Hai días que seguimos a voltas co lume no monte. Pranto, dor, lamentación pola riqueza perdida, palabras máis ou menos airadas. Porén, en canto pase setembro e comece a chover, todo voltará á “calma”, e outra vez a cidadanía pecharemos o muro das lamentacións polo Patrimonio Natural perdido en mans dos “incendiarios” até o ano seguinte.
Non deixa de ser unha ópera de tres reás, un espectáculo coma tantos outros. O lamento, a dor, é un sentimento tan profundo que vende moito. Mantén esa parte de nós en vilo, como se padecésemos a agresión en carne propia. Mágoa que, como parte do espectáculo, tan só dure unhas semanas en agosto. Ou, se non chove moito, algunhas máis en setembro. E seguimos ao pé da letra o discurso marcado: Pirómanos, Incendiarios e outros calficativos máis vehementes que teñen, ao cabo, o mesmo efecto. Choramos nas redes sociais, falamos do asunto no café, repartimos culpas.... Logo, en canto remata a tempada de lume, remata o espectáculo e só nos acordaremos de que acontece ao ano seguinte, cando o monte volte a ser unha laparada nos medios de comunicación.
Choramos nas redes sociais, falamos do asunto no café, repartimos culpas.... Logo, en canto remata a tempada de lume, remata o espectáculo e só nos acordaremos de que acontece ao ano seguinte
Pero a realidade é outra. O lume no monte prodúcese por moitas causas. Tantas, probablemente, como calquera de nós poda aventurar: Unha vinganza, un conflito por unha propiedade, unha queima fóra de control, unha faísca fortuíta, un pirómano,... E cada unha delas por separado é válida pero non anula a verdade de ningunha das outras. Por iso cada un de nós ten unha teoría propia encol do lume e de como se produce. Estudos recentes, realizados de xeito moi meticuloso por Ana Cabana, por X. Balboa e outras persoas do mundo investigador, relacionan cuestións sociais derivadas da xestión da superficie co uso do lume a nivel histórico. Chaves todas elas que, correctamente interpretadas, deberan permitirnos divisar algunha luz na fin do problema.
Que ninguén teña unha resposta única e que moitas sexan as causas, así como que existan referentes históricos sobre o papel do lume no monte, permítenos afirmar que o problema é estrutural. Así como hai un variadísimo inventario de causas, até o de agora poucas foron as tentativas axeitadas por atallar o problema. As consecuencias dese proceder son nefastas, porque por unha banda dase a sensación de atoamento político e por outra manténse a irresponsabilidade social fronte ao problema.
O principal responsable das políticas agrarias é a Xunta. O deseño dos servizos, das vías de comunicación no rural, a elaboración de plans para frear o abandono e o coñecemento da estrutura e distribución da propiedade...
O principal responsable das políticas agrarias (e entendemos o agrario como o conxunto agrogandeiro e forestal) é a Xunta de Galiza. O deseño dos servizos, das vías de comunicación no rural, a elaboración de plans para frear o abandono e o coñecemento da estrutura e distribución da propiedade constitúen atribucións do Goberno Galego. O inventario e a investigación das causas do lume, a elaboración de planos de prevención e defensa do monte correspóndenlle en exclusiva tamén. Onde están, logo, as secuenciacións do lume? Ten un rexistro accesible a Consellaría do Medio Rural onde se podan coñecer con exactitude datos recollidos polos distritos forestais sobre lugares, causas e incidencia de cada lume? U-lo?
Constitúe unha gravísima irresponsabilidade política contentarse dicindo que estamos por debaixo da media de hectáreas queimadas ou escorrer o vulto botándolle as culpas á oposición por non aportar políticas construtivas. Hai uns días o presidente da Xunta pedía a colaboración cidadá contra os incendiarios. Pedía que denunciásemos os coches e as persoas que van ao monte. É dicir, Nuñez Feijóo recoñece implicitamente que está desbordado, que desde o Goberno que el representa non teñen nin idea de que facer. Nas aldeas aínda sabemos que significa denunciar por xenreiras persoais e os danos irreparables que se poden causar... Este proceder connota outra cuestión: as medidas que se tomaron a respecto da prevención do lume son máis ben escasas e non funcionan.
Así e todo convén non obviar o papel da sociedade no que respecta ao medio rural: Non abonda con lamentarnos só aqueles quince días que arde calquera área natural de interese, senón que resulta imprescindible tomar conciencia de que un medio rural vivo non só non arde, senón que produce externalidades valorables desde unha multitude de puntos de vista que van máis aló do económico. O abandono e todo o que a el vai aparellado constitúe unha boa panorámica da Galiza actual. E este non deixa de ser a consecuencia de décadas de políticas lamentables no tocante ao tecido produtivo agrario e dun modelo económico que non é tan eficaz como se nos vendeu. Ademais de configurar un violento aliado na propagación do lume.
Algunhas voces teñen falado moito nos últimos tempos sobre ordenamento territorial, reclamando políticas activas sobre o réxime de propiedade, pedindo fiscalidade sobre os predios abandonados, ou simplemente pedindo que se faga, porque soa ben, pero sen saber realmente en que consiste. Tamén hai persoas e colectivos que reclaman unha volta ao rural, asentados nunha caste de arquetipo mítico sobre a vida agraria como cume do equilibrio persoal e social.
Non podemos pretender un retorno a un presunto “antes” que en moitos casos non pasa de ser unha construción mitolóxica con pouca aplicación no tempo presente
Contodo mellor non agarrarse aos mitos. Vivir no rural implica traballar e asentar nel. Nin podemos continuar no actual sistema, con porcentaxes de abandono da superficie agraria útil que raian o 30%, mentres seguimos a ser importadores netos de produtos agrarios, nin podemos pretender un retorno a un presunto “antes” que en moitos casos non pasa de ser unha construción mitolóxica con pouca aplicación no tempo presente. Cómpre acadar os equilibrios no momento presente, coas ferramentas que temos ao noso dispór.
Ordenar o territorio e dar alternativas ao rural implica repensar o modelo político de desenvolvemento. A participación e conciencia cidadá sobre un medio rural que non só constritúe unha fonte de alimentos, senón tamén nun lugar con funcións ambientais e valores comunitarios, é un elo necesario para a procura de alternativas. Vivir no rural non significa precariedade de medios de vida. Significa dotarse dos servizos e das prestacións equivalentes a outros ámbitos. Se queremos que sexa unha alternativa vital, as persoas que escollan vivir no rural (non necesariamente “do” rural), deben poder atoparse cómodas, saber que teñen as mesmas oportunidades que as persoas do medio urbano. E para isto a cidadanía temos que facer un esforzo en fomentar os reequilibrios, en estudar e analisar a propiedade, en demandar medidas que a poñan en valor e que lle permitan usala a aquelas persoas que escollan traballar na terra.
É un argumento moitas veces repetido, pero non deixa de ser certo: Un medio que produce non se abandona, polo xeral cóidase máis.
É un argumento moitas veces repetido, pero non deixa de ser certo: Un medio que produce non se abandona, polo xeral cóidase máis. Pois é sustento. Agora ben, hai moitas formas de empregar o medio. A minaría ou a irrupción masiva de plantacións de madeira para pasta de papel tamén é un sistema de aproveitamento. Porén, hai uns días Xoan Carlos Carreira daba unha noción sobre o nivel de representatividade e impacto económico que tiñan algunhas desas actividades fronte as do sector agrario. O que cómpre realmente formular é un troco de modelo e ese troco de modelo non se ha operar dun día para outro. Nin sequera nunha lexislatura do Parlamento de Galiza. Cambiar o modo de desenvolvemento implica planificar a medio e longo prazo que se pretende obter e como conquerilo. E debe, inevitablemente, contar coa participación de todas as persoas. Ordenar o territorio, polo tanto, é un reto da cidadanía e debemos ser moi conscientes de onde partimos e a onde queremos ir para que, no futuro, poidamos contar cun medio rural menos caótico, moito máis vital e que dea oportunidades non só ás persoas que viven nel, senón que se convirta nunha responsabilidade compartida por parte do conxunto da sociedade galega.
Ordenar o medio rural non implica directamente acabar coas persoas que prenden lume ao monte. Aínda que afrontar un conflito aportando algunha solución pode recortar a incidencia do lume. Ordenar o rural limita o abandono, permite outorgar oportunidades sociais e económicas dignas á xente que alí vive e entregar ao resto da poboación un ámbito de protección e esparexemento. Pero para isto é necesaria unha aposta política decidida polo rural que fuxa da autocomplacencia e do lugar común. Cómpre, xa que logo, abandonar o lamento, a autocompaixón. Cómpre que a cidadanía tomemos cartas no asunto contribuíndo dunha vez por todas a que non se repitan imaxes tan lamentables coma as do Monte Pindo ou as fragas do Eume queimándose diante das palabras balbucintes e ignorantes dos representantes da Administración Galega.