Non é necesario ser un especial observador da realidade arxentina para coñecer aos macrigaitas. Saltan á vista aínda que intenten pasar desapercibidos. Onte mesmo berraban entolecidos contra dunha señora a quen chamaban Yegua Kretina pero agora teñen a boca pechada. Non fan ningún comentario sobre o activo derrube social no devastado territorio da República Arxentina xa que os cidadáns de orixe galega están unidos exactamente pola mesma miseria que todos os votantes de Macri. O grande Arturo Jauretche dicía que “clase media arxentina é experta en resucitar, cada tanto, aos seus verdugos” pero os macrigaitas son covardes e por tanto incapaces de pedir desculpas. Manteñen a firmeza en negar a equivocación aínda que os vexas comendo vidro na substitución do domingueiro asado de tira no fondo da súa casa de Lomas de Zamora ou de Villa Ballester. Son irresponsables e axiña lavan as mans para “escurrir o vulto” como facían na infancia. Parécelles unha trangallada o que dicía Pablo Neruda sobre que “vostede é libre de facer as súas eleccións pero é prisioneiro das súas consecuencias”.
Doéme que Castelao vexa aos macrigaitas colaborando coa tropa mercenaria que invadiu a lareira emigrante que desde maio de 1907 leva acesa sen ningunha interrupción
O que acabo de escribir permíteme achegarme ata a esquina de Belgrano e Pasco para intentar detectar a presencia dos miserables macrigaitas no Centro Galego de Bos Aires. Estou diante de “O Cego” (óleo sobre tea de Castelao que mide 142 x 102 cm) nun espazo destinado ao Instituto Argentino de Cultura Gallega. É unha obra que abre o corazón á solidariedade. O noso excelso rianxeiro envíanos a mensaxe de que debemos estar sempre o lado do que menos ten. Doéme que Castelao vexa aos macrigaitas colaborando coa tropa mercenaria que invadiu a lareira emigrante que desde maio de 1907 leva acesa sen ningunha interrupción. É un golpe máis na súa vida de exiliado aínda que inesperado por vir dos descendentes de aqueles nobres emigrantes que o acolleron na familia riopratense. Que me estás a dicir? É a típica pregunta do macrigaita que desexa fuxir de calquera relación entre o seu voto a Macri e baleiramento do Centro Galego. Escoita! O presidente Macri despreciate e tamén a ministra Stanley. Antes (non que o esquezas) desprecioute o ministro Lemus que sendo fillo de emigrantes de Vimianzo non sabe moi ben se o Centro Galego está na esquina de Pasco ou de Rincón ou de Combate de los Pozos.
No Centro Galego pasouse dunha débeba asumible, sendo presidente Carlos Alberto Vello, a outra inmensa que xerou a intervención de Moyano en pouco máis de tres anos. Un planexamento perfectamente definido para pechar servizos e despedir traballadores. Resulta evidente que o interventor non veu para mellorar a atención médica pero os macrigaitas non o queren recoñecer pois sería opoñerse ao seu amado don Mauricio. Fago a salvedade de que dúas agrupacións (“Galicia” e “Unión Gallega”) opuxéronse as trapalladas de Moyano. Non se fiaban dunha persoa que intentou traer ao desprestixiado xubilado Antonio Burgueño para encargarlle un afundimento rápido do hospital. Cando Moyano comprobou que algúns representantes dos socios eran honrados foise chamuyar aos infelices de dúas agrupacións pequenas que estaban na beira da extinción. O primeiro paso foi achegarse aos de “Breogán” que levaban desde o ano 2006 sen presidir a Xunta Directiva. Cando fracasa a operación Trucha One vai ata a carpa de “A Terra” coa oferta da Trucha Two para unha reducida agrupación que levaba sen presidir desde 1998.
Hai uns días que foi consumada a estafa. Quero dicir que para este lamentable acordo non era necesario o ataque contra dos traballadores e asociados
Hai uns días que foi consumada a estafa. Quero dicir que para este lamentable acordo non era necesario o ataque contra dos traballadores e asociados. O gran logro do interventor foi o desprestixio que obtivo para o Centro Galego. Asinouse unha cesión mediate convenio dos servizos médicos hospitalarios coa empresa “Olmos” que xestiona varias clínicas na capital e nas capitais provinciais. É curioso ler que disque foron as agrupacións as que acordaron en votación a sinatura do convenio. Outra irregularidade máis para clarexar en vía xudicial cando Arxentina recupere a cordura democrática que agardo sexa no vindeiro mes de outubro. O grande interventor failles crer as agrupacións que son elas as que deciden. Ao estar intervido hai unha única autoridade, Moyano, quen actúa e cumpre ordes en nome do Executivo e baixo supervisión xudicial. Claro que no réxime macrista ou máis ben macricida foi abolida a separación de poderes e o titular do xulgado encargado é un servo máis da inxustiza.
O 21 de maio por medio dun milagre ou dunha milagreira apócema recuperan as forzas para conseguir que o hospital do Centro Galego siga coas súas portas abertas
As agrupaciones sorrín, felices e contentas. Sosteñen que salvaron o patrimonio social xa que evitaron a venda do edificio e engaden –-coa boca chea--- que a empresa “Olmos” non está interesada na adquisición de propiedades. Afirman que os socios van ser atendidos. A verdade é que estou sorprendido xa que se son eles os que deciden, non entendo a espera e o retraso de tres anos cos brazos recollidos mentras Moyano cargaba un camión con documentación e material hospitalario para levar ao anexo de Valentín Alsina. Se queren tomarme por parvo ---adiante, non o podo evitar--- pero o ano pasado estaban atados e non podían facer nada xa que mandaba Moyano. O 21 de maio por medio dun milagre ou dunha milagreira apócema recuperan as forzas para conseguir que o hospital do Centro Galego siga coas súas portas abertas. Coido deben de informar aos socios que teñen unha porta aberta en Vicente López (Clínica Crespo) e outra en Caseros (Policonsultorios 3 de Febrero) por cortesía del grupo empresarial Olmos-Basa. Haberá quen entenda o que estou a dicir pero serán moitos os que o xustifiquen con excusas baratas. Os representantes dos socios foron noqueados por un gobierno de corruptos noxentos que levaron ao moi honorable Centro Galego ata unha morte no desprestixio. Algúns poida que teñan o atrevemento de culpabilizar a don Mauricio por facerlles confundir o que todo necio confunde: valor e prezo.