As malas novas do paro

España pecha o seu primeiro ano creando emprego. Disque os datos de paro son bos, pero resulta que hai máis ben pouco que celebrar; así que non deben de selo tanto. Que se cre emprego a calquera prezo e calidade non supón algo necesariamente bo. Se cadra non pasa de ser o rebote que segue tras tocar fondo. Se realmente as cifras de afiliación á Seguridade Social fosen tan brillantes, daríannos máis detalles sobre canto e como cotizan eses 417.159 afiliados máis rexistrados durante 2014.

En España o paro baixou case a cuarta parte menos que o emprego creado. Con taxas de crecemento por baixo do 1% non se crea emprego. Pártese e repártese entre máis traballadores. Onde había contratos máis ou menos estables, agora rexen os contratos temporais e a tempo parcial. Onde antes traballaban os pais, grazas á reforma laboral, agora os fillos producen por menos da metade.

Onde antes traballaban os pais, grazas á reforma laboral, agora os fillos producen por menos da metade

O capitalismo moderno baséase no consumo de masas, non na inanición das masas. Se a gran maioría non chega aos 800 euros ao mes, falar de problemas de competitividade, de custos ou de produción soa como porse a discutir sobre os efectos do quecemento global no medio do tsunami do imposible.

Máis da metade dos empregos creados apenas superaron o mes de duración. Máis da metade dos desempregados carecen de cobertura ningunha. Aos mozos desposuíronos da súa condición de traballadores e agora son aprendices, bolseiros, meritorios ou pupilos. Nun mercado laboral feudalizado, son os novos vasalos. Non estamos ante unha crise do mercado laboral. Estamos ante un cambio de modelo e as cifras constátano.

Non estamos ante unha crise do mercado laboral. Estamos ante un cambio de modelo e as cifras constátano

Seica para que non nos alarmemos ante tanto cambio ou pensemos que en realidade non estamos a perder gran cousa, ultimamente repítese moito que o mercado laboral español sempre veu marcado pola dualidade e a precariedade, que a desigualdade en España beneficia sobre todo ás clases medias ou que o noso Estado de benestar sempre redistribuíu mal.

Pode ser. Xa sabemos que, convenientemente torturados, os números confesan o que sexa. Por exemplo. Poden confesar que a contratación a tempo parcial xa supera á contratación a tempo completo. Ou que a terceira parte dos traballadores antes protexidos por un convenio colectivo xa non o están. Ou que, segundo os datos da OCDE en 2013, o 20% dos españois máis ricos aumentaron a súa riqueza e multiplican por sete a renda a disposición do 20% máis pobre, mentres que en Francia ou en Alemaña a diferenza multiplica por 4,5. Ou que até o informe PISA 2012 o noso sistema educativo público sempre comparecera como o segundo mais equitativo do mundo.

Todo iso é o que se está perdendo. Non era ideal. Pero era mellor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.