Talvez unha cicloxénese explosiva non sexa exactamente o mesmo que unha borrasca un temporal ou unha tempestade. Porén, se o obxectivo é entendérmonos, é preferible utilizar as segundas. Dificilmente cabe substituílas por "cicloxénese" en frases como O que abaneaban as árbores co temporal! sen risco de facer o ridículo. Podería Shakespeare escribir A cicloxénese?
Máis grave é a distorsión a que someten ministros como De Guindos ás verbas. Coitadas palabras! Quen as defenderá de ser usadas co sentido contrario ao que teñen?
Se a xiria técnica inza a prensa de termos indescifrables e de dubidoso valor literario, máis grave é a distorsión a que someten ministros como De Guindos ás verbas. Coitadas palabras! Quen as defenderá de ser usadas co sentido contrario ao que teñen? Non é este un fenómeno novo, mais nas últimas semanas arremuiñouse (de forma explosiva) sobre as nosas cabezas, chovendo andrómenas a caldeiros.
Que entenderiamos normalmente por reducir as cargas sobre o traballo? A primeira vista parece que así pagarían menos as persoas que traballan. Ca! En realidade significa que diminuirá as achegas das empresas á Seguridade Social. Total, dirán eles, para que se quere un monte de cartos na Seguridade Social, se é moito mellor fechar hospitais (como en Baleares) ou privatizalos (como en Valencia). O que deben facer vostedes é contratar un fondo de pensións, que xa quedará o banco con el, e unha asistencia sanitaria privada. E, continúa De Guindos, a outra medida é incrementar a imposición sobre o consumo.
Montoro é un incomprendido: ninguén o cre e até os xornais de dereitas máis afíns ao goberno especulan sobre cal será a suba do IVE
Aquí os tradutores da linguaxe oficial (nova profesión que pode ter futuro) son unánimes: quere dicir que van subir o IVE. Isto pese a Montoro quen afirmou que "non imos subir impostos, imos cambiar a ponderación dos impostos". Montoro é un incomprendido: ninguén o cre e até os xornais de dereitas máis afíns ao goberno especulan sobre cal será a suba do IVE.
Uns anos antes Goebbels, ministro de Propaganda de Hitler, desenvolveu con detalle unha teoría baseada en principios como que non importa se o que se conta é certo o falso, senón unicamente se é verosímil
Nin sequera no de inventar andrómenas son orixinais. Na súa novela Mil novecentos oitenta e catro George Orwell presenta as múltiples formas de terxiversar a linguaxe. Así as consignas do partido, inscritas no Ministerio da Verdade: Guerra é Paz. Liberdade é Escravitude. Ignorancia é Forza. Uns anos antes Goebbels, ministro de Propaganda de Hitler, desenvolveu con detalle unha teoría baseada en principios como que non importa se o que se conta é certo o falso, senón unicamente se é verosímil. Segundo el "unha mentira mil veces repetida transfórmase en verdade". Un exemplo é chamar avance estratéxico sobre a retagarda á retirada de Rusia. Con isto non estou suxerindo que quen falan así sexan nazis. Só que no canto de información fornecen propaganda. Aínda que, á fin, as palabras revólvense e, a pesar do emisor, acaban comunicando a súa mensaxe.