As “xeiras” dos ultreias, os irmáns Granell, a pintura e a música

O día 10 de febreiro de 1932 constituíse oficialmente en Noia a Agrupación Xuvenil Galeguista Ultreia, baixo a dirección do profesor do instituto da devandita vila, Álvaro das Casas. Malia a todas as tachas que se lle poidan poñer, sen dúbida foi unha experiencia social e pedagóxica coido que única na nosa Terra. Tense dito que estaba influenciado por algunhas organizacións estranxeiras e, en particular, polo libro de Thomas Alexander e Beryl Parker, do cá primeira versión castelá, La Nueva educación en la República Alemana, sae en Madrid en 1931, feito que non nega, como deixou constancia no artigo Ultreya, 1ª Xeira, publicado no número 106 da revista Nós.

Aos poucos meses xa superaba os 1.400 afiliados, cantidade que segue a medrar ata que toman pulo as Mocedades Galeguistas, dependentes do Partido Galeguista

A mellor proba da grande acollida por parte do sector galeguista, está en que aos poucos meses xa superaba os 1.400 afiliados, cantidade que segue a medrar ata que toman pulo as Mocedades Galeguistas, dependentes do Partido Galeguista, e principalmente dende que se constitúen en federación en 1934.

Hai algúns anos fixen un estudo verbo do desenvolvemento desta agrupación, aínda que require moito máis traballo e investigación (Mar adiante. As xeiras dos Ultreias, Asociación Álvaro das Casas – Fundación Premios da Crítica de Galicia, 2008),  que agora lembro co gallo de presentarse estes días un libro verbo da case descoñecida faceta musical do artista Eugenio Granell, que chegou a primeiro violín da orquestra sinfónica de Santo Domingo.

Nos diarios das xeiras dos ultreias hai referencias aos dous irmáns: a primeira, a da Misión Biolóxica de Pontevedra, desenvolveuse entre o 19 e o 27 de marzo de 1932. Ademais do director, Álvaro das Casas, estiveron na granxa de Salcedo varios mozos de Noia, Ourense, Vigo e Vilagarcía, entre outros, Xaime Isla Couto e Rufo Pérez González (o Don Rufo profesor de matemáticas do Instituto Santa Irene de Vigo), non faltando visitas de Xosé Filgueira Valverde, Xosé Núñez Búa, Sebastián González García-Paz, Cruz A. Gallástegui, Enrique Fernández-Villamil…, e excursións a Pontevedra, Lourizán, ao polígono de tiro de Janer (predecesor da Escuela Naval de Marín) e á fábrica de conservas Massó de Bueu, na que lles chamou a atención ver que todos os letreiros pol-as paredes están escritos en galego. Que ben si en todas as fábricas de Galiza fixesen o mismo.

Durmían na mesma Misión Biolóxica, e o sábado 26 desprazáronse todos a Pontevedra, á inauguración da exposición de pintura dun dos compañeiros: Mario Granell. Esa noite o artista pasouna cos demais mozos que, segundo o relatorio asinado neste caso por Manuel Rei Lado, non parou de falar: "O Granell está fala que te fala dándome un mitin, apropósito dos ultreyas. Dí que si todos os mozos galegos estivesen na nosa organización Galicia sería outro pobo, unha verdadeira nación como debe ser. O Granell é comunista, pero en moitas cousas ten razón. Eiquí temos de todo: rapaces das dereitas e das izquierdas, xentes de familias ricas e pobres, pero nos levamos tan ben, querémonos tanto, que entre nós non hai disgustos e todos somos como verdadeiros irmáns".

A segunda xeira foi moito máis importante e, polo de agora, ninguén se atreveu a repetila: percorreron as Rías Baixas dende Muros a Vigo, atracando nos portos máis importantes, non só para repoñer combustible e víveres, senón para asistir a conferencias e visitar monumentos

Por certo, nun dos currículos do artista que teño diante non aparece esta mostra de Pontevedra de 1932, e si unha anterior, 1928, e outra posterior, 1934. 

A segunda xeira foi moito máis importante e, polo de agora, ninguén se atreveu a repetila: percorreron as Rías Baixas dende Muros a Vigo, atracando nos portos máis importantes, non só para repoñer combustible e víveres, senón para asistir a conferencias e visitar monumentos.

O periplo desenvolveuse entre os días un e 13 do mes de xullo tamén do ano 1932. Ían 25 mariñeiros, entre profesores e alumnos, dos primeiros –algúns aínda universitarios- estaban Álvaro das Casas, Isidro Parga Pondal, Francisco López Casado, Xurxo Lourenzo, Ramón Martínez López, Xosé Martínez López, Antonio Beiras…

O día dous o paquebote Xaquín Pérez atracou en Noia. Os expedicionarios saíron en barca ata a central hidroeléctrica do Tambre, a “catedral da industria galega”, deseñada pouco antes polo arquitecto Antonio Palacios. Á noitiña conferencia de Castelao no Liceo, banquete popular e serenata. O día tres tamén o pasaron aquí visitando os principais monumentos (cemiterio e igrexa de Santa María a Nova e San Martiño), e pola noite baile rachado no Casino.

Fóronse ás doce para barco, onde sempre durmiron durante a expedición, pero ás dúas espertaron polos sons dunha serenata organizada por un grupo de amigos noieses, como consta no Diario de abordo escrito por Álvaro das Casas: "A noite énchese de matices líricos. Granell deléitanos co Andante cantábile de Chaikovsky e o Lamento indio de Rimsky Korsakov. Os mozos espértase, como no país das fadas, e soben á cuberta. Os pixamas branquean dándolle ao barco un aspecto fantástico de navío de baladas. O reloxo de San Martiño lanza aos catro ventos tres badaladas que son como tres aturuxos á nova Galicia que nace".

Polo que atinxe aos irmáns Granell: Mario expuxo algúns cadros en Pontevedra no mes de marzo, e Eugenio actuou como violinista o dous de xullo en Noia, o ano 1932

O periplo non se detivo, malia deixar de funcionar varias veces o motor do barco e teren que navegar con vela, ás adversas inclemencias mariñas, e tamén á  sanción de 50 pesetas que tiveron que abonar para poder deixar o porto de Cangas do Morrazo, multa imposta pola axudantía de mariña de Bueu, por levar izada no mastro a bandeira galega.

Resumindo polo que atinxe aos irmáns Granell: Mario expuxo algúns cadros en Pontevedra no mes de marzo, e Eugenio actuou como violinista o dous de xullo en Noia, o ano 1932.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.