As nenas embarazadas poderán ir á escola!

Nenas nunha escola en Serra Leoa © Waves

Unha grande noticia!. En Serra Leoa, as nenas embarazadas saltan de alegría. Moito non poden choutar porque o seu corpo está engordado e desfigurado. Está preñada e non pode nin debe brincar. Pero a nena barriguda está feliz. Feliz? Si porque poderá ir á escola e aprender. 

Como!! Sei de nenas, na miña cidade, que non queren ir á escola e a nai ten que levalas, coma quen di, á forza. E nese pais, esa Serra, con ese nome de dar medo, onde está, en África,?, si, nese continente, o goberno autoriza a ir á escola a nenas embarazadas. En Tanzania e Guinea Ecuatorial, onde tamén abondan nenas preñadas, aínda non.

Para nós esa non é a noticia, senón que haxa nenas embarazadas. Ese é o titular! Pois alí non. O Tribunal de Xusticia da Comunidade Económica dos Estados de África Occidental resolveu que non se debía prohibir a educación ás nenas embarazadas, que son milleiros de nenas no país, atendendo unha demanda presentada pola ONG Waves operativa alí. Embarazadas e ignorantes. Póñense os pelos de punta!

Porque non é necesario indagar moito. En primeiro lugar, esas nenas son violadas por pederastas. Por persoas indesexables e inmorais. Eses crimes adquire matices máis, faltan palabras nestes casos, cando sabemos que acostuman ser as persoas máis próximas, quen os cometen. Cantas desas nenas, de chegar a parir, terán xeneticamente, algo semellante a un ou unha irmá. 

Esa é outra, o parto é moi difícil nun corpo tan novo e pouco desenvolvido. Posiblemente non se logre. Ufff

É todo tan espantoso, que resulta difícil escribilo.

Pero, por un momento quedamos co final. Van á escola como o resto, a educación das nenas e nenos é obrigatoria.

Cando sucedeu iso no noso país? Por, primeira vez, arredor do ano 1978, cando se instalou a democracia, ou sexa onte, e se impuxo por lei o ensino obrigatorio, para nenas e nenos. Até entón unha gran parte de mulleres españolas era analfabeta. 

Canto ás violacións, sabemos que nos nosos eidos tamén violaban e violan nenas. Que os matrimonios celebrábanse en anos infantís. Recentemente, nunha exposición de obxectos e roupas antigas, puidemos ver un traxe de noiva de rico encaixe, tan estreito no que non podería entrar un corpo de muller desenvolvido, por moi delgada que fose. 

Son, indiscutiblemente, crimes de lesa humanidade. Sono. E no momento no que o escribo penso que quizais sexa a primeira persoa que lle dá ese nome. Pero así é.

As violacións intensifícanse cando a enfermidade se estende. Onde os números son máis elevados é en América do Sur. A denuncia da violencia sexual “Un violador en tu camino” estendeuse desde Chile ao resto do mundo como himno da fin da violencia sexual. 

Nas nosas latitudes, diríamos menos problemáticas, o confinamento pola epidemia supuxo un grave perigo en moitos dos fogares onde o pai e marido era un maltratador. A policía comentou o feito e tivo un coidado especial en certo fogares. Que terror, confinada co seu maltratador! Podemos imaxinalo. Un marido sen horas de atención no traballo, sen botar por ela cos amigos, sen taberna e viños. Un home preso, cando é tan libre de seu, normalmente. Hai perigo de que se poña fóra de si, viole ou mate.

O holocausto universal de mulleres e nenas acada cifras espantosas que non merecen Tribunais Internacionais, nin xuntanzas do Consello de Seguridade de Nacións Unidas. Pasa desapercibido. E iso é moi grave porque non só indica a falta de interese e de importancia que se lle dá, senón que non se atalla e, daquela, se perpetúa. 

Sei que fun retornando ao noso país, tal vez porque non debemos ver a palla só no ollo alleo. Hai diferencia, si, pero de grao. Palla, rama… Pero algo se mete sempre no ollo….

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.