Cada primeiro de mes, unha parella de nonaxenarios do popular barrio de Catro Camiños da Coruña acoden puntuais á sucursal dunha caixa de aforros –agora convertida nun banco de futuro incerto– para cobrar a pensión. Son moi maiores, van collidos do brazo, arrastrando os pés, intentando manter o equilibrio coa vida, esa que se esvae en cada salouco… están no final do camiño. A pesares de todo, manteñen unha elegancia natural no seu xeito de enfrontarse ao mundo e ata produce envexa velos tan xuntos e compenetrados despois de setenta anos de convivencia. Aínda teñen lugar fenómenos extraordinarios.
"Tampouco trae a camisa limpa, o pelo está revolto e hai indicios evidentes de que leva varios días sen duchar e non está ben alimentada"
Pero este primeiro de mes ela chega soa á súa cita mensual. Sentámonos xuntas agardando unha quenda infinita. Temos trinta persoas diante. Hai tempo que non contratan máis persoal, disque non hai cartos, incluso van facer un ERE e poida que despidan a moita xente, e iso que só as prexubilacións de tres directivos deste banco custaron máis de 23 millóns de euros.
A anciá hoxe non ven tan aseada como de costume. Esqueceu os pendentes de perlas, agasallo dos seus fillos polas bodas de ouro. Tampouco trae a camisa limpa, o pelo está revolto e hai indicios evidentes de que leva varios días sen duchar e non está ben alimentada.
"Entérome, entón, que está con ciática e ten moitos problemas de mobilidade"
Pero nada disto quítalle as gañas de conversar cando o brillo dos seus preciosos ollos solivianta a sensación de abandono. Entérome, entón, que está con ciática e ten moitos problemas de mobilidade. Os mellores anos da súa vida pasounos levando varios litros de leite sobor da testa. Facendo malabares polas corredoiras nas que agora se erguen bucles labirínticos de estradas, mentres suxeitaba dous cestos, un en cada man, de patacas, verduras e hortalizas, dende Mesoiro ata a o mercado da Praza de Lugo. Seis quilómetros a pé para ir, e outros seis para volver á casa igual de cargada, pero desta vez con cousas necesarias para o consumo familiar. “E agora o corpo reséntese”, comenta resignada.
O seu home está enfermo na cama e ela precisa sacar os cartos do banco e pagar a factura da farmacia. Non ten axuda, os seus fillos traballan todo o día, e que sorte que traballan!. “Toda a vida deixándome a pel e non podo permitirme axuda doméstica”. En fin, aínda podía ser peor, podía ter enterrado todos os aforros de décadas enteiras no timo das preferentes, como lle pasou á miña veciña: 60.000 euros que xuntou en 50 anos de existencia despois de criar a catro fillos e quedar viúva.
"O seu home está enfermo na cama e ela precisa sacar os cartos do banco e pagar a factura da farmacia"
Estou segura de que a leiteira de Mesoiro, que conserva unha fermosura atemporal, non sabe quen é o Valedor do Pobo, tampouco creo que lle importe moito que o anterior dimitira por despreciala a ela e ao seu home e a moita outra xente con necesidades humanitarias. Case é mellor que non se entere, senón pode pasarlle coma min, como a moita xente da miña xeración, que temos que loitar cada día non só por non perder a nosa dignidade como cidadáns, senón por non perder a confianza na condición humana.
Son tempos nos que sería doado deixarse atrapar pola misantropía pero entón estariamos poñéndollo moi doado a todos os que agora nos asfixian. A ninguén se lle escapa que estamos no comezo dunha profunda depresión económica e na nosa man está a posibilidade de xerar cambios sociais que promovan o ben común. Os cambios terán que vir de abaixo para arriba porque aos que toman as decisións non lles saen as contas por moito que se empeñen. A doutrina alemana, baseada na limpeza bancaria e no exterminio do déficit, a perversa complicidade da mal chamada troika, a desastrosa xestión do executivo español e a desaparición lamentable dun goberno galego que prefire manterse agochado, non nos van sacar do pozo.
"Son tempos nos que sería doado deixarse atrapar pola misantropía pero entón estariamos poñéndollo moi doado a todos os que agora nos asfixian"
Poida que á leiteira de Mesoiro tampouco lle saian as contas, pero non é culpa dela, senón dun sistema cruel pesimamente xestionado. Será por iso que eu aínda creo nas persoas. É tempo de poñer en marcha valores transformadores, solidarios, proxectos que fagan posible os cambios. As condicións de inxustiza económica deberían levarnos a condutas máis filantrópicas sen deixar de esixir responsabilidades aos que nolo arrincan todo cada día. Este xornal, sen ir máis lonxe, podería ser un bo exemplo.