Nos días previos ao último 25X unha onda de entusiasmo percorreu os facebooks de toda Galicia. Centos de usuarios, se non miles, cambiaron o seu mellor rostro estival por unha bandeira de sol nacente celeste e un slogan contundente: “A nación galega”. Coa efervescencia propia dun proceso constituínte, a manifestación do Día Nacional foi todo un éxito. De alí saíuse coa idea de que Galicia enteira tiña o corazón valente e estaba máis unida que nunca. O paso lóxico seguinte foi materializar esa unión nunha candidatura ás eleccións xerais -previa redacción de varios manifestos convenientemente asinados- co obxectivo de formar un grupo parlamentario galego ao redor de dúas ideas fundamentais: a) os tempos son chegados; e b) o clamor é popular. Pero esquecendo dous pequenos problemas: a) unir a toda a esquerda; e b) unir a todo o nacionalismo galego. Cando se viu que aquel soño unitario desaparecía, a ilusión volveuse decepción profunda. Desde as posturas máis fatalistas, achacouse a ruptura á nosa tradicional forma de disgregar o país ou, en definitiva, a non vernos como un país.
Desde as posturas máis fatalistas, achacouse a ruptura á nosa tradicional forma de disgregar o país ou, en definitiva, a non vernos como un país
A esquerda, por un lado, e o nacionalismo galego, polo outro, viven de sempre unha loita centrífuga e centrípeta; de ansia de unión pero de realidade separada. Nas eleccións galegas do 97, o votante ata puido elixir entre Izquierda Unida e Esquerda Unida, mentres o BNG tiña os mellores resultados da súa historia. Non se sabe por que nos días próximos ao 25X había esa sensación de que, por fin, aqueles tempos foran superados, cando dous meses antes, unhas eleccións municipais deixaron ver alianzas tecidas por fíos entre finos e invisibles e pactos de goberno municipais aínda febles en moitas vilas.
O concepto de traizón é o que mellor flexionamos.
A democracia non consiste noutra cousa que en ordenar o conflito. Se “A nación galega” fose homoxénea non necesitariamos nin partidos nin eleccións. Pero os lectores de Marx somos como os lectores da Biblia, coa diferencia de que eles fundan relixións e nós, partidos. Todos falamos co autor dos textos en primeira persoa e sabemos que neses matices somos irreconciliables. Ao nacionalismo galego pásalle algo parecido. Pero as feridas de Amio aínda teñen que curar. E, como se pode ler en artigos, redes sociais e comentarios sobre reflexións respecto diso (incluída esta), o concepto de traizón é o que mellor flexionamos.
Nin as eleccións do 20D son as máis importantes nas que vostede vai votar, nin a imposibilidade de artellar esa candidatura única é símbolo do noso destino fatídico como pobo impedido
Nin as eleccións do 20D son as máis importantes nas que vostede vai votar, nin a imposibilidade de artellar esa candidatura única é símbolo do noso destino fatídico como pobo impedido. “En Marea” e “Nós, Candidatura Galega” compiten por un espazo electoral parecido pero non coincidente. Votaremos candidaturas diferentes do mesmo xeito que matizamos o que entendemos por Galicia e por esquerdas.
Quedou instalada na conciencia colectiva -incluído un manifesto (outro máis) de “persoas da cultura”- que foron as cúpulas dos partidos as responsables da ruptura. Pero é a infantería a que levou ás trincheiras de twitter a competición entre faccións. E nese fogo cruzado, intúese que nin os tempos eran chegados nin falta que fai.