As portas que abriu Patricia Janeiro: novas perspectivas sobre feminismo e independentismo

Este ano A sega dedícalle a Patricia A. Janeiro o Día das Galegas nas Letras convidándonos a achegarnos á obra desta autora. A celebración é especialmente benvida xa que nos ofrece tamén a oportunidade de explorar novas lecturas d’A perspectiva desde a porta, quizais a novela máis coñecida de Janeiro até o momento, máis aló da controversia que envolvera a súa publicación aló polo 2009.

O debate xurdiu cando se soubo que a novela quedara finalista no Premio Xerais do 2007 e que un dos membros do xurado votara en contra dela por tratar o tema da loita armada, o que fixo que non fose a gañadora por un voto. Este episodio e a pouca sorte que a novela había de ter posteriormente no ámbito editorial, até por fin ser publicada por Edicións Positivas, apuntaban a que os asuntos relacionados co movemento independentista e a existencia de presos políticos galegos seguían a resultar arriscados como temática literaria. Janeiro, ademais, abordaba a cuestión dende un enfoque contemporáneo especialmente incómodo, tratando a situación do movemento independentista na actualidade a través do que semellaba un reflexo da Operación Castiñeira do 2005, na cal once militantes da organización independentista AMI foron detidos nunha efectista acción policial, sendo a causa posteriormente arquivada por falta de probas. A perspectiva desde a porta presentaba así o lado violento do conflito nacional como unha problemática histórica aberta dende a ditadura. E, como parte dela, trataba tamén o papel dos mecanismos represores do Estado, a manipulación dos medios e a estigmatización do independentismo na Galiza. Todos temas aínda de fervorosa actualidade.

A inmediata recepción crítica da novela xirou inevitabelmente arredor desta polémica, centrándose o debate, sobre todo, na “cuestión nacional”. Isto fixo que se lle prestase menos atención á perspectiva feminista que, sen dúbida, o texto tamén buscaba incorporar. Na literatura vasca o enfoque de xénero en relación ao conflito armado foi explorado dende a década dos 90 por escritoras como Arantxa Urretabizkaiak, Laura Mintegi ou Eider Rodríguez. Cuestións como a maternidade, as relacións afectivas, a opresión das mulleres e a experiencia destas no contexto político dialogan nas obras destas autoras coa problemática nacional. A perspectiva desde a porta abría esta vía para o caso galego, creando un punto de inflexión con respecto das achegas anteriores. O tratamento da temática na literatura galega ten varios momentos: se nun principio podemos retrotraernos á clave alegórica ferriniana, con novelas como Retorno a Tagen Ata (1971) e Bretaña, Esmeraldina (1987), outras achegas posteriores como Rastros (1998), de Roberto Vidal Bolaño, ou Xelamonite (2006), de Luís Paradelo, exploraban un enfoque histórico e intimista.

Pola súa parte, n’A perspectiva desde a porta a participación dunha das protagonistas, Malvina, na actividade armada do post-Franquismo desafiaba o discurso sobre violencia e mulleres que convencionalmente as presenta só como vítimas e axentes pasivos. Aínda que é certo que tamén atopamos personaxes femininas involucradas na loita armada en Retorno a Tagen Ata e Xelamonite, Janeiro incorporaba, ademais, outros temas pouco ou nada tratados en relación á cuestión política. Así, a experiencia de Malvina e a súa filla Nadia n’A perspectiva desde a porta servía tamén para abordar o sexismo no ámbito da militancia, novos modelos de maternidade/paternidade, as relacións de parella, ou as dificultades para compatibilizar a vida familiar coa vida profesional e a militancia política.

A ollada feminista d’A perpectiva desde a porta funcionaba transversalmente ao construír unha maneira de relatar o conflito nacional na Galiza fóra dos grandes relatos. O seu foco recaía no persoal e no cotiá, sen perder de vista o colectivo e o político. Deste xeito, a esfera pública e a privada solapábanse irremediabelmente: na progresiva toma de conciencia ideolóxica de Malvina, na rutina de David na cadea, no tema da dispersión das presas e presos ou o das presións sufridas polo seu círculo máis próximo. A través da exposición do lado humano do conflito, a novela ocupábase dos aspectos menos visíbeis dun tema xa de por si invisibilizado. Esta construía, así mesmo, unha mirada alternativa, que se afasta tanto do discurso criminalizador creado polo Estado e os medios de comunicación, como do relato épico, e por veces tamén masculinista, sobre a militancia.

As novas dimensións que a crítica feminista suma á análise sobre a cuestión nacional permítennos afondar en lecturas d’A perspectiva desde a porta que pasaron desapercibidas no seu momento. Ao mesmo tempo que esta novela ofrecía unha revisión dos relatos sobre o conflito nacional na Galiza, cuestións como a maternidade adquirían tamén unha potencialidade política nova. Esta potencialidade afastábase dos discursos habituais, resultando máis difícil de asimilar por un campo literario disposto, naquel contexto e hoxe, a baleirar de contido político determinados temas asociados á experiencia das mulleres. Celebramos, pois, a ocasión que nos brinda a homenaxe do Día das Galegas nas Letras para seguir relendo e debatendo obras, que como esta de Janeiro, se resisten a ficar relegadas ás marxes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.