As dúas velocidades de Europa

O acontecer político en Europa dos últimos meses puxo en evidencia que a Unión ten dúas velocidades, e non falamos en termos económicos, como habitualmente se sostén, senón de dous ritmos no que atinxe á toma de decisións cando do que se trata é dos dereitos e liberdades das persoas.

Por unha banda discorre o carril rápido. Neste operan os países de trato referencial, aqueles que de facto ocupan o núcleo duro da unión:  Alemaña, Francia e o caso singular de Inglaterra. É ben sabido que se falamos dalgún problema que a eles afecte, os actores mobilizaranse veloces e as solucións estarán deseguida despregadas enriba da mesa.

Un par de días precisaron os socios da Unión para acadar un acordo que trataba de calmar os ánimos antieuropeístas británicos. Os grandes mandatarios sentáronse axiña a negociar, e en dous días foron quen de firmar un pacto que garante que o status do Reino Unido na UE sexa, aínda, máis especial. O poder de Cameron nesa reunión era incuestionable, pois o resto de actores firmarían o que fixera falla con tal de espantar a pantasma da secesión. No fondo, coma sempre, o diñeiro. O que quería asegurar Cameron é ter que pagar subsidios menores ós traballadores europeos residentes en Gran Bretaña, iso, e poder volver á casa cun trofeo baixo o brazo. Desexo cumprido, pois os que vaian traballar ó seu país deberán agardar sete anos antes de reclamar as mesmas axudas sociais que os británicos. É certo que este pacto non apraza o referendo que busca a saída de Inglaterra da UE, pero non é menos certo que agora Cameron pode presentarse co ansiado trofeo en forma de medidas que consagran o seu status especial na Unión, e, deste xeito, ofrecer argumentos cos que defender o Si a permanecer en Europa. Unha visión puramente mercantilista da UE que recorda bastante á que fomentou o tatcherismo (“I want my money back”).

E pola outro carril, o de lentos, circulan os dereitos humanos, os principios éticos, todos eles esmagados na humillación permanente á que sometemos ós refuxiados que escapan de Siria, Iraq ou Afganistán, entre outros.

Xa en 2013 ACNUR cuantificaba en 1,7 millóns os refuxiados sirios, advertindo, que de non deterse a sangría, a finais de 2014 habería máis de catro millóns de refuxiados deste país. Os campamentos de refuxiados en Turquía, Xordania e o Líbano medraban e multiplicábanse, sen que dende a Unión Europea se fixera un intento minimamente serio de ofrecer algún tipo de solución. Un tema alleo á axenda política e mediática, e polo tanto, inexistente tamén na axenda social. Nin sabíamos, nin ía con nós. Unha ficción que se puido manter ata que os barcos de refuxiados que se dirixían a Europa comezaron a multiplicarse a principios de 2015, dando pé, apenas uns meses máis tarde, á coñecida como crise dos refuxiados que se saldou cun acordo de mínimos, e, sobre todo, ridiculamente escaso en termos cuantitativos. Alén da pouca ética que supón contabilizar persoas e negociar quedarse con mil refuxiados máis ou menos, o certo é que este acordo naceu xa condenado ó fracaso.

Case medio ano despois daquel acordo, entre o comprometido e o feito media un abismo de miles de dramas humanos. Basta mirar o caso de España, dos 17.000 refuxiados que o goberno se comprometeu a acoller, só se recibiron a 18 persoas. Un número insignificante entre os centos de miles que se amorea en Grecia convertendo ó país heleno no verdadeiro patio traseiro de Europa. Un pacto que é xa papel mollado e que deu paso a un principio de acordo entre a Unión Europea e Turquía que pon prezo á vida das persoas e á indignidade dos nosos gobernantes: tres mil millóns de euros, para comezar. Un principio de acordo que discrimina ós refuxiados por nacionalidade, negando o dereito de asilo a quen non sexa sirio, deixando fóra, para empezar, a afgáns e iraquís, entre outros; asume as deportacións masivas e evidencia a intención de facilitar a entrada de Turquía na UE.

A crise de refuxiados removeu ata o fondo os piares da Unión. Un reto ante o que os gobernos europeos só contestan balbucindo parches en forma de principios de acordos nados entre o medo ó diferente, á crecente xenofobia e ós resultados electorais. Respostas, dende logo, que ignoran os máis elementais dereitos humanos e cuestionan, na súa máis íntima esencia, os valores sobre os que, polo menos no papel, se asenta a Unión.

Vallas da vergoña, peches de fronteiras, restricións á libre circulación das persoas, ameazas de expulsión do espazo Schengen, incumprimento dos acordos de reubicación, pero tamén falsas e interesadas dicotomías entre liberdade e seguridade, son síntomas da desidia e ineficacia da Unión Europea para dar resposta ós problemas importantes.

En resumo, dúas velocidades diferentes, dous acordos que no fondo, só poñen en evidencia, unha vez máis, que millóns de persoas non somos iguais ante a lei, nin sequera os que nos pensábamos intocables por ser cidadáns de países europeos. Dúas velocidades que evidencian, novamente, non só o importante déficit democrático na Unión, toda vez que o poder executivo escapa a calquera tipo de control por parte da cidadanía; senón a inutilidade dunha institución incapaz de dar respostas satisfactorias ós problemas que nos preocupan. Unha institución convertida, cada vez máis, nunha fin en si mesma e nun pretendido ente abstracto onde descargar culpas. En definitiva, unha escusa perfecta dos gobernantes europeos para desatender as súas obrigas  coa cidadanía. Porque xa saben, non somos nós, é Europa. É a hora de dicir, polo tanto, que esta Europa,  convertida en monstro e caricatura de si mesma, nin nos serve, nin moito menos nos representa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.