A Asociación de Medios en Galego posiciónase radicalmente en contra da publicación de fotografías denominadas "escabrosas" da nena Asunta Basterra. A entidade fai un chamamento ás direccións dos medios que recolleron esas imaxes, para que as retiren no prazo máis breve posible. Os medios en galego entenden afastada "da ética informativa e cidadán máis básica" a difusión de imaxes morbosas e que "parecen regocixarse na exaltación dos peores instintos humanos, somentes guiados pola máis ruín búsqueda de audiencias".
"Empurrados uns polos outros, apremados pola necesidade de saciar a ansia de morbo e aguilloados por encher cada día titulares, decidiuse prescindir dos pesos que limitaban o avance rápido pola secuencia dos feitos/non feitos. Así, por que contrastar información cando se pode facer dos murmurios unha fonte fidedigna? Por que silenciar todos eses suculentos dixomedíxomes que percorren a vella Compostela e non convertelos en elemento noticiable? Como obviar adxectivos despectivos, diminutivos e o máis mínimo detalle da intimidade familiar se iso permite unha foto fixa dun escenario truculento? Por que respectar a presunción de inocencia? Por que non dar creto ás teorías máis escabrosas? Por que non afirmar sen pudor se podemos desmentir despois e, nese espazo de tempo, liderar índices de audiencia? Por que calar se podemos apostilar “segundo algunhas fontes” e meter calquera dato por moi especulativo que sexa? Por que non acudir a menores se podemos sacar tallada? Por que agardar a confirmar os datos se algunha fonte da investigación ávida de gloria efémera nolos está ofrecendo en bandexa?
Por que non afirmar sen pudor se podemos desmentir despois e, nese espazo de tempo, liderar índices de audiencia?
Neste caso todos os actores decidiron interpretar outro rol e nun xogo desconcertante de cadeiras hai axentes que xogan a detectives, coadoiros xudiciais que filtran datos, presuntos amigos e familiares que enxurran, xornalistas con vocación de literatos, avogados con ínfulas de manager, responsables de informativos que confunden peza informativa con faladoiros de barra de bar, consumidores de morbo que catapultan os índices de audiencia e unha constatación clara: todo vale. E todo o demais, tamén.
Resulta evidente que non escarmentamos co caso de Rocío Wanninkhof porque, de ser así, evitariamos, custe o que custe, os xuízos paralelos e teriamos en máis alta estima a presunción de inocencia esixible nun estado democrático" afirmaba no pasado mes de outubro a escritora e xornalista Rosa Aneiros, nun texto de plena actualidade.