As eleccións do 12X, entre a caricatura e a vida

Urnas nunhas eleccións en Galicia Dominio Público Praza Pública

O 12 de xullo votamos, seica. Se a pandemia que non nos abandonou o acaba permitindo. Dependerá en boa medida de como de furadas vexa as contas o Gran Prestidixitador, ou Gran Fazai, mais os seus compañeiros e compañeiras de simbiose nesa viaxe. En calquera caso, con todo e seren apenas unhas eleccións autonómicas, son encrucillada. Camiños diverxentes e contraditorios que nos levan a lugares distantemente opostos. De repente, e a pesar das aparencias de sosego e relanzo coma se reinase o doce e atemporal fluír das cousas, todo está en disputa. Aí segue a brecha aberta no tecido do tempo. Nunca se vai.

Todo está en disputa.

"Está en disputa a continuidade de Feijóo, é obvio, e con ela as súas políticas de espolio material e inmaterial das maiorías sociais"

Está en disputa a continuidade de Feijóo, é obvio, e con ela as súas políticas de espolio material e inmaterial das maiorías sociais. Está en disputa, con iso, a aplicación do tenebroso plan deseñado polo seu equipo de expertos empresariais, unha auténtica e melindrosa balada de amor á doutrina do shock, un verdadeiro programa de saqueo para as seguintes lexislaturas. Ao seu abeiro, a maioría social, nunha versión ultra das políticas da crise de 2008, cargará no lombo cos custos económicos e sociais, humanos, da pandemia: débeda pública, recortes e austeridade, socialización da miseria e privatización da riqueza, agresión aos agredidos como paradigma de goberno. Para o comité empresarial de expertos de Feijóo, todo pasa pola rebaixa de impostos para as grandes empresas e por políticas de incentivo do seu beneficio mediante desvíos constantes de investimento público. Os propietarios e os seus representantes non ven encrucillada senón un camiño dereito e veloz ao lucro. O lucro contra a vida. Nada novo. A luz que os guía tamén no remuíño desta pandemia: sanidade e coidados esnaquizados, educación desprezada e agredida, política económica e fiscal agresiva e empobrecedora. O espolio e a extracción como bandeira. A explotación sen límites como plasma vital. A plusvalía como norte. 

Alberto Núñez Feijóo © Xunta

Con plan de saqueo e todo, ganará Feijóo e o seu Partido Oculto, seica. Iso din todos, e de tanta repetición xa é verdade autoenunciada. A verdade-verbo, pacientemente construída no día a día. O personaxe-verdade, o Gran Prestidixitador, o presidente paradigma: xestor, emblemático, omnipresente e omnipotente, ecuánime e xusto, moderado e sisudo, xusto e protector, sabio e sagaz, líder incontrovertible, o outro polo de identidade aldeá transcendente na simbiose nacional tan característica deste proceso electoral. Epidemiólogo experto, mesmo, el só e só el foi capaz de prostrar o virus máis daniño do último século. E aínda nos queixamos.

Así que, as datas da aclamación anunciada aproxímanse. E na fermosa panorámica, a interferencia molesta da pandemia inda existente impón a lei que xa coñeciamos. O heroe é entón silencio, ocultación, inhibición, sometemento da vida e dos dereitos ao interese particular e inmediato. Ata que dá coa falacia argumental que tan ben fermenta nas fábricas do cinismo opusiano en que esta xeración de políticos conservadores se criou con tanto esmero. Daquelas camas para hoteis e non para hospitais como grande argumento de demolición e privatización pasaron dun chimpo ao vixente que non vaia votar quen dea positivo. Iso si, voluntariamente. O modelo antiviral de Trump e Bolsonaro ten na Gran Prestidixitación unha abnegada sucursal rexional.

En tempo de crise, a caricatura é norma. A crise sistémica e de réxime non pechou, iso parece evidente, e por tanto a caricatura segue vixente polo menos desde que irrompeu AGE como molesta anomalía no doce estado sereno das cousas co ánimo de crebar o reparto dócil de sensibilidades entre tres almas complementarias. Seguirá aí mentres haxa unha mínima posibilidade de impugnación e ruptura. En realidade, a política da representación é caricatura en si. Iso desvelou a anomalía 15M, a anomalía AGE, a ousada anomalía das mareas municipais, mesmo contra as voces conservadoras que desde distintos territorios identitarios acusaban de antipolíticos os movemento máis políticos das últimas décadas. E había que combater as anomalías. 

Combatéronas. E tamén se facilitou desde dentro algún combate. Pero iso haberá que analizalo no seu momento. O que deu de si ata hoxe aquel proceso e, sobre todo, o que pode ofrecer de aquí en diante. As esperanzas e as frustracións, as reaccións termidorianas, as irresponsabilidades compartidas, as razóns polas cales se permitiu a unha interpretación repulsivamente reaccionaria do nacionalismo dinamitar un proceso de unidade popular co obxectivo de substituílo pola quimera dun partido nacional, á medida dun líder cativo e unha corte ruín, que terminou en caricatura instrumental para un simple troco de favores. Pero non se trata de axustar contas senón de encontrar colectivamente as fórmulas de seguir construíndo instrumentos adecuados para intervir nesa continua brecha que non para de abrirse entre posuidores e agredidos.

"Cómpre entender todo o que está en disputa e cómpre vencer. Cómpre evitar a redución ao círculo eterno do mapa político galego previo a 2012, e empezar pola necesidade de desaloxar o Gran Prestidixitador da escena"

A brecha é a fenda da ruptura. Non desaparece, porque as condicións que a crean non mudaron. Deu ás veces a sensación de contraerse, e serían moitas as causas, pero nunca para de crecer, en realidade. E de esgazar o tecido social de maneira profunda. Segue esixindo instrumentos políticos para a ruptura máis alá das tres almas complementarias (conservadora, progresista e nacionalista) que se superpoñen mecanicamente aos antagonismos sociais. Segue sendo imprescindible articular eses instrumentos da maioría social, non instrumentos de representación, senón de participación e toma de decisións. Máis alá do resultado que dea toda a tremoia da representación deste 12 de xullo.

Neste universo da caricatura, onde nos queren reducir a personaxes de trazo simple dunha novela gráfica inzada de lugares comúns, non podemos saber que é o que vai pasar o domingo. E menos cando todas as luces están orientadas na mesma dirección. Non hai profundidade, non hai releve, non hai movemento nin vida na caricatura. Debatémonos entre sermos unha fotografía en ton sepia ou esgazar no tecido da realidade para descubrir o que hai máis alá do plató da vida do show de Truman. Cómpre entender todo o que está en disputa e cómpre vencer. Cómpre evitar a redución ao círculo eterno do mapa político galego previo a 2012, e empezar pola necesidade de desaloxar o Gran Prestidixitador da escena. Pero non porque ese desaloxo sexa a conclusión de nada, senón porque é condición indispensable para empezarmos a respirar colectivamente as galegas e galegos, que aspiramos a vivir coa dignidade e o benestar imprescindibles. Condición de partida. 

A disputa que se expresa nesa encrucillada é moi nítida: asumirmos a aposta do réxime, cos seus medios mobilizados coma nunca, de recomposición do doce e estable mapa político de tres almas previo a 2012 e a dirección inmaculada do Gran Prestidixitador, ou ben teimarmos en que a brecha continúe aberta mentres continúen as razóns da súa existencia, a desigualdade, a explotación, o diferimento das nosas capacidades políticas, o roubo como plan supremo, a privatización do que é de todos, a destrución da saúde, dos coidados e da educación públicas, o imperio do lucro duns poucos sobre as vidas da inmensa maioría. Non é unha disputa identitaria, é unha confrontación entre unha forma de vida e unha forma de caricatura. 

Eu seguirei confiando no espazo político que con todas as dificultades, erros e frustracións, ataques e estragos, vén intentando armarse polo menos desde 2012, aquel que comprende que a brecha non separa identidades senón condicións, postos nas cadeas de produción e reprodución e intereses enfrontados e nos máis dos casos incompatibles. Se eles ganan, nós perdemos. Se a saída desta terrible crise os beneficia será a cargo do noso benestar. Non podemos esquecelo.

Quedan uns días de campaña. Galicia en Común-Anova Mareas debera despoxarse, na miña opinión, desa tensión institucional que ameaza sempre con prender toda iniciativa de ruptura e de ilusión colectiva ao miserable escenario do posible. Non conseguilo sería a peor das derrotas, porque máis alá dos resultados do domingo, será imprescindible reconstruír e fortalecer o espazo e continuar elaborando un imaxinario de contrahexemonía, de rebelión e de impugnación das mallas que terman do existente. Máis alá do resultado das eleccións, a brecha seguirá aberta, e debe ser un espazo político republicano e de ruptura quen opere nela. Se non, operará o fascismo, como ben sabemos, e das súas entrañas veremos xurdir o monstro.

Como deixa dito Martiño Noriega nas súas conversas con Xosé Manuel Beiras, estamos nunha situación límite e necesitamos poñer en vigor un programa de impugnación.

Para iso, é urxente un hixiénico desaloxo.

Votemos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.