As pensions públicas victimas dos axustes e as reformas

A pensión é o patrimonio dos que non teñen patrimonio

Non hai goberno español que se prece que, no seu día, non subliñara a perentoria necesidade de reformar o sistema público de pensións. Reforma imprescindible, segundo estes gobernantes, para garantir a súa viabilidade –palabra máxica esta onde as haxa-.

Segundo recollemos dos informes da Seguridade social e dende que estamos en democracia houbo, cando menos, 6 reformas do sistema público. Reformas realizadas durante os mandatos  de A. Suárez (1977), F. González (1985), J.M. Aznar (1995), J.L. Zapatero (2012) e M. Rajoy (2013, 2015). Reformas que remataron todas da mesma forma: rebaixando o importe medio e endurecendo o acceso ao sistema público. Cousa absolutamente lóxica cando todas elas o que realmente buscaban era reducir o gasto público en pensións.

Aclaremos antes de nada que en España o sistema público de pensións supón un dos gastos públicos –10%- mais baixos entre os estados da Unión Europea –UE: 12,2%, Francia: 13,1%, Alamana: 11,2%..-. Cabería entón preguntarse que si eses estados –con niveis de riqueza similares ou algo superiores ao español- son quen de manter un sistema público mais potente e custoso –con pensións medias superiores e tamén mellores servizos de atención a vellez- por que o español non pode manter o actual?. Que é o que o impide?. Que xustifica as reformas habidas?

Digamos tamén que nos derradeiros anos estase producindo un grave deterioro na balanza fiscal do sistema –ingresos/gastos-. Un deterioro froito dos axustes fiscais e as rebaixas salariais. Un deterioro que, contra o que algúns poidan pensar, pon en evidencia cal é o problema real do sistema público de pensións en España. Un problema que está nos ingresos e non nos gastos como tentarei de explicar mais adiante.

O Fondo de Reserva –a “hucha das pensións”- remataba o ano 2015 cun saldo positivo de 32.500 millóns de euros que, nembargante, é o 50% do saldo habido cando entrou o último goberno (PP) que estivo presidido por Mariano Rajoy. O Fondo de Reserva é un froito do Pacto de Toledo (1995) que ten como finalidade atender as necesidades da Seguridade social cando por efectos do ciclo económico aquelas o demanden. E, xa que logo, un instrumento de equilibrio que permite actuar nas fases baixas do ciclo económico sen ter que proceder ben a redución das prestacións ben a incrementalas cotizacións. Que durante o goberno de M. Rajoy este fondo acumulara un déficit equivalente ao 50% do seu saldo inicial significa que durante esa lexislatura (2011-2015), deuse un grande deterioro da balanza fiscal xa que os ingresos non foron quen de cubrilos gastos. E como sucede sempre nestes casos as voces interesadas apuntan a que este déficit responde a que o sistema actual non é quen de cubrir as crecentes necesidades de fondos da Seguridade social para pagalas pensións. De novo estas voces interesadas volven a poñer o aceno na partida dos gastos cando o problema é a partida dos ingresos.

O problema fiscal son os ingresos xa que dende que estoupou a grande crise (2008) deuse unha forte caída dos mesmos por mor da negativa marcha do mercado laboral. Como é ben sabido os ingresos derivan das cotizacións quen a súa vez dependen dos empregos          –cotizantes-, e das cargas sociais –cotizacións- quen a súa vez dependen dos salarios. Tres factores que dende que estoupou a grande crise tiveron, por mor das políticas austericidas e de rebaixa salarial, un notable deterioro como así demostran tódalas evidencias.

Durante este período de recesión (2008-2015) perdéronse  2.400.000 empregos en España (12%) e 183.000 en Galiza (15%) que si inicialmente poderían imputarse a grande crise agora logo de 7 anos de recesión hai que imputar as políticas de axuste sen xénero de dúbidas. Unha perda de empregos que coloca as taxas de ocupación de España (47%) e Galiza (43,9) nos niveis mais baixos das derradeiras décadas e moi lonxe da media na UE (56%). A caída do emprego supuxo obviamente unha caída das cotizacións –un 3% de media anual-.

Por si no fora suficiente coa caída dos empregos os salarios, afectados polas reformas laborais, tamén tiveron unha notable caída. Segundo fontes comunitarias (EUROSTAT) os salarios medios en España caeron un 25% dende que estoupou a crise –unha media de 2.000 euros- o que os coloca claramente por baixo da media europea en poder adquisitivo   (-20,8%). Velaí que o seu peso na riqueza nacional sexa o mais baixo dende fai tamén décadas (Galiza: 43%, España: 46,7%, UE: 60%). A caída dos salarios trouxo tamén consigo unha baixa nas cotizacións medias que algunhas fontes calculan superior ao 20%.

Si as caídas dos empregos e dos salarios dos traballadores supuxeron unha redución dos ingresos polas cotizacións que financian as pensións hai outro factor, relacionado co custo laboral, que asemade influíu naqueles de xeito importante: as continuas “bonificacións” nas cotizacións empresariais. Estas cotizacións sociais forman parte da apartación que se utiliza para o financiamento da atención sanitaria, das pensións de xubilación, do seguro de desemprego.... etc. Compre, xa que logo, ter moi claro algo importante diante destas bonificacións: cando os empresarios están pedindo unha baixa nas cotizacións están pedindo tanto unha baixa nos salarios como no financiamento de servizos públicos fundamentais como por caso as pensións. Nos derradeiros anos as cotización empresariais tiveron continuadas rebaixas co gallo de favorecela creación de emprego, cos resultados coñecidos. Unhas rebaixas –nalgúns contratos movéronse entre o 50% e o 70% da cota- que supoñen menos ingresos para a Seguridade Social: segundo fontes sindicais no ano 2015 aquela deixou de ingresar case 2.000 millóns de euros polas bonificacións as empresas nas cotizacións sociais.

Son eses elementos os que están debilitando o financiamento actual das pensións públicas: empregos, salarios e cotizacións sociais. A súa crecente precariedade, por mor das reformas e a austeridade, repercute negativamente nos ingresos que financian “o patrimonio dos que non teñen patrimonio”. Unha evidencia que contradí os discursos que poñen a énfase na relación cotizantes-beneficiarios algo que é totalmente falso.

O presente e o futuro do sistema público de pensións é un asunto da máxima relevancia para Galiza. A economía dun numero moi elevado –en torno ao 30%-  das familias galegas  de hoxe depende dunha pensión e todo apunta a que no futuro ese número será aínda maior. Compre, xa que logo, estar atentos “para que non nos rouben a pensión”.  Compre estar a espreita.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.