As novas ausentes

Aquí xa tiñamos prazas dabondo o que pasa é que todas as repartía Baltar. A súa dimisión física subiu aos titulares e Praza Pública non estaba. Tarde. Por cada cacique emblemático debería de haber un xornal activado para evitar así elevalos aos altares das figuras adorables. Non existen os caciques entrañables igual que non hai tipos riquiños, somos feos. O caso é que Baltar dixo vou-ao-baño-un-momento (seguirá ordenando, exsuda control) e Praza non estaba. E non hai situación máis molesta que a de estar ausente. Perdes o gol definitivo e as copas de balde ou, no seu defecto, a exclusiva substanciosa e a entrevista que non apetecía facer vía mail. É tan importante que haxa xornais para cubrir a actualidade, como construír cemiterios para ir visitar as novas ausentes, as que non foron publicadas por non estar.

Disecamos para sempre nas memorias os xornais que foron desaparecendo -logo de resistir nun angurioso coma inducido- e agora temos na man o momento de cambiar o enxaugue bucal e comezar a refrescar os alentos. A realidade sabe ben. E aínda que o presente medre do pasado, o efecto da causa, hoxe sorrimos ao saber que polo menos tres novos xornais cubrirán un espazo necesario. Pero tamén é certo que, por non estar, chegan xa impuntuais para informarnos ao seu xeito dalgúns acontecementos trascendentes: a emulsión do goberno da Xunta, a deconstrución da Consellería de Cultura, o anacoretismo político de Feijóo, a morte de Díaz Pardo, o raquitismo insistente da oposición política do país, a taxidermia do patrioligarca Fraga…

Quedámonos para sempre sen as súas análises concretas e sen os seus seguementos puntuais. Porque a actualidade xira e non estaban, e eran –e son- necesarios. Cando un xornal non existe habería que multalo. Porque é certo o que nalgún lugar cuspiu Arthur Miller: “Un bo xornal é unha nación falándose a si mesma”. E aquí, está claro, precisamos máis de dous para poder darlle a razón ao neoiorquino. Non hai cousas que máis atorden á poboación activa que a mestura de perfumes caros do primeiro andar de El Corte Inglés e a carencia de medios para informarse como un quere. Non é que en todo este tempo adimensional estivesemos desinformados, tivemos á man importantes excepcións de xornais resistentes onde ler o que outros non revelaban -e tamén un smartphone con Twitter- pero o baleiro deixado polos outros deixáranos amputados. Se cadra non queríamos algo mellor, pero si máis.

Sodes necesarios porque os que ocupan San Caetano xa nos alertaban de que “chegaba o momento” e, obvio, chegou. Esta xente acostuma a cumprir o que promete. Hoxe temos un país prostrado ao aburrimento, cunha cultura amolecida polos recortes redireccionados para cubrir pistas de pádel. Galicia é hoxe un cabaré onde só sirven Coca- Cola light. Se ata Fraga, nalgún momento de lucidez epicúrea, chegou a dicir “país” onde os novos colocan “autonomía”! E agora seremos máis para contalo, para almozar decote logo de ser nós mesmos os encargados de subir a persiana dun mencer informativo máis plural.

En fin, da subvención pelexada ao crowdfunding concienciado. Comezamos a vitaminarnos. E se a Gloria Swanson de Sunset Boulevard recuperou os flashes a pesares da súa ausencia, todo é posible, tamén a longa existencia deste xornal. Así e todo, é preciso que, a xeito de multa, as autoridades pertinentes ordenen o peche temporal das entradas á Praza por incomodarnos este tempo co bulicio da súa inexistencia. Por non estar. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.