadas...Así que se aínda puidese ser aborixe búmerang como cando me reviraba, sabería que non estaría tan soa á hora de diferenciar a austeridade da auswitchzidade e que se o primeiro pode ter sentido á hora de preservar un planeta finito, o segundo non é máis ca un abuso instaurado. Relacionaría a Kukulkán, o deus serpe maia, co vindeiro ano chinés da serpe de auga ou a serpe negra que comezará, boi e mula mediante, o vindeiro dez de febreiro, e entón, si, entón descubriría o que é a verdadeira tormenta perfecta: podería asegurar coa boca ben chea que na toma de posesión do virrei catoli.com para o novo Corcoesto El-Dorado da recuperación no segundo semestre, a única verdade foi a do ascenso do artífice a posto número dous en sinal de agradecemento e porque haberá que ir deixándoo todo ben atado antes de saltar a Madrid. Agora, nesta calma podre, tan só paso os tempos mortos a adestrar a miña estupefacción a que se afaga a ver como nas próximas semanas o noso xestor presidente electo acabe retrousando Gagnam Style, para maior honra do novo ano chinés, que se primeiro foi o verso, no remate irá o conselleiro, que para algo subvencionaron a Rosalía e a Bolaño e a María Santísima e así escribiron o que escribiron.

 

Pero claro... iso todo non toca. Nin nómade, nin apache, nin tuareg, nin aborixe búmerang, nin Tukultán, nin serpe negra, até foron desafiuzar á mula e ao boi porque o preferente é o preferente. Galicia xa non existe e eu aquí só quero ser manatí.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.