O Freud de 23 anos xa foi coñecido por estas terras debido á difusión dun dos seus traballos en 1879 polo médico Ramón Varela de la Iglesia, catedrático de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, un excepcional divulgador das novidades científicas do seu tempo
Sigmund Freud (1856-1939) foi un dos pensadores máis influentes do século XX. Fundou a psicanálise, exerceu unha grande influencia no ámbito da Psiquiatría e da Psicoloxía e tamén no mundo cultural. As súas propostas sobre esas cuestións chegaron a España e Galicia nas primeiras décadas do século XX e neste artigo comentaremos brevemente esa recepción, pero a novidade que hoxe presentamos tivo lugar bastantes anos antes. Veremos como o Freud de 23 anos xa foi coñecido por estas terras debido á difusión dun dos seus traballos en 1879 polo médico Ramón Varela de la Iglesia, catedrático de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, un excepcional divulgador das novidades científicas do seu tempo.
A orixe xudía
Freud naceu en Příbo, na Moravia da actual República Checa, daquela parte do Imperio austríaco. Sempre estivo orgulloso da súa procedencia xudía, pero permaneceu alleo á relixión, de feito era ateo e moi crítico co papel das relixións na historia. Sigmund sabía que formaba parte dunha comunidade perseguida en diversos momentos da historia, que, por exemplo, non acadou a igualdade de dereitos cívicos e políticos en Austria ata 1867, despois de que el nacera. Nas décadas seguintes Viena sería un salientable centro para o desenvolvemento do pensamento moderno, coa actividade de numerosos filósofos, artistas, científicos e escritores, destacando o coñecido como “Círculo de Viena”, que entre 1924 e 1936 agrupou a salientables pensadores de diferentes áreas. Bastantes deses intelectuais eran de orixe hebrea.
O impacto da activa comunidade xudía en Viena, un 10% dos seus habitantes en 1938, estivo acompañada do incremento das posicións antisemitas desde fins do século XIX en Austria, creándose en 1888 un partido contrario á presenza xudía que levou ao seu candidato, KarJ Lueger, á alcaldía de Viena en 1895 e uniu o histórico antisemitismo católico co novo de tipo económico e racial. Co acceso dos nazis ao poder en Alemaña en 1933 queimáronse libros de prominentes autores hebreos, como foi o caso de Freud, por perverter “todo o que había de nobre na alma humana”. Cando o 12 marzo de 1938 Austria foi anexionada por Alemaña, comezou a persecución da comunidade xudía nese país. Inicialmente un Sigmund enfermo pretendeu permanecer en Viena pero –á vista da represión– fuxiu o sábado 4 de xuño de 1938 para Londres. Catro irmás morrerían no campo de exterminio de Treblinka, no terrible Holocausto sufrido pola comunidade xudía. Que pensaría Freud hoxe ao contemplar o xenocidio en Gaza de mans do Goberno israelí?
Estudante de Medicina
Malia ser un destacado estudante, Freud tardou oito anos en aprobar os cinco cursos da carreira de Medina. A explicación a ese paradoxo ten que ver con que no seu período universitario dedicou moito tempo a realizar unha formación complementaria á impartida nas aulas, cumpriu o servizo militar e desenvolveu múltiples actividades, guiadas por un insaciable desexo de saber
Malia ser un destacado estudante, Freud tardou oito anos en aprobar os cinco cursos da carreira de Medina. A explicación a ese paradoxo ten que ver con que no seu período universitario dedicou moito tempo a realizar unha formación complementaria á impartida nas aulas, cumpriu o servizo militar e desenvolveu múltiples actividades, guiadas por un insaciable desexo de saber. Por exemplo, interesouse polos traballos arqueolóxicos de Schliemann sobre Troya e pola obra de Sófocles e cun amigo aprendeu o español de xeito autodidacta, mesmo formaron unha especie de sociedade, «Academia Castellana», e utilizaron pseudónimos dos cans protagonistas de “El coloquio de los perros” das Novelas ejemplares de Cervantes; Freud era o can Cipión. Ademais, asistiu ás conferencias de Franz Brentano sobre filosofía e leu os seus escritos psicolóxicos e tamén acudiu ás conferencias de Theodor Meynert, experto en anatomía do cerebro e interesado pola psiquiatría. Por outra banda, Sigmund creou e dirixiu o seu propio círculo filosófico, no que trataron, entre outros temas, da obra de Ludwig Feuerbach, un dos fundadores do ateísmo humanista contemporáneo.
Asemade, nese período foi contratado polo zoólogo Carl Claus, importante difusor da obra de Charles Darwin en lingua alemá, con quen investigou sobre a estrutura dos testículos da anguía na estación experimental de Bioloxía mariña que Claus establecera en Trieste, o que daría lugar ao primeiro artigo científico publicado por Freud. En 1876, con vinte anos, incorporouse ao laboratorio do seu profesor de Fisioloxía e Anatomía miscroscópica, Ernst Wilhelm von Brücke, onde elaboraría a tese de doutoramento sobre a medula espinal dos Ciclóstomos. Tras dedicar un ano ao servizo militar, en 1879 licenciouse e doutorouse en Medicina.
Na busca dun perfil profesional
Nos tres anos seguintes continuou traballando sobre a estrutura do sistema nervioso de diversos animais no laboratorio de Brücke. Obtivo interesantes resultados e todo parecía indicar que o seu camiño profesional sería o propio dun destacado investigador nesa área. Porén, en abril de 1882 algo lle levou a cambiar de perspectiva, coñeceu a Martha Bernays e pensaron en casar, polo que decidiu buscar un traballo que lle ofrecera máis recursos económicos, pois a investigación nunca estivo nin está ben remunerada. Abandonou o laboratorio e aceptou un posto como médico no Hospital Universitario de Viena e, seis meses despois, na clínica psiquiátrica de Meynert. Un paso transcendente na súa carreira, pois se ben nesa instalación médica realizaba estudos anatómicos sobre o cerebro, na liña doutros previos, accedeu ao traballo coas enfermidades mentais. O 9 de setembro de 1885 sería nomeado profesor da Universidade de Viena.
Dende outubro de 1885 ata febreiro de 1886 estivo en París, no famoso hospital da Salpétriêre, formándose con Jean-Martin Charcot, considerado o pai da Neuroloxía moderna. Charcot utilizaba desde 1878 a hipnose para estudar experimentalmente as neuroses «espontáneas», sobre todo a histeria, unha alteración que durante moito tempo –por prexuízos misóxinos– se asociou só ás mulleres (“histérica!”), atribuíndoselle orixe orgánica, no útero. O prestixio de Charcot e outros colegas que usaban da hipnose axudou á difusión desa práctica entre os médicos, nos anos oitenta xa había algúns interesados en España, como o propio Santiago Ramón y Cajal. En Galicia fíxose eco un catedrático da Universidade de Santiago, Timoteo Sánchez Freire, director do sanatorio de Conxo; nos rexistros clínicos do hospital figura un caso que tratou con hipnose.

No camiño da psicanálise
Inicialmente –para penetrar no inconsciente– utilizou cos seus pacientes a electroterapia e, sobre todo, a hipnose. Despois, xa a principios da década de 1890, recorreu a rememorar experiencias traumáticas, xeralmente conflitos sexuais, especialmente temperás
Se xa con anterioridade Freud prestaba atención ás enfermidades mentais, a experiencia de París acentuou o seu interese. Nada máis regresar a Viena abriu, en abril de 1886, un consultorio dirixido a atender cuestións psicolóxicas. El era un científico que tiña unha sólida formación técnica e coñecemento da anatomía do sistema nervioso pero entendía que ese arsenal non abondaba para comprender e curar trastornos mentais, pois unha parte do sufrimento das persoas tiña que ver con cuestións psíquicas. Estaba convencido da existencia dunha especie de mundo oculto dentro de cada ser humano que incidía en diversas patoloxías, un inconsciente ao que pretendía acceder para poder visualizar conflitos profundos e camiñar cara a súa solución. Freud atreveuse a abrir unha porta a unha realidade afastada do coñecemento convencional.
Inicialmente –para penetrar no inconsciente– utilizou cos seus pacientes a electroterapia e, sobre todo, a hipnose. Despois, xa a principios da década de 1890, recorreu a rememorar experiencias traumáticas, xeralmente conflitos sexuais, especialmente temperás. En 1893 presentaría, co colega Josef Breuer, un texto histórico: “O mecanismo psíquico dos fenómenos histéricos. Comunicación preliminar”, considerada a primeira conceptualización propiamente freudiana sobre a histeria. Era unha perspectiva revolucionaria, consideraba á histeria como algo psicolóxico, subxectivo, un xeito de defensa contra un suceso traumático de índole sexual. As súas propostas salientaban a relevancia dalgo que se tivera ben agachado, a vida sexual, afirmando a súa presenza en todas as persoas e en todas as franxas de idade. Por iso as ideas de Freud eran cualificadas como unha doutrina “pansexualista”, que situaba á sexualidade en todas partes. O que provocou, sobre todo ao principio e en gran medida por prexuízos, un amplo rexeitamento ou –cando menos– unha certa distancia intelectual con esas “perturbadoras” ideas.
Sigmund seguiu avanzando na súa busca do inconsciente. O seguinte paso consistiu na utilización dos soños e as asociacións que evocaban. En novembro de 1899 publicou Ainterpretación dos soños, un elemento central no desenvolvemento da psicanálise, termo que comezou a usar en 1896. Ademais, abandonou o uso prioritario da hipnose e da terapia da catarse e apostou por traballar coa asociación libre, deixar que fluíran no paciente elementos agachados, reprimidos, nun diálogo terapéutico. Entendeu que esa análise, psicanálise, era o único método para investigar de xeito fiable as causas das neuroses, facer consciente o previamente inconsciente.
Para levar a cabo esa conversa precisaba un espazo protexido para esa terapia. Así naceu esa imaxe hoxe tan coñecida do psiquiatra, no seu caso Freud, co paciente deitado nun diván e fóra do seu campo visual
Para levar a cabo esa conversa precisaba un espazo protexido para esa terapia, un lugar e unhas condicións que permitiran establecer un ambiente de confianza entre o médico e o paciente, no que o terapeuta se limitaba a ofrecer suxestións, preguntas e breves comentarios buscando a liberación de sentimentos agochados, mesmo positivos e negativos cara ao médico (transferencia). Así naceu esa imaxe hoxe tan coñecida do psiquiatra, no seu caso Freud, co paciente deitado nun diván e fóra do seu campo visual.
As ideas e métodos terapéuticos do médico austríaco –non exentos no seu tempo de prexuízos misóxinos– seguen aplicándose a día de hoxe e tamén continúan a ser obxecto de debate, cuestionándose o valor científico da psicanálise, considerada unha pseudociencia. Por outra banda, os avances médicos permitiron identificar o compoñente orgánico/funcional nalgunhas doenzas mentais, o que levou ao uso dun arsenal farmacolóxico eficaz no seu tratamento, reducindo –polo tanto– o tratamento tradicional en Psiquiatría.
Chegada das ideas do pai da psicanálise
A principios do século XX Freud comezaría a ser coñecido. Nun primeiro momento no ámbito cultural alemán, polo que acceso ás súas teorías estaba limitado aos dominaban ese idioma. Inicialmente, as ideas freudianas foron rexeitadas ou recibidas con escepticismo polos sectores académicos e médicos en España, mais nas seguintes décadas irían sendo aceptadas total ou parcialmente.
En Galicia, Roberto Nóvoa Santos, catedrático na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, foi quen máis interesado estivo por estas cuestións, contribuíndo á súa difusión. Non resulta moi sorprendente, pois o perfil profesional e preocupacións de Nóvoa gardaban certa semellanza co do médico vienés
En febreiro de 1893 apareceu traducido ao castelán na Revista de Ciencias Médicas de Barcelona e pouco despois na Gaceta Médica de Granada o importante texto que Freud publicara con Breuer un mes antes sobre a histeria, pero esas temperás aparicións pasaron practicamente inadvertidas. Case vinte anos despois, en 1909, o médico Miguel Gayarre publicaría na Revista Clínica de Madrid un artigo: “La génesis sexual del histerismo y de las neurosis en general”, no que rexeitaba as teorías freudianas, criticando especialmente a relevancia que daban á sexualidade, un lugar común entre os detractores de Freud nese período, síntoma dunha sociedade reprimida e hipócrita. Ademais –nunha evidente manifestación de antisemitismo primario e ignorancia– Gayarre afirmou que a terapia proposta polo médico vienés non tería en España “material adecuado” dado que “casi todos los casos de Viena son judíos en los que, como es sabido, abundan los matrimonios consanguíneos y en los que, por tanto, se acumulan los estigmas degenerativos y las neuropatías sexuales”. Por outra banda, fóra do mundo da Medicina, o filósofo José Ortega y Gasset escribiu sobre as ideas de Freud en 1911 e axudou a difundir a súa obra. Non adoptou unha postura clara e, tamén, amosou o seu desgusto cos contidos sexuais das doutrinas freudianas, o mesmo que faría en 1914 Enrique Fernández Sanz, autor do artigo “El psicoanálisis” e do libro Histerismo. Teoría y clínica.
En Galicia, Roberto Nóvoa Santos, catedrático na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, foi quen máis interesado estivo por estas cuestións, contribuíndo á súa difusión. Non resulta moi sorprendente, pois o perfil profesional e preocupacións de Nóvoa gardaban certa semellanza co do médico vienés. Tamén el tiña unha boa formación técnica, como patólogo experimental, e manifestou profundas inquedanzas sobre os fenómenos psíquicos. O avance científico non daba plena satisfacción ás persoas que coma el querían saber das enfermidades mentais, da conciencia, da memoria e da morte. Na busca de respostas ollaba cara novos pensadores, como o propio Freud ou Nietzsche, Bergson, Wilhelm Dilthey, William James, etc.
Nóvoa puido escoitar falar de Freud na estadía formativa en Estrasburgo, daquela en mans alemás, e seguro que leu cousas del no proceso de elaboración do seu Manual de Patoloxía. O primeiro tomo publicouse na primavera de 1916. Será no segundo, escrito en 1917 pero aparecido en 1918, cando incluíu, como novidade en España, os procesos psicopatolóxicos, presentando, de xeito pioneiro no terreo da Patoloxía xeral as contribucións de Sigmund Freud, ao que recoñecía a súa relevancia pero con quen evitaba identificarse plenamente. Na segunda edición do Manual (1922), publicou as ideas básicas do inconsciente freudiano e tratou da psicanálise, establecendo certa distancia co “pansexualismo” de Freud, se ben aceptou a importancia da sexualidade no tema da histeria.
O primeiro Freud
A carreira investigadora do médico vienés comezou traballando ben cedo en Neuroloxía, o estudo do sistema nervioso
Vimos de falar, moi resumidamente, do Freud recoñecido mundialmente. Agora retrocederemos na súa biografía para saber máis dos seus primeiros pasos científicos, porque nese período, como imos comprobar, foi cando chegou un artigo seu a estas terras.
Lembremos que a carreira investigadora do médico vienés comezou traballando ben cedo en Neuroloxía, o estudo do sistema nervioso. En 1876, sendo un estudante de Medicina de vinte anos, incorporouse ao laboratorio do seu profesor de Fisioloxía e Anatomía miscroscópica, Ernst Wilhelm von Brücke, un salientable científico que defendía unha Fisioloxía de base físico-química fronte a denominada "fisioloxía romántica" ou correntes vitalistas.
Sigmund dedicou uns seis anos a ese estudo e publicou uns oito interesantes artigos cos resultados das investigacións. Tras o dedicado á estrutura dos testículos da anguía, deu a coñecer dous sobre a medula espinal do que se denominaban “peixes inferiores”, os denominados Ciclóstomos, animais que, como a lamprea, carecen de mandíbula inferior, tema do que tratou a súa tese de doutoramento. Tamén publicou sobre o sistema nervioso do cangrexo de río, o nervio acústico humano e publicou outros artigos sobre métodos de preparación do sistema nervioso e estrutura do mesmo.
Ese valioso labor fixo de Freud un bo coñecedor da Neurobioloxía, cunha excelente formación en cuestións que eran de grande interese científico, como a estrutura das células nerviosas, nun momento en que se estaba a definir un elemento central no coñecemento do sistema nervioso, a doutrina da neurona que Santiago Ramón y Cajal estableceu a fins dos anos 80 do século XIX. Como comentamos, o médico austríaco, que pasaría á historia asociado ao estudo das enfermidades do espírito foi, antes de comezar a interesarse polos trastornos mentais un salientable experto no coñecemento da base material do sistema nervioso.

Difusión de Freud da man de Ramón Varela
A revista que acolleu esa contribución de Freud estaba editada, nese momento, en Pontevedra, na imprenta de José Antonio Antúnez. O responsable da revista, a persoa que se encargaba de todo o labor de localización e selección de orixinais, tradución e edición era Ramón Varela de la Iglesia
Os tres primeiros artigos de investigación de Freud apareceron nunha publicación da Academia de Ciencias de Viena (Sitzungsberichte der kaiserliche Akademie der Wissenschaften). O cuarto é o que imos analizar aquí, “Notiz über eine Methode zur anatomischen Präparation des Nervensystems” [“Nota sobre un método de preparación anatómica do sistema nervioso”], publicado no número 26 dunha revista científica editada en Berlín, Centralblatt für die Medicinischen Wissenschaften1.
Localizamos un resumo dese artigo na Revista General de los Progresos de la Medicina en Europa y América. O texto figura na páxina 30 do seu número de 31 de xullo de 1879; catorce anos antes da tradución ao español do seu traballo con Breuer. Aparece como obra de “S.Freud” e titulado: “Sobre un método para la preparacion del sistema nervioso”.
A revista que acolleu esa contribución de Freud estaba editada, nese momento, en Pontevedra, na imprenta de José Antonio Antúnez. Cómpre salientar a rapidez con se realizou esa difusión do artigo. O autor asinouno o 27 de maio en Viena, recen cumpridos os vinte tres anos, e apareceu impreso o 31 de xullo en Pontevedra, en dous meses! O responsable da revista, a persoa que se encargaba de todo o labor de localización e selección de orixinais, tradución e edición era Ramón Varela de la Iglesia, catedrático de Fisioloxía da universidade compostelá2. Que este outsider da Facultade de Medicina publicara o texto de Freud non era produto da casualidade pois desenvolvía un impresionante labor de difusión médica especializada.
Varela editaba, entre outras obras, dúas relevantes publicacións. Unha foi a Colección de Monografías Clínicas publicada bajo la dirección de R. Volkmann por los profesores de clínica de las Universidades alemanas, cada mes, entre abril de 1877 e xaneiro de 1884. A outra publicación foi na que apareceu o artigo de Freud, a Revista General de los Progresos de la Medicina en Europa y América. Nela recollía os resumos que el mesmo elaboraba de artigos recentemente publicados por importantes médicos europeos, especialmente alemáns e franceses. Confeccionouna do 15 de abril de 1877 ao 31 de marzo de 1883. A cantidade de recensións publicadas resultou importante; de media, podemos sinalar unha cifra de arredor de 30 por número, o que supón un total de case 2000 resumos.
A confección simultánea de ambas publicacións supuña un volume de traballo impresionante, pois Varela participaba activamente en todo o proceso de elaboración, que –cómpre subliñalo– realizaba con seus exclusivos recursos económicos; a universidade compostelá non interviña en nada. Xa que logo, unha vez máis o voluntarismo individual substituíu ás institucións pola inacción destas e foi o esforzo particular do profesor compostelá o que permitiu que os profesionais sanitarios españois e galegos puidesen coñecer de xeito inmediato valiosas contribucións.
Varela ignoraba que quen asinaba aquel artigo de 1879 sería, décadas despois, unha celebridade mundial, o pai da psicanálise
Volvendo ao artigo de Freud, Ramón Varela presentouno indicando que “El método que describe el autor en el presente trabajo para la preparación del sistema nervioso consiste, como el lo hace observar, en una modificación del método de Reichert (no texto aparece mal, Reichhert)”, pasando a continuación a describilo. O profesor compostelá estaba moi interesado nos estudos histolóxicos, dos tecidos que forman o corpo humano, e chegaría a elaborar unha monografía sobre a medula espinal, tema que –casualmente– tamén estudara Freud canda era novo. Obviamente, Varela ignoraba que quen asinaba aquel artigo de 1879 sería, décadas despois, unha celebridade mundial, o pai da psicanálise.
Notas
1 https://archive.org/details/centralblattfrd25unkngoog/page/468/mode/1up
2 https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4024