As contraccións na nosa lingua

CC-BY-SA Praza Pública

Non resulta infrecuente ver escrito: “de aquela maneira, de outro, en algún, todo en un, amiga de unha etc.”, malia que a nosa ortografía normativa é ben clara precisando as contraccións prescritivas:

Dos pronomes persoais ”me/che/lle/nos/vos/lles“ cos pronomes persoais “a(s)/o(s)” (>: ma(s)/mo(s), cha(s)/cho(s), lla(s)/llo(s), nola(s)/nolo(s), vola(s)/volo(s), llela(s)/llelo(s)); dos pronomes persoais “a(s)/o(s)“ enclíticos de formas verbais rematadas en -R ou -S (Ex.: comprar + a > comprala, bebes + o > bébelo); e o pronome enclítico “nos” trala 4P (Ex.: levantamos + nos > levantámonos); das preposicións “a” cos artigos determinados (>: á(s)/ao(s)-ó(s) -auténtica contracción na forma masculina porque a súa pronuncia é “O aberto”-), ”con“ cos artigos (>: co(s)/coa(s) e cun(s)/cunha(s)), ”de“ cos artigos (>: da(s)/do(s) e dun(s)/dunha(s)), “en“ cos artigos (>: na(s)/no(s) e nun(s)/nunha(s)) e ”por“ cos artigos determinados (>: pola(s)/polo(s)); das preposicións “de/en” cos indefinidos “outra(s)/outro(s)“ e ”algún(s)/algunha(s)” (>: doutra(s)/doutro(s), noutra(s)/noutro(s), dalgún(s)/dalgunha(s) e nalgún(s)/nalgunha(s)); dos pronomes demostrativos co indefinido “outra(s)/outro(s)” (Ex.: estoutra, estoutros, esoutras, esoutro, aqueloutras, aqueloutro); das preposicións “de/en” cos pronomes demostrativos (Ex.: desta, nestes, dese, nesas, daquilo, naquel) e as combinacións dos demostrativos co indefinido “outra(s)/outro(s)”(Ex.: destoutra, nestoutros, nesoutro, nesoutras, daqueloutro); das mesmas preposicións cos pronomes persoais ”el(es)/ela(s)” (>: del(es)/dela(s) e nel(es)/nela(s)); tamén das mesmas preposicións cos indefinidos e numerais “un(s)/unha(s)” (Ex.: cabe nunha ou dúas, é dun ou outro); e da preposición “entre” cos indefinidos “ambas/ambos” (>: entrambas/entrambos).

E así mesmo as contraccións optativas:

Coas segundas formas dos artigos determinados “la(s)/lo(s)”tras formas verbais acabadas en -R ou -S agás participios (Ex.: face-los deberes, téde-lo resultado), após os pronomes enclíticos “nos/vos/lles” (Ex.: déuvo-lo todo, perdoáronlle-las faltas), despois dos pronomes “nós/vós” seguidos dunha cuantificación (Ex.: nó-los cinco abondamos), tralos indefinidos “ambas/ambos, entrambas/entrambos e todas/todos” (Ex.: entrámbalas familias, tódolos homes), após a preposición “tras” (Ex.: tralo partido) e despois da conxunción “(e) mais” (Ex.: túa nai e maila miña); os artigos determinados coa conxunción “ca” (>: cá(s)/có(s)) e coa preposición “para” na súa forma monosílaba “pra” (>: prá(s)/pró(s)).

Admitindo, amais, o uso do apóstrofo, que non se debe empregar na lingua formal pro si cando se quer reproducir fielmente a lingua oral (Ex.: n’estabamos cand’o fixo, cómpre qu’a atend’a doutora, troux’o costume d’alá), ou citar títulos iniciados por un artigo coas preposicións “de/en”(Ex.: escribía n’A Nosa Terra, son frases d’A Esmorga).

Este significativo número de contraccións obrigatorias e posíbeis sinala unha das características da nosa lingua escrita fronte ás ortografías do castelán e, en menor medida, do portugués, reflectindo, sequera minimamente, a grande abundancia de elisións que o galego fai na lingua oral.

Porén, malia que é un trazo amplamente documentado en calquera gramática galega antiga e que no pasado se representaba graficamente con profusión na escrita normativa impúxose a tendencia de minimizar a súa representación –coa conseguinte repercusión na oralidade– por seguir os modelos ortográficos do castelán, sobre todo, e mailo portugués, obviando outros modelos ortográficos non menos prestixiosos como o francés (à + le/les > au/aux, de + le(s) > du/des, à + lequel/lesquel/lesquelles > auquel/auxquels/auxquelles, de + lequel/lesquels/lesquelles > duquel/desquels/desquelles, à + ledit/… > audit…, de + ledit/… > dudit/… e sobre todo co uso do apóstrofo ante palabra comezada por vogal ou H mudo cos artigos: “le”, “la”; os pronomes persoais tónicos: “je” e “ce”; os pronomes persoais átonos: “me”, “te” e “se”; os pronomes relativos e conxuncións: “que”, “jusque”, “lorsque” e “si”; o adverbio “non” e a preposición “de”), o italiano (as preposicións a /da/di/in/su + artigos determinados il/lo/la/l’/i/gli/le > al, allo, alla, all’, ai, agli, alle; dal, dallo, dalla, dall’,dai, dagli, dalle; del, dello, dell’, dei…; nel, nello…; sul, sullo…; o pronome átono gli + pronomes átonos lo/la/li/le/ne > glielo, gliela, glieli… pro sobre todo usando o apóstrofo diante de palabra comezada por vogal coas palabras: lo e la > l’ -e as súas formas contractas con preposicións-, una > un’, bello > bell’, santo > sant’, grande > grand’, questo > quest’, quello > quell’, nessuno > nessun’ e as locucións formadas con ci > c’ e optativa con: di > d’ e os pronomes átonos mi, ti, ci, vi, lo e la), o catalán (a + el(s) > al(s), de + el(s) > del(s), per + el(s) > pel(s), ca [<casa] + el(s)/en > cal(s)/can e usando o apóstrofo diante de palabra iniciada por vogal segundo certas regras cos artigos: “el”, “la”, “en” e “na” [estes dous últimos só diante de nomes propios: n’Andreu, n’Olga], a preposición “de” e os pronomes átonos: “em”, “et”, “el/la” “es”, “en”, “ens” e “els”, tanto diante coma tras forma verbal iniciada/acabada con vogal ou en combinación con outros pronomes: m’/‘m, t’/’t, l’/’l, s’/’s, -ls, -ns, n’/’n) ou mesmo o tan considerado inglés, cuxos exemplos aparecen máis adiante.

Se comparamos o número de contraccións da ortografía galega coas do castelán, con soamente tres obrigatorias: a + el > al, de + el > del, e o pronome enclítico “nos” trala 4P (Ex.: levantamos + nos > levantámonos), pois calquera outra é considerada vulgarismo (Ex.: pal/pa’l (< pa(ra) el), pallá/pa’llá, palante/pa’lante etc.) ou arcaísmo (Ex.: doquier(a) (< dondequier(a)), entrambas/-os).

E as do portugués, conforme o Acordo ortográfico de 1990, onde moitas obrigatorias en galego son opcionais na lingua irmá, comprobamos o definitorio das contraccións no noso idioma fronte aos seus veciños:

Prescritivas:

Os pronomes persoais “me/te/lhe/nos/vos/lhes” cos pronomes persoais “a(s)/o(s)” (>: ma(s)/mo(s), ta(s)/to(s), lha(s)/lho(s) (< lhe(s) + a(s)/o(s)), no-la(s)/no-lo(s,) vo-la(s)/vo-lo(s)), os pronomes persoais “a(s)/o(s)” enclíticos de formas verbais rematadas en -R, -S ou -Z (Ex.: comprar + a > comprá-la, bebes + o > bebe-lo, faz + os > fá-los, traz + as > trá-las) e o pronome enclítico “nos” trala 4P (Ex.: levantamos + nos > levantamo-nos); a preposición “a” cos artigos determinados (>: à(s)/ao(s)) -que na forma masculina é unha simple unión gráfica porque ámbalas formas conservan a súa pronuncia: a + o (u) > “aw”- e os demostrativos “aquela(s)/aquele(s)/aquilo”(>: àquela(s)/àquele(s)/àquilo); a preposición “de” cos artigos determinados “a(s)/o(s)” (>: da(s)/do(s)), cos pronomes persoais “ela(s)/ele(s)” (> dela(s)/dele(s)), cos pronomes demostrativos “esta(s)/este(s)/isto” “essa(s)/esses(s)/isso” e “aquela(s)/aquele(s)/aquilo” (Ex.: desta, desses, daquilo), cos pronomes demostrativos unidos aos indefinidos “outra(s)/outro(s)” ((Ex.: destoutro, dessaoutras, daqueloutros) e os adverbios de lugar “aqui/aí/ali/acolá/onde” (>: daqui, daí, dali, dacolá, donde) e o adverbio “dantes” co siginificado de “antigamente”; a preposición “em” cos artigos “a(s)/o(s)” e “um/uns/uma(s)” (>: na(s)/no(s) e num/nuns/numa(s)), cos pronomes persoais “ela(s)/ele(s)” (> nela(s)/nele(s)), cos pronomes demostrativos “esta(s)/este(s)/isto” “esa(s)/eses(s)/iso” e “aquela(s)/aquele(s)/aquilo” (Ex.: nesta, nesses, naquilo) e os indefinidos “outra(s)/outro(s)/outrem” e “algum/alguns/alguma(s)/alguém” (>: noutra(s)/noutro(s)/noutrem e nalgum/nalguns/nalguma(s)/nalguém) e cos pronomes demostrativos unidos aos indefinidos “outra(s)/outro(s)” ((Ex.: nestoutro, nessaoutras, naqueloutros); e a preposición “por” -na súa forma medieval “per”-cos artigos determinados (> pela(s)/pelo(s)).

E opcionais, pro claramente preteridas ás formas sen contraír:

A preposición “com” cos artigos determinados: com a(s)/com o(s) – co(s)/coa(s), estas consideradas moi coloquiais; a preposición “de” cos artigos indeterminados, os indefinidos ou numerais “um/uns/uma(s)” (>: de um/de uns/de uma(s) – dum/duns/duma(s)), cos indefinidos “alguém, algum/alguns/alguma(s), algo” e “outra(s)/o(s), outrem, outrora” (Ex.: de alguém – dalguém, de alguma – dalguma, de outro – doutro, de outrora – doutrora), cos adverbios de lugar “algures e alhures” (Ex.: de algures – dalgures), coa preposición “entre” (> de entre – dentre) e a locución adverbial “doravante – de ora avante”, cuxa forma contracta é máis usada; e a preposición “para” na súa forma popular “pra” cos artigos determinados ou pronomes “a(s)/o(s)” (> para a(s)/o(s) – prà(s)/ò(s)), consideradas moi informais.

E o apóstrofo soamente é obrigatorio na unión con guión de palabras “substantivo+de+substantivo” que expresan un único concepto (Ex.: cobra-d’água, estrela-d’alva, pau-d’óleo), nos demais casos é opcional (Ex.: n’Os Lusíadas – em Os Lusíadas, Sant’Ana – Santana, Sant’Iago – Santiago, está n’Ele a nossa salvação – está em Ele a nossa salvação).

Unicamente o asturleonés presenta unha serie de contraccións avultada pro maioritariamente mediante o uso do apóstrofo, tanto na variante leonesa coma na asturiana, con todo tamén posúe un certo número de contraccións obrigatorias sen apóstrofo, así o leonés: o artigo determinado “el” coas preposicións “a”, “de” e “pa” (> al, del, pal) e tódolos artigos determinados “el/la/lo/los/las” coas preposicións “con”, “en” e “por” (> col-cono/cola-cona/colo-cona/colos-conos/colas-conas, nel-no/na/no/nos/nas e pol/pola/polo/polos/polas); os demostrativos coa preposición “en” (>: nesti, nesta, nesto…, nesi, nesa… e naquel, naquella…); os pronomes persoais “él/ella/ello/ellos/ellas” coa preposición “en” (> nél/nella, nello…); a preposición “entre” cos indefinidos “ambas/ambos” (> entrambas/entrambos); os indefinidos “todas/todos” cos artigos determinados “las/los” (> tódalas/tódolos); os indefinidos e numerais “ún-unu/una/unos/unas” coa preposición “en” (> nún-nunu/nuna/nunos/nunas); os pronomes enclíticos tralo verbo en infinitivo (Ex.: dicite, comelo, da-y/-lly) e o pronome enclítico “nos” trala 4P (Ex.: levantámonos, vámonos). E as seguintes mediante o uso do apóstrofo: o artigo determinado “el” diante de palabra iniciada por vogal ou H mudo ou tras palabra acabada en vogal senón segue ao artigo outra palabra comezada por vogal ou H mudo (Ex.: l’avión, l’home, vienó’l xueves, compra’l xatu pro bebe l’augua); o artigo determinado “la” diante de palabra comezada por A- ou HA- (Ex.: l’amiga, l’harpa); as preposicións “de” e “en” diante de palabras comezadas por vogal ou H mudo (Ex.: d’eiquí, d’hospital, n’iviernu, n’hotel); a preposición “pa” diante de palabras iniciadas por A- ou HA- (Ex.: p’ayudar, p’haber); a conxunción ou o relativo “que” diante de palabras comezadas por vogal ou H mudo (Ex.: qu’esti, qu’había); e os pronomes “me/te/se” diante de forma verbal iniciada por vogal ou H mudo (Ex.: xa m’esqueicí d’él, ¿nun t’acuerdas?, tien que s’aguantar, si s’habita).

E o asturiano igual pro engadindo algúns casos máis e algunhas puntualizacións: o artigo determinado “el” coa preposición “so” (> sol) e tódolos artigos determinados á preposición “per”, usada xunto a “por” con significado diferente (> pel/pela/pelo/pelos/peles) e como en asturiano o plural de “la” é “les” as contraccións nas formas femininas plurais son: “coles, nes, poles; nestes, neses, naquelles; nelles; nunes”; tamén muda a posibilidade co pronome masculino persoal “él/elli” (> nél/nelli e naquel/naquelli); a preposición “a” tamén contrae con “en”(> an. Ex.: voi an ca Antón); os indefinidos “tou/toa/too/toos/toes”, diferentes do leonés, dan contraccións distintas cos artigos determinados (> tol/tola/tolo/tolos/toles); e a preposición “per” contrae con “ente” (> pente) e é opcional cos adverbios “equí/ehí/ende/ellí/allá/enriba/embaxo” (> pequí – per equí, pehí – per ehí, pende – per ende, pellí – per ellí, pellá – per allá, perenriba/perriba – per enriba, perembaxo/perbaxo – per embaxo).

Pódese afirmar que salvante o castelán as contraccións, sen ou con apóstrofo, son a norma nas linguas romances en todos aqueles casos de uso frecuente, porque o castelán correcto esixe pronunciar sempre tódalas vogais tal como están escritas sen elidir ningunha, dado que isto se considera un trazo antigo ou vulgar. O noso idioma irmán, o portugués, foi reducindo o número de contraccións representadas así como o uso do apóstrofo ata a súa case eliminación dende o galego-portugués literario das cantigas ata a “Reforma ortográfica de 1911” en Portugal e o “Formulário ortográfico de 1943” no Brasil, que sentaron as bases da súa actual ortografía, rompendo coa anterior escrita etimoloxista cara a unha simplificación foneticista que prima a palabra como unidade representada; con todo, no portugués a escrita dista moito de reproducir a correcta pronuncia porque tanto vogais coma consoantes difiren da súa pronunciación alfabética segundo os casos e moitas contraccións e elisións que non se representan na escrita son prescritivas ou comúns na fala, mais os portugueses teñen a favor que non deben deprender castelán coma nós nunha situación diglósica (Ex.: com a [kõa], de um [dũ], pelo [plu], para a [pra], ponte [põt], forte [fOrt], vontade [võtad]). A tendencia por non representar as contraccións orais leva a que no Brasil, onde a pronuncia vocálica é moito máis marcada, sexa considerada escrita formal a non representación da contracción da preposición “em” cos artigos indefinidos (> em um/uma), mentres que a súa representación explícita (> num/numa) sexa rexistro informal.

O galego perde definicición prescindindo dun recurso que forma parte do seu ADN e que acaba facendo que os neofalantes galegos falen dun xeito inverosímil ao non usaren as contraccións naturais nunha lingua como a nosa onde tódolos artigos comezan por vogal. Porque se non é o mesmo escribir nin pronunciar “corear” ca “corar”, nin “rodear” ca “rodar”, nin “balea” ca “bala” etc., tampouco o debería ser “de ese” ca “dese”. Non é casualidade que tódalos estándares das linguas romances españolas boten man da representación das contraccións, con ou sen apóstrofo segundo os casos, como recurso visual pra salvagardar a súa pronuncia enxebre fronte á influencia contraria do castelán, e unicamente o galego normativo renunciou ao uso do apóstrofo, en contra da súa tradición escrita, como opción pra representar unha pronuncia correcta.

Seguindo o exemplo do inglés, lingua de ensino obrigatorio e por tanto amplamente coñecida por unha boa parte da nosa sociedade, o galego tamén podería representar opcionalmente as contraccións habituais na nosa fala, diferenciando así textos cultos ou formais de informais ou coloquiais, sen que isto menoscabe o noso idioma como non o fai co prestixioso inglés. Ex.: (ing. formal/ing. informal) You are neighbours/you’re neighbours (sodes veciños), we are working/we’re working (estamos a traballar), they have worked/they’ve worked (traballaron), he has eaten/he’s eaten (comeu), you must not go into the garden/you mustn’t go into the garden (non debes ir ao xardín), I can not speak French/I can’t speak French (non podo falar francés), she is going to have lunch/she’s gonna have lunch (vai xantar), I want to have lunch/I wanna have lunch (quero xantar), I am not stupid/I ain’t stupid (non son parvo) etc. Loxicamente cada lingua ten as súas palabras proclives á contracción e mentres que no inglés as contraccións se fan maioritariamente con formas verbais, o galego ten nos artigos determinados os indiscutíbeis protagonistas pro non os únicos. Ex.: Díxome o teu nome/díxom’o teu nome, vén para a festa/vén prá festa, di que o sabe/di qu’o sabe, axiña se amaña todo o estragado/axiña s’amaña tod’o estragado, hoxe non amence despexado/hoxe n’amence despexado, torces o bico ao me ver/tórce-lo bico ó me ver, fixérono os dous durante o descanso/fixéron’os dous durant’o descanso, cando as vexas entre unhas matas/cand’as vexas entr’unhas matas etc.

Obviamente non se pretende reivindicar a introdución de tódalas contraccións habituais da fala galega non recollidas pola ortografía normativa pro si un maior uso desta posibilidade que reflicta a pronuncia real do galego na escrita dos usos informais ou coloquiais da nosa lingua. De certo que unha utilización indiscriminada daría lugar a interpretacións erróneas (Ex.: com’o bocadillo < como o bocadillo, come o bocadillo ou como/coma o bocadillo; agard’a súa quenda < agarda a súa quenda ou agarde a súa quenda; cand’a túa visita < cando a túa visita ou canda a túa visita etc.), mais do mesmo xeito que se restrinxe o uso das segundas formas do artigo definido a determinados contextos, tamén se podería regular o uso opcional do apóstrofo -algo que a normativa ortográfica permite- en textos coloquiais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.