As caixas retornan ao escenario

Presentación do acordo de fusión das caixas © Xoán Crespo

Paréceme pertinente reproducir o contido dun artigo -“A fusión para quen a traballa”- elaborado en decembro de 2009

En poucos días, a pantasma das Caixas de Aforro galegas regresou ao escenario mediático e tamén ao político. A concreción dese retorno tivo dous momentos. Primeiro foi o coñecemento dunha contundente alusión crítica á fusión de Caixagalicia e Caixanova, aparecida nunha recente sentenza da Audiencia Nacional. Posteriormente, transcendeu a decisión tomada polos tres grupos parlamentares da Cámara do Hórreo para reabrir a Comisión de investigación que -debido á deliberada negativa do PP- non foi quen de concluír as súas actividades nas dúas lexislaturas anteriores.

Nesta última década, tiven ocasión de publicar o meu punto de vista a respecto da situación das Caixas Galegas e das alternativas que se estaban prantexando por parte dos distintos actores presentes nesta relevante cuestión. Paréceme pertinente reproducir o contido dun artigo -“A fusión para quen a traballa”- elaborado en decembro de 2009 e que non apareceu en Praza Pública porque, daquela, aínda non existía este medido dixital.

 

“A unión de dúas entidades empresariais, aínda que teñan –como é o caso das Caixas de Aforro- unha natureza de carácter fundacional tutelada pola Xunta, non se acada só mediante un acto administrativo emanado das autoridades políticas correspondentes. A fusión hai que traballala. Con ideas claras, con argumentos solventes, coas doses oportunas de discreción e cunha explícita disposición para tecer consensos.

Non hai constancia de que Núñez Feijóo tivera unha posición propia elaborada sobre este asunto no momento da súa investidura como presidente da Xunta. Non se sabe se compartía as análises e os desexos –mais ou menos confesados publicamente- de Rajoy e Montoro, partidarios de abrir unha dinámica de redución do papel das Caixas no sistema financeiro que desembocara, de xeito “natural”, na súa integración no tecido bancario convencional. Si coñecemos o binomio explicativo actual que utiliza nas súas comparecencias informativas: solvencia e galeguidade. Como resulta evidente que a consecución do primeiro obxectivo non require necesariamente da presenza do segundo, teremos que pensar que o señor presidente está fixando unha restrición que vai condicionar realmente a súa actuación en todo este proceso. Porque as frases retóricas, neste caso, non xeran réditos. Multiplican os problemas.

A xestión dos tempos realizada por Alberto Núñez foi manifestamente mellorábel. Demorou moito a escenificación do diálogo coas partes involucradas e, poren, sinalou un prazo moi curto para resolver cun mínimo común denominador de satisfacción a grande complexidade presente nesta cuestión. Se quixo practicar a diplomacia discreta fracasou porque non foi quen de evitar que as interferencias mediáticas elevasen o nivel de conflito territorial inicialmente previsíbel.

O presidente da Xunta e o alcalde de Vigo non se atopan entre as persoas que teñen contribuído a elevar o nivel de calidade dos argumentos exhibidos nas últimas semanas. A fusión ou a non-fusión son instrumentos que deben ser formulados e avaliados en relación cos obxectivos que se queren acadar e coa situación na que se atopan estas entidades financeiras. Non ten sentido facer un dogma do tamaño empresarial nin establecer un reducionismo analítico territorial que identifique ás dúas Caixas galegas coas cidades de Vigo e A Coruña.

Todas as converxencias entre grupos organizados (económicos, políticos, sociais...) son complicadas. Para que a suma sexa positiva é preciso harmonizar o mellor de cada parte e afastar os aspectos menos interesantes das traxectorias anteriores. Este debería ser o debate principal do momento: que cultura empresarial tería que asumir a nova Caixa galega resultante. E a partir deste fío, todo o demais: relación co tecido produtivo galego, nivel de complicidade coas institucións políticas de autogoberno e –o último pero non o menos importante- as equipas humanas directivas que proporcionen credibilidade ao novo proxecto.”

 

A desaparición das Caixas galegas constituíu un dos feitos mais relevantes da recente historia económica e social do País. Os culpábeis do sucedido teñen nomes e apelidos

A desaparición das Caixas galegas constituíu un dos feitos mais relevantes da recente historia económica e social do País. Os culpábeis do sucedido teñen nomes e apelidos: autoridades políticas (dos gobernos do Estado e da Xunta); dirixentes do Banco de España (como máximo organismo supervisor das entidades financeiras); directivos de Caixanova e Caixagalicia (nomeadamente, Fernández Gayoso e Xosé Luis Méndez); o lobby da banca privada que desexaba incrementar o control sobre o mercado financeiro...

Non resulta serio reducir a historia das Caixas ao contido episódico dunha sentenza xudicial. Sobre todo se a institución representativa da soberanía popular galega leva oito anos sen cumprir coas obrigas propias da súa natureza. A verdade xudicial non debe substituír ao relato que segue pendente na Cámara do Hórreo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.