As Bestas opera as simplificacións e modificacións precisas para aproximar a historia ás expectativas do público, aos patróns que estes crimes adoitan seguir na ficción. Hai malos e bos, os malos agriden os bos e, ademais de seren malos, deben parecelo, ao que contribúen unhas fenomenais interpretacións actorais
Hai un dito en xornalismo: “Non permitas que a realidade che arruíne unha boa historia”. A ficción de As Bestas fai máis dixeríbel un suceso tráxico para un público xeral. A fin de contas, o documental quere tamén comunicar ou informar, a ficción confórmase con entreter. O mero feito de tunear os feitos e persoas reais para reconvertelos en tramas e personaxes de ficción proporciónalle ao público o distanciamento emocional e a seguridade de que a violencia ficará confinada na pantalla e non invadirá a paz da súa existencia física cotiá.
De feito, os xéneros de terror gozan de especial seguemento entre as persoas inseguras. Pode parecer un paradoxo pero o medo na ficción tranquilízanos, lévanos a sentir que, por contraste, a nosa existencia real está salvo. Dicía Chomsky que os EUA deben estar permanentemente involucrados nalgún conflito bélico para que a poboación internalice a mensaxe de que a realidade económica e social do país, por opresiva que resulte, é a paz. Neste sentido o medo, e os xéneros de ficción asociados a el, son reaccionarios.
Nunha entrevista promocional o director e a co-guionista celebraban que a produtora accedese a non dobrar as escenas en galego. Como non ían acceder? A outredade dos malos reloce así máis patente, a lingua e a contorna rural funcionan como elementos atemorizantes para o público español urbano
As Bestas opera as simplificacións e modificacións precisas para aproximar a historia ás expectativas do público, aos patróns que estes crimes adoitan seguir na ficción. Hai malos e bos, os malos agriden os bos e, ademais de seren malos, deben parecelo, ao que contribúen unhas fenomenais interpretacións actorais: viviren illados ou marxinados, mostrárense insensíbeis á dor allea ou de natural sádico, seren machotes peludos sen contacto con mulleres, andaren suxos e desfarrapados e, por suposto, expresárense nunha lingua bárbara ou directamente coma animais, a berros. O título do filme faino evidente.
Nunha entrevista promocional o director e a co-guionista celebraban que a produtora accedese a non dobrar as escenas en galego. Como non ían acceder? A outredade dos malos reloce así máis patente, a lingua e a contorna rural funcionan como elementos atemorizantes para o público español urbano. Pola contra os bos deben parecerse o máis posíbel ás persoas espectadoras. A xente normal quere convencerse de que o mal e o ben son perfectamente identificábeis e dotarse de lexitimación moral simbólica para facerlle fronte a ese mal, castigándoo como merece.
A complexidade que o documental Santoalla non agocha ten o efecto oposto e resulta máis desacougante, fai que o público se sinta máis concernido e desbote as interpretacións e solucións primarias
As Bestas fai pleno neste catálogo e reafirma as persoas espectadoras nas súas crenzas e maniqueísmos. Non sobordar as expectativas tranquiliza o público porque non lle move o chan debaixo dos pes. A complexidade que o documental Santoalla non agocha ten o efecto oposto e resulta máis desacougante, fai que o público se sinta máis concernido e desbote as interpretacións e solucións primarias. Sendo máis fiel á realidade poderiamos cualificalo de máis informativo. Éo, pero tamén é igual de artístico porque non hai arte sen entretemento pero tampouco sen intervención, sen desacougo ou sen transcendencia. De paso, o documental permite albiscar a solución aos conflitos das relacións humanas, inevitábeis, non pola vía do pánico e a punición senón pola vía da razón e a evitación.