As Ficcións dos irmáns Santilari e os barrocos

P. Santilari. Vas amb flors II ©

A ben coñecida galería de arte Artur Ramon vén de presentar unha nova exposición: unha escolma de obras, unhas do século XVII e outras actuais. O resultado? Pois un compendio de historia da arte. As pezas asinadas nos últimos dez anos son obra dos irmáns Santilari, dous artistas donos de creacións de alta calidade técnica e de estudada estrutura conceptual que os eleva a espazos tan só reservados aos mestres. As súas pinturas, os seus deseños, habitan os privativos parnasos da excelencia.

image

Galería Artur Ramon. Ficcions


 

Ficcions. Josep Santilari, Pere Santilari i les natures mortes del Segle d’Or. Galeria Artur Ramon

La nostra pintura està feta en funció dels grisos, i el dibuix també; l’únic que el dibuix permet a aquest fons negre, és que sigui un negre total. Però el negre que diem segurament no és un negre equivalent al del tub. Llavors, continua tant la pintura com el dibuix dins de la perspectiva aèria, de colors molt purs aquí, però que quan s’en van s’agrisa tot. Amb el fons negre és com si hi hagués una llum que ve de dins. (Josep Santilari, Entrevista con Artur Ramon, 2021).

Pere e Josep Santilari volven presentar na galería Artur Ramon novas pezas de creación. E, desta volta, fano sen agochar influencias nin maxisterios. Colgan as súas sobrecolledoras pinturas e emotivos debuxos a carón de pinturas de mestres do barroco. Nada menos. As súas traballadas obras versan, nesta ocasión, sobre o tema denominado bodegón ou natureza morta. E en Artur Ramon, para permitir a comparanza, exhiben o froito do esforzo artístico actual a carón de pinturas de artistas barrocos, tales como Pedro de Camprobín, Juan de Zurbarán, Blas de Ledesma, Antonio Ponce ou Ignacio Arias, xunto con algúns outros de mestres descoñecidos. A que esta relación? Interesa colgar xuntos un bodegón de 1640 e outro de 2020?

Si que é ben atractivo ver como 400 anos de historia da arte veñen sendo unha lección de continuidade, da importancia cultura, da necesidade da arte para a comprensión da vida. A vida neste planeta comeza este ano 2021, Segundo Ano da Pandemia -tempos de negritude cultural, de populismos estériles e de pretendidos radicalismos maniqueos-, intres difíciles. E en tales circunstancias é moi de agradecer que empresas privadas decidan atacar iniciativas coma esta. Máxime cando o panorama de museos e xestións artísticas en Cataluña está a pasar os seus peores tempos: eiva de presupostos públicos, alongamento artificioso de cargos responsables e outras inoperancias, fan que hogano -por exemplo- máis de 10 museos públicos estean nesta comunidade sen dirección estable. Con isto da pandemia (as dificultades de movementos, os peches domésticos e sociais) algúns ritmos artísticos conducen ao slow art, o modo de saborear a xeito as análises das creacións humanas. Haberá que volver a ler poesía como se facía en tempos de Petrarca? Apreciarase sen présas unha pintura acabada en 2020 como se se tratase dun fresco mural románico? (Así cómpre que sexa, por exemplo, con pezas dos Santilari. As súas extraordinarias vanitas son un complicado reto ao paso do tempo).

Os xemelgos Santilari, que po riba traballan xuntos no mesmo estudo sito en Montgat, teñen maxia. Non unha maxia circunstancial, alcanzada en certas ocasións. Non. Maxia traballada perante horas, días e anos de paixón pola súa profesión, maxia que lles permite recoñecer que, cando os visita a musa, atópaos cos pinceis e os lapis Faber-Castel. O seu é slow art condimentado coa orixinalidade nas escollas temáticas e compositivas, ese saber que é tan importante saber situar obxectos (sempre definidos por unha luz que mesmo envexaría Caravaggio) no lenzo ou papel, como apostar por os espazos baldeiros, tan definidores da peza. Hai moito que os Santilari, como monxes zen, ignoran o concepto occidental do horror vacui.

image

Camprubín e Santilari


 

Ficcións e abstraccións dos irmáns Santilari

De fet, tota pintura figurativa és una representació d’una realitat, la que escull l’artista, però no deixa de ser alhora una ficció. Partim d’una realitat tangible, les coses que veiem, i decidim crear una obra que és una realitat figurada: la manera d’ajuntar els elements que coformen el quadre, la distància entre ells, la il·luminació, són els nostres materials falsos. (Pere Santilari, Entrevista con Artur Ramon, 2021)

A mestría artística destes irmáns vaise presentando ao público nun mangado de mostras que sementan cidades catalás, pero tamén certames internacionais. Ao longo xa de varias décadas eles mesmos son donos do proceso que van perfilando as súas inquedanzas. Sempre desde as concepcións figurativas e realistas, da máxica combinación dos seus miolos mais das súas mans van xurdindo paisaxes urbanos, ou figura humana, ou tanto deseño de bodegóns; e como non! As magníficas vanitas que levan anos elaborando por xunto e que xa presentaron en varias ocasións. Agora en Ficcions. Josep Santilari, Pere Santilari i les natures mortes del Segle d’Or acontece outro tanto. E na galería Artur Ramon -sabedores que a súa cualidade compite cos mestres de antano- teñen o atrevemento de exhibir as elaboracións destes artistas do terceiro milenio en franca camaradería coas creacións da primeira metade do século XVII, o pleno barroco. O resultado é o disfrute para toda persoa visitante; o gozo estético pleno.

Na entrevista que Artur Ramon fai aos irmáns Santilari co gallo desta exposición, Pere Santilari afirma que tota pintura figurativa és una representació (…) i alhora una ficció. Certo. As obras de arte sempre son en si mesmas a representación ficticia dunha realidade, realidade tomada ‘a priori’ como modelo. Seguindo o argumentario de Pere pódese ir máis aló, e aseverar que as obras figurativas, realistas, tamén son abstracción. Toda creación artística é abstracta? Con toda seguridade. Un poema, un haiku, son froito da abstracción intelectual das mentes humanas. O mesmo acontece cun deseño, cunha pintura. E unha estatua non é logo o resultado dun longo estudo e de posibilidades que só a/o artista coñece? Nas austeras naturezas mortas, de fondo negro, que os Santilari presentan agora en Artur Ramon, hai improvisación? Acaso a madalena está situada a tantos centímetros da noz ou da xícara de chocolate por azar? (O azar sempre foi pouco azaroso). O vaso con flores de cerdeira ocupa “ese” sitio a carón do pano branco por casualidade? Non. Todo é froito da planificación, do pensamento abstracto dos artistas.

Os irmáns Santilari alcanzan a perfección técnica, baseada no traballo previo: a concepción. A elucubración, o traballo de procurar as mellores maneiras de transmitir o concepto pretendido en cada obra é abstracción conceptual. Di Pere Santilari que a pintura figurativa é ficción, si. Tamén son ficcións outros xeitos de crear. Mudando a verba poeta pola de pintor, así o expresa -cos seus xiros e elucubracións- o poeta lisboeta Fernando Pessoa: O poeta é un fingidor / Finge tão completamente / Que chega a fingir que é dor / A dor que deveras sente.

image

J. Santilari. Serie. Fantin-Latour I, 2020


 

Composición, as precisas iluminacións

Puede el hombre, si quiere, conducir su deseo

por vena de coral o celeste desnudo.

Mañana los amores serán rocas y el Tiempo

una brisa que viene dormida por las ramas.

F. García Lorca. Oda a Walt Witman. Poeta en Nueva York, 1940)

Seguindo o xogo das comparanzas e tamén as aseveracións de a obra de arte é ficción, e que tamén é froito dun traballado e reflexivo camiño de abstracción, vén a conto -neste caso- aquela vella controversia greco-latina de quen é o mellor pintor, se Zeuxis ou Parrasio. O que fixo Parrasio, para vencer de maneira incontestable foi precisamente crear unha ficción; a ficción da cortina que agocha outra cousa. Xa só a elaboración mental que conclúe na cortina é o camiño da abstracción, por moito que a tela colgada fose tan realista que enganase ao mesmo Zeuxis.

Iso mesmo é pertinente asegurar das creacións dos Santilari. Nesta ocasión, as súas naturezas mortas (Ficcions. Josep Santilari, Pere Santilari i les natures mortes del Segle d’Or) son tan traballadas que se poden converter en verdadeiras trampas para quen observa (trompe l'oeil, na súa designación francesa e orixinal). Por exemplo, Eco i Narcís ouNatura morta de flors i fruites (sèrie Fantin-Latour). Os artistas badaloneses van máis aló, son quen de domeñar a curva do tempo.

Estes anos (2020 e 2021) estanse a vivir situacións moi complicadas para a vida en xeral, e en especial para a vida cultural. A pandemia provocada por este virus covid-19 veu para evidenciar as fraxilidades da vida humana, dos precarios equilibrios entre humanidade e medio ambiente, de que o voo dunha bolboreta ou dun morcego revira as expectativas sociais. A fraxilidade da vida, iso que tan ben “cantaron” os Santilari co gallo da súa mostra 7 pecats capitals, amb Josep Santilari i Pere Santilari , tamén na galería Artur Ramon. A pandemia é a metáfora dos tempos; metáfora contra da carreira tecnolóxica que un inimigo tan diminuto deixa á humanidade sen recursos. Pandemias houbo na antigüidade, no medievo, nos tempos modernos e mais nos contemporáneos. E a Arte sempre respondeu. A Arte cómpre para vivir. Así aconteceu e acontece. Hoxe sábese que nos campos de exterminio nazi as persoas alí recluídas, nas condicións máis extremas, improvisaban escenificacións e poemas como revulsivo e como “armas” para conxurar a morte que lles podía tocar en poucas horas. A Arte pausada e revulsiva dos Santilari axuda moito a vivir mellor.
 

As naturezas mortas, tamén coñecidas como bodegóns, teñen unha longa tradición na pintura europea. Desde a antigüidade clásica se conservan recreacións de vexetación e fauna diversa. Ralmente cando este xénero pictórico logra carta de identidade é na tradición barroca (a competición entre Parrasio e Zeuxis entra dentro desta categoría artística?). Artistas como Zurbarán ou Sánchez Cotán foron importantes elaboradores de lenzos frugais e magníficos. Os Santilari, séculos despois, reviran o curso do Tempo e fan que as súas estudadas composicións sexan fieis á realidade vivida polos artistas: bandexas de aluminio e cubertas de plástico translúcido, para froitas, verduras ou queixos que tamén puideron ser modelos de pintores barrocos.

image

P. Santilari. Vas amb flors II (INEFFABILITY - 87), 2018

 

Nestes meses iniciais de 2021 e na galería Artur Ramon, os Santilari compiten nas paredes da mencionada sede de produción artística con autores do Seicento. A mostra Ficcions. Josep Santilari, Pere Santilari i les natures mortes del Segle d’Or é un cara cara cos seus referentes, un pinchacarneiro no tempo, fronte a pinturas de Pedro de Camprobín, Juan de Zurbarán, Ignacio Arias, Blas de Ledesma, Antonio Ponce e outros de autor ou autora non coñecida. O resultado un embelezo artístico.

Despois de décadas de profesión os irmáns xemelgos chegaron a portos difíciles e agochados, aos que se chega tras complexas singraduras. Por exemplo o uso de fondos negros para a procura das tres dimensións. Pezas como La efímera bellesa ou Magdalena i nous, rebentan a composición, as luces e os volumes contra un fondo que semella negro absoluto, aínda que non sexa así. Ese pozo de escuridade fai saltar o resto de obxectos que entran na composición. A ficción das dimensións, da profundidade está resolta. Esa ficción acompasada coa abstracción. As obras dos Santilari son auteras, semellan concebidas, proxectadas e executadas por monxes de clausura ou por aqueles monxes bizantinos que se preparaban a través do xexún e outras técnicas para ter a capacidade mental de crear unha icona.

Nas obras actuais que agora é doado, e venturoso, contemplar na rúa Bailén de Barcelona máis detalles dos estudos preliminares á execución das pezas. Seguindo o vieiro da austeridade, os Santilari introducen obxectos (flores, vasos, noces, anacos de queixo, plásticos, …), pero poucos. Poucos porque na concepción da obra pesa o que nela se representa, se ficciona, e tamén habería que ter en conta todo o que se eliminou, para que o resultado final pareza frugal, monacal de libro. ¿Cantas voltas deron os artistas para concluír que as pinturas Vas amb flors de cirerer i presseguer ou Nous 3 sean configurados por tan escasos elementos como os que constan na execución final?

Aínda máis. Que faría Caravaggio se chega a ver a forzada iluminación das pezas? Que cantos andará a loar no seu parnaso particular ao saber que tanto é o interese que 400 anos despois se lle segue? A luz que sempre vén lateral choca violentamente contra uns primeiros planos para enterrar os fondos nesa penumbra escura, que non é negra, que está conformada por sutís tons de terras, verdes e similares. A creación dos Santilari: leccións de arte intemporal.

image

Josep Santilari. Magdalena i nous, 2014


 

Ineffability. Josep Santilari & Pere Santilari.

O pintor non só ha de pintar o que ve diante seu, senón tamén o que ve dentro seu. Se nada ve dentro seu, é mellor que deixe de pintar o que ve diante seu. (…) Pecha o ollo corporal para que poidas ver primeiro a imaxe co ollo espiritual. A seguir, fai saír para fóra o que contemplaches na escuridade, para que exerza o seu efecto noutros de fóra cara dentro. (Caspar David Friedrich, pintor romántico. 1830)

A pintura e debuxo dos irmáns Santilari pouco semella ter que ver coa creación romántica de  Friedrich. Por contra, faranlle caso nese proceso de interiorización que propón. De certo, si. A creación artística sempre precisa dunha introspección. As obras agora expostas (Ficcions. Josep Santilari, Pere Santilari i les natures mortes del Segle d’Or) así o demostran. Os elementos naturais (ou manipulados) que empregan Pere e mais Josep nas súas obras veñen sendo cantos á natureza, pero tamén agarimo polo tema tamén barroco das vanitas. Flores, a brevidade que define a beleza de tal elemento primaveral por excelencia, ou a próxima caducidade doutras froitas, veñen reclamando a lectura Tempus fugit, o canto á beleza fuxidía. A louzanía telúrica, necesaria, tamén é lembranza da velocidade do tempo, e da ilusión de eternidade subxacente nos degoros da humanidade.

A mesma galería Artur Ramon publicou o libro Ineffability. Josep Santilari & Pere Santilari, con textos e selección de imaxes do estudoso Timothy J. Standing, que actualmente é o Gates Family Foundation Curator no Denver Art Museum, e ten publicado tratados sobre Rembrandt, un dos seus artistas favoritos, sobre Monet, Degas ou Van Gogh.

Ineffability é un libro de moi coidada edición. As imaxes reprodúcense sobre un papel de gran calidade, o que permite valorar as características e calidades das obras. O texto de Standring, titulado La Virtud de la Disciplina é unha homenaxe ao traballo serio e constante destes artistas, aos que o autor compara con monxes medievais. Entre as máis de cincuenta obras reproducidas atópanse creacións dos últimos anos, pero tamén se fai un repaso por pezas dos anos 80 e 90. Desde agora Ineffability vén sendo a carta de presentación internacional destes artesáns do figurativismo.

image

Pere Santilari. Flors d'ametller I, 2019

 

EXPOSICIÓN: Ficcions. Josep Santilari, Pere Santilari i les natures mortes del Segle d’Or

Galería Artur Ramon

ata o 14 de maio de 2021

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.