Despois de ler durante estes últimos días, as análises que se fan dende os diferentes partidos do espectro esquerda sobre os resultados electorais colleitados o pasado domingo. Vexo moito de autocompracencia, de xustificación, de relativización. Pero pouco de autocrítica real, aséptica e construtiva. Esa autocrítica tan necesaria que permite decatarse dos erros e mellorar.
Entendo que moitas veces non se pode facer de cara a galería un proceso de reflexión profundo. Pero si me gustaría remarcar e contextualizar como están as cousas e como segundo a miña opinión vexo o futuro do país.
En primeiro lugar, direi que para o meu análise deixo de lado as porcentaxes, que moitas veces son enganosas, o número de deputados de cada grupo, que obedece a factores territoriais e cuestións lexislativas que ben merecen unha análise aparte. Para centrarme en exclusiva no número de votos reais acadados por cada forza, sen ter en conta o seu valor relativo.
Entendo varios puntos fundamentais:
A dereita arrasou. Hai que dicilo alto e claro.
724.000 votos da dereita dura e radical, contra 643.000 de esquerdas de diferentes espectros e sensibilidades.
Nun contexto de crise sistémica como o de Galiza, cunha perda brutal de dereitos, de emprego, de servizos públicos, cuns dos salarios e pensións máis baixas de España… Etc
Que o partido do goberno, encargado de levar a cabo estas políticas de efecto rodillo, saque máis de 80.000 votos que todos os partidos da oposición, é unha Victoria total, absoluta e abraiante.
O PP suma (por primeira vez) e segue
Non só é que conseguise revalidar a maioría, senón que por primeira vez dende a chegada de Feijoo que consegue gañar votos.
Algo que Fraga non conseguiu, pois perdía de media uns 40k votos entre elección e elección.
Ate este ano, ganaba perdendo. É certo que ía conseguindo grazas ás provincias orientais manter as maiorías, pero perdendo milleiros de votos cada catro anos.
Co PP de Nuñez Feijoo pasaba algo moi curioso. Entre as eleccións de 2009 e 2012 perdía case 130.000 votos.
Desta volta rachou a dinámica e acadou preto de 20.000votos máis que en 2012.
O factor demográfico que semellaba xogar en contra dos intereses desa dereita cacique e clientelar salta polos aires este ano.
Pero o máis curioso é que consiga sumar 20k votos tendo un rival digno de mención no seu caladeiro de votos por primeira vez. E máis tendo en conta que ese rival, a pesares de non acadar representación por pouco, arañou case 50k votos. (O que esta preto de ser considerado unha milagre, visto a campaña que fixeron).
Acadou o dereito a voto unha nova xeración de conservadores? De onde saíron eses novos 70.000 votantes de dereitas? Creo que é pouco probábel que sexan todos menores de 23 anos. O máis lóxico é que ese perfil sexa un votante conservador/liberal que non só non precisa do clientelismo do pp, senón que o ve con malos ollos.
Ese votante que non se mobilizaba dende as eleccións de 2009, onde Feijoo se presentaba como o gran renovador do PPdG. E coa escusa de botar ao bipartito da xunta.
Imos comparar. O PP ten 676k votos. Por outra banda temos o voto nacionalista, o BNG acada 118k votos e marea 271k. O que como vimos antes, nin sumado ao voto de esquerdas do PSdeG (254k). Chega para igualar ao do pp.
Pero as cousas póñense aínda peor se lle engadimos Ciudadanos á ecuación. (48k votos). O que nos da un total de 724k votos para a dereita.
A irrupción por primeira vez dun partido abertamente españolista e galegófobo, algo que no pasado xa lle valeu a Feijoo para ganar unas eleccións, pero Ciudadanos semella ter descuberto un novo caladoiro de votos.
O tema de Ciudadanos serve pra ver, e exemplificar a magnitude do problema electoral. Que un partido como o de Rivera, en horas baixas a nivel de estado, sen representación política en Galiza, facendo a tomadura de pelo de presentar a un candidato Madrileño, que nen vive, nin coñece Galiza nin sabe o noso idioma, e moito máis grave, nin se molesta en aprendelo nin en disimulalo, se non que fai da ignorancia e do descoñecemento idiomático un arma electoral.
Consiga acadar case a metade de votos que un partido como o bng.
Un Bng, que a pesar de estar tamén en horas baixas, conta cun tecido social crucial no país, cunha forza electoral moi potente, con alcaldías por todo o territorio, ca mellor candidata da súa historia ( co permiso de Beiras), que é unha forza imprescíndibel na Galiza e sin a cal non se podería entender o noso pobo.
En fin... Dicía que comparar política e socialmente as forzas de Ciudadanos e o bng, é case un insulto para este último. En cambio a pesar de todo, o partido dos laranxiños consegue case a metade dos votos.
Só este feito por si só debería ser capaz de facer que nos replantexemos moitas cousas. Non ten unha explicación en chave electoral nin política, pois entón haberá que buscala no eido ideolóxico.
Pode ser que Ciudadanos consiga abarcar un caladoiro de votos propio entre os galegófobos, nacionalistas españois e demais votantes centralistas que deostan as culturas periféricas?
Dito doutro xeito, pódese converter no futuro, o PPdG, nun partido dunha especie de moderada dereita nacionalista constitucionalista galega? (entendendo nacionalista moderado, todo o que vai dende o galeguismo máis vago ata a liña que marca o dereito de autodeterminación) Mentres Ciudadanos se mantén como a dereita centralista?
Dende logo mentres o PPdG siga sendo a canteira de onde saen os presidenciables de España semella imposible.
O voto xenuinamente galeguista vai cara abaixo. Onde está o éxito da marea?
O efecto Podemos resta e desmobiliza ao voto nacionalista máis do que suma ao total.
Os partidos nacionalistas sacan peito. Un por mellorar a marca de Age nas pasadas eleccións, o outro por tocar solo e pasar ese punto de inflexión onde semella que só pode ir cara arriba.
Pero sumando os votos de uns e outros danos a cifra de 390k votos. E isto facendo un pouco de trampa. Pois estamos contando os votos que arrastra podemos e esquerda unida como "nacionalistas", cando non é nin moito menos a realidade.
O certo é que AGE acadou nas eleccións de 2012 200k votos xustos, mentres que marea consegue 270k votos desta volta. Poderíamos crer que Podemos aporta 70k votos á coalición, máis creo que sería un erro.
Podemos en Galiza non goza das mesmas simpatías que no resto do Estado ou alomenos nas comunidades máis progresistas.
Temos que ter en conta que o bng perdeu con respecto a 2012 27k votos. O que pode indicar que unha grande porcentaxe dese voto nacionalista está en marea.
Facendo unha resta simple, podemos ver que a forza de podemos son uns 47k (70-23) votos reais.
Para apoiar a miña teoría podemos ver os resultados do PSdeG. Pasando de 297k a 254k, deixándose polo tanto 43k votos. Que poderíamos pensar, foron directamente a podemos.
Entón temos que a forza de podemos en Galiza é moi similar á de Ciudadanos, e andará nalgún punto preto dos 50k electores.
Temos logo que o voto nacionalista se reduce a uns 340k contando aínda cos votos que aporta esquerda unida, que se vemos a súa traxectoria completamente marxinal no país, podemos cifrar nuns 15-17k votos.
O que nos deixa polo tanto, un total de 325k votos nacionalistas nestas eleccións.
Pero o perverso desta cuestión é que no 97 o BNG acadaba el soíño a cantidade de 395.435 votos. No ano 2001 346.423 votos, no 2005 311.953 votos...
Co que temos que agora mesmo a pesar de contar con varias opcións, o voto en chave nacional non se aproxima nin sequera ao seu teito electoral. (os preto de 400k votos do bng no ano 97).
Hai futuro? Hai esperanza? Dende logo analizando os datos de xeito frío, inerte é aséptico... Non, non a hai. A dereita faise máis forte en número de votos totais e o nacionalismo esmorece, a pesar de ter máis deputados por cuestións conxunturais. Ou nin sequera iso?
Algúns poderían pensar: Todas estas contas da vella están moi ben, mais non se corresponde ca realidade, o nacionalismo ten máis deputados ca nunca no parlamento: 20(En marea+Bng).
Realmente é así? Vexamos.
Non dubido de Mini ou de Ana Pontón e os 6 deputados do bng, pero que ocorre cos deputados da marea? Está claro de xente que leva anos loitando polo país como Paula Verao, Antón Sanchez, mesmo o candidato L. Villares... Máis cos que non veñen de Anova? Podemos e Esquerda Unida?
Dicir que hai 20 deputados nacionalistas no parlamento creo que é tomarlle o pelo aos electores.
Despois do visto este 25S, non serei eu o que subscriba as desafortunadas verbas froito da carraxe e a impotencia de Fernán Vello, pero os que soñamos con que este país chamado Galiza, debería ter un estado propio e unhas institucións cos mecanismos de autogoberno que se nos negan dende o estado centralista, cada vez, elección tras elección, derrota tras derrota, decepción tras decepción, vemos máis lonxe ese soño.
Alo menos seguiremos berrando con forza cada catro anos a famosa estrofa do noso himno. “Esperta do teu sono, fogar de breogán”.