As dereitas españolas e os impostos

Feijóo no seu mitin en Bilbao o venres 25 de marzo de 2022 © PP

Feijóo baixara IRPF, eliminará os impostos a banca e eléctricas e ve inxusto Patrimonio (Expansión 31 de maio 2023)

 

O señor Núñez Feijoo tendo no horizonte A Moncloa non pode evitar seguila senda dos colegas de partido (PP) que no seu día chegaron a Presidencia de goberno (Jose Maria Aznar, Mariano Rajoy) e empeza anunciando unha baixada de impostos. Un dogma neoliberal que xa ten décadas (Ronald Reagan e Margaret Thatcher, nos anos oitenta, serían os pioneiros) pero que a pesares dos seus continuos fracasos non deixa de seren utilizado como arma electoral.

O señor Núñez Feijoo tendo no horizonte a Moncloa non pode evitar seguir a senda dos colegas de partido que no seu día chegaron a Presidencia de goberno (Jose Maria Aznar, Mariano Rajoy) e empeza anunciando unha baixada de impostos

Antes de entrar no detalle desta recorrente proposta das dereitas lembremos que pasou realmente durante os mandatos dos expresidentes anteriormente citados. Jose María Aznar, un presidente que pasou a historia de España por ser o xefe de goberno (1996-2004) con maior número de ministros imputados por corrupción (12 de 14) e por terse incubado durante o seu mandato as burbullas inmobiliaria e crediticia que ao estourar dispararon o desemprego, deixaron en evidencia os problemas financeiros de un sector bancario que houbo que rescatar e dispararon as débedas privadas. Un político que nunca tivo reparos en afirmar que con el como Xefe de goberno en España se baixaron os impostos sen que a débeda medrara (“España vai ben”). A realidade foi que durante o seu mandato: a débeda pública baixou do 65,4% do PIB ao 45,4%, mentres a débeda privada dos sectores non financeiros disparouse do 54,6% do PIB ao 168,4%. No mesmo período a presión fiscal subiu dun 31,8% do PIB a un 34,8% (segundo a OCDE a maior suba fiscal na zona). Como podemos veren finalmente J.M.Aznar non baixou os impostos e con relación a débeda pública sinalar que si ben é certo que en termos de PIB diminuíu esta redución foi grazas o incremento nos ingresos públicos procedentes tanto da venta de activos públicos (30.000 millos de euros) como a entrada de fondos europeos (+8% PIB). En definitiva non houbo tal baixada de impostos pero si houbo unha explosión da débeda privada.

Durante o mandato de Mariano Rajoy (2011-2018) no que a corrupción volveu ao primeiro plano (sería o primeiro Presidente do goberno español en activo, o único de momento, que tivo que declarar diante dos tribunais por un caso de corrupción e tamén que tivo que abandonar o Executivo por unha moción de censura motivada polo mesmo: a trama Gurtel onde numerosos directivos e o seu propio partido aparecen implicados) as promesas de baixada de impostos tampouco se cumpriron: a presión fiscal subiu do 32% do PIB ao 35,2% e a débeda pública se dispararía (do 69,9% do PIB ao 100,4%).

Como resume e antes de pasar a outro aspecto subliñar que as evidencias históricas nos ensinan que as dereitas españolas menten cando aseguran que baixarán os impostos cando gobernen e ocultan que con eles no goberno as débedas (publica ou privada) se disparan. O que si resulta verdade é que lle baixan os impostos as grandes fortunas disparando así as desigualdades sociais.

A explicación a todas estas mentiras sobre baixada de impostos é moi sinxela. Digamos en primeiro lugar que as dereitas neoliberais (e os seus expertos) veñen facendo, dende sempre, bandeira da baixada de impostos. Desgraciadamente non poucos dirixentes socialdemócratas fan o mesmo. Todos parecen coincidir no axioma de que os impostos son malos. O argumento é que frean o crecemento económico e a creación de emprego e disparan a desigualdade. Tamén que favorecen a corrupción dos políticos. Contra isto último non vou a argumentar por que as evidencias son demoledoras de como foi cando gobernaron as dereitas en España que a corrupción se disparou hasta converterse nun cancro, nunha metástase.

En relación aos outros argumentos bastaría con sinalar que os estados europeos que teñen unha maior presión fiscal son aqueles que tamén teñen maiores niveis de emprego e benestar (Estados escandinavos, Francia, Alamana, Países Baixos....). Por tanto non é certo que a maior presión fiscal menor crecemento e emprego. En relación con este dogma compre engadir que a carga fiscal tampouco inflúe negativamente na produtividade como pon en evidencia que sexan precisamente os estados europeos con maior carga fiscal os que ao mesmo tempo son mais competitivos. O mesmo sucede co argumento de que subilos impostos reduce a recadación: de ningures por que o que realmente sucede é que a fraude fiscal mais elevada está entre as rendas mais altas. Non baixa a actividade das grandes fortunas por elevalos impostos o que realmente sucede é que estas utilizan mil subterfuxios para defraudar: segundo datos da Axencia Tributaria a fraude fiscal no IRPF (seguramente o tributo mais progresivo) aumenta segundo medran as rendas de tal forma que chega ao 23% nas rendas mais altas.

A baixada de impostos é un dogma ideolóxico, sen base científica algunha, pero que beneficia as grandes fortunas e esnaquiza os estados de benestar. Un dogma ideolóxico que leva a que sexan as familias de rendas medias e baixas quen sosteñan a facenda pública o que dispara as desigualdades

O que tamén nos ensinan as evidencias é que cando as dereitas baixan determinados impostos desestabilizan a economía (ao diminuír o gasto público se frea o seu efecto multiplicador), medran as desigualdades sociais e territoriais e os gobernos perden capacidade para influír na marcha da economía (por caso, sobre actividades contaminantes). Como evidencia contundente temos o sucedido na eurozona cando se impuxeron os “axustes fiscais” (seica vivíamos por riba das nosas posibilidades) que o que era unha crise bancaria se converteu nunha grande depresión da que aínda non saímos.

En definitiva a baixada de impostos é un dogma ideolóxico, sen base científica algunha, pero que beneficia as grandes fortunas e esnaquiza os estados de benestar. Un dogma ideolóxico que leva a que sexan as familias de rendas medias e baixas quen sosteñan a facenda pública o que dispara as desigualdades. Por tales razóns, e mais en momentos difíciles como sucede na actualidade, defender unha baixada de impostos é tamén un acto político enormemente irresponsable ademais de elitista. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.