As memorias dun neno da aldea

Coñezo a Manuel Iglesias Turnes desde hai corenta anos. Mantemos unha boa relación de amizade, coas inter­ferencias e arredamentos impostos polo decorrer da propia vida. Sempre destacou como un home culto, comprome­tido e atento á realidade. Por iso foi, nos anos setenta, o primeiro presidente da Asociación Cultural Afonso Eans de Negreira, que puxemos a andar un feixe de mozos coa inquedanza de mellorar a nosa rea­lidade. Logo dedicouse a diversas actividades relacionadas coa agricultura e coa modernización do agro e a gandería. Pero tivo que chegar a preto dos sesenta anos para acordarse da súa vocación de escritor. E velaquí o seu pri­meiro libro.

Alén dos seus méritos literarios, que os ten en abundancia, este libro é a memoria fiel, escrita por unha testemuña presencial, da vida interior dunha aldea de Galicia nos anos cincuenta do século XX

Envioume o texto de As rapazas de Xan (Xerais, 2012) no mes de agosto do ano pasado. Fixen unha lectura demorada e dese­guida tiven a certeza de que esta narración tiña que ser publicada. Porque alén dos seus méritos literarios, que os ten en abundancia, este libro é a memoria fiel, escrita por unha testemuña presencial, da vida interior dunha aldea de Galicia nos anos cincuenta do século XX. O autor era daquela un neno, pero un neno esperto, curioso e atento, que gardou na súa memoria todo o relacionado coas formas de vivir, de falar e de relacionarse das xentes daquel tempo, xa fenecido.

Neira Vilas escribiu as súas Memorias dun neno labrego dende a mesma perspectiva que fai o noso autor: dende den­tro. Alonso Montero avisa no prólogo que o libro é "a autobiografía infantil dun rapaz labrego probe e que vive nun marco de moi poucos horizontes". Houbo outras achegas ao mundo rural galego. Reimóndez Pórtela publicou Un médico na aldea, no que recolle un feixe de relatos sobre as súas peri­pecias como médico nas terras da Estrada durante décadas. Mariño Ferro publicou Autobiografía dun labrego, que vén ser, como di o autor, un estudo novelado de antropoloxía, no que, mediante o artificio dun relato vai describindo os costumes do mundo rural galego sobre o noivado, o sexo, o casamento, a morte, as aparicións etc.

De seguro que hai moitas obras de narrativa que abordan a vida na aldea e que eu non coñezo. Pero teño por certo que hai poucas que teñan a condición deste texto: a autenticidade. Porque neste caso non se trata da ollada do visitante asombrado polas rarezas dos nativos, nin do profesional que realiza o seu labor na aldea e volve ao seu, nin da perspectiva etnográfica que observa os comportamentos humanos como faría un entomólogo. Neste caso, o mesmo que Balbino, hai un neno cos ollos ben abertos que está a ollar o que pasa ao redor, o que fan os seus maiores, e grava na memoria todo canto ve. Neste caso non hai documentación bibliográfica nin falta que fai, porque o autor estaba alí. Está a falar dos seus: dos seus pais, dos seus avós, dos veciños. Non conta a súa historia persoal senón a dos seus maiores. Trátase dunha obra de ficción e o que relata é froito da imaxinación do autor. Pero tamén é texto autobiográfico porque o que conta é verdade aínda que sexa imaxinado.

Neste caso, o mesmo que Balbino, hai un neno cos ollos ben abertos que está a ollar o que pasa ao redor, o que fan os seus maiores, e grava na memoria todo canto ve

Estou vendo aquel neno de ollos grandes, agochado nun curruncho, escoitando as conversas, aprendendo os cantares (nas ruadas, nas romarías, no entroido), correndo polas eiras no tempo da malla, axudando aos maio­res cando chegaba o tempo dos traballos duros. Esa aprendizaxe, esa experiencia está aquí, neste texto, recollida con fidelidade e afecto. Non cae o autor nunha visión bucólica da vida rural, nin na ensoñación nostálxica dun pasado feliz; pola contra, nesta novela hai envexas, murmuracións e abu­sos. Tamén hai vida en común, axuda mutua, festas e picar­días, a busca dun futuro mellor e unha mocidade ilusionada que soña co amor e a paixón nun mundo sen miserias.

O contorno xeográfico onde se desenvolve o relato é recoñecible, polas descricións da paisaxe e pola toponimia: Cabanelas, Serramos, Rebordáns... Recordan os nomes dalgunhas aldeas do Val de Barcala onde o autor pasou a súa infancia. A acción desenvólvese nos primeiros anos da pos­guerra, nunha parroquia atenazada pola miseria e pola falta de horizonte para os seus habitantes máis novos, que contem­plan, como saída máis favorable para o seu futuro, a emigra­ción a Montevideo.

Trátase dunha novela coral, na que hai dous personaxes principais, Carmela e Manuel, e ao redor deles outros moitos que participan en diversas tramas que van describindo o complexo tecido de relacións que compoñen a vida dunha aldea, unha vida marcada pola pobreza, pola forte presenza da Igrexa que exerce unha notable influencia na vida cotiá, e pola ausencia de futuro na propia terra. Case todos os mozos soñan un futuro ao outro lado do Atlántico.

Hai un descoñecemento moi grande, nas novas xeracións, sobre a vida dos seus pais e dos seus avós. Sempre é saudable saber da nosa orixe

Hai un descoñecemento moi grande, nas novas xeracións, sobre a vida dos seus pais e dos seus avós. Sempre é saudable saber da nosa orixe. Por iso eu non dubidaría en reco­mendar este texto para os alumnos de Secundaria. Moitos habíanse sorprender ao saber que os seus pais e os seus avós tiveron vidas semellantes ás que aquí se relatan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.