As promesas non paran o lume

Vista de Vigo dende un dos montes que rodean a cidade © Montes de Vigo 2046

Carta aberta á cidadanía con motive do 9º aniversario dos lumes do 15 de outubro de 2017.

Somos capaces de mobilizarnos cando a catástrofe xa está diante de nós, pero cústanos moito máis manter no tempo o traballo gris, pouco visible e ás veces ingrato da prevención

Hai poucos días lin un artigo do profesor Manel Antelo titulado «La cultura del bombero». A súa reflexión quedoume dando voltas porque describe unha sensación que, desde a Mancomunidade de Montes de Vigo, coñecemos demasiado ben: somos capaces de mobilizarnos cando a catástrofe xa está diante de nós, pero cústanos moito máis manter no tempo o traballo gris, pouco visible e ás veces ingrato da prevención.

E iso produce impotencia. Non porque non se teña falado do problema, nin porque falten plans, anuncios ou boas intencións. O que desespera é comprobar que pasan os anos e que as actuacións estruturais que deberían reducir a nosa vulnerabilidade avanzan demasiado amodo.

En Vigo non falamos dunha hipótese. O 15 de outubro de 2017 o lume deixou de ser un problema exclusivamente forestal. Atravesou o territorio, chegou ás vivendas e mostrou que monte, parroquias, estradas, polígonos, equipamentos e cidade forman un único sistema. Desde entón sabemos que un Gran Incendio Forestal pode converterse, en poucas horas, nun incendio de territorio.

Nove anos despois, a pregunta debería ser moi concreta: se mañá se repetisen unhas condicións semellantes ás de 2017, canto máis preparada estaría Vigo?

O 15 de outubro de 2017 o lume deixou de ser un problema exclusivamente forestal. Atravesou o territorio, chegou ás vivendas e mostrou que monte, parroquias, estradas, polígonos, equipamentos e cidade forman un único sistema. Desde entón sabemos que un Gran Incendio Forestal pode converterse, en poucas horas, nun incendio de territorio

Non partimos de cero. O Concello dispón dun Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais e dunha delimitación das faixas secundarias de xestión da biomasa, se ben todos sabemos que cómpre desenvolvelo cun Plan de Actuación Municipal antre o risco de incendios forestais (PAMIF) integrado no Plan de Emerxencia Municipal de Vigo e isto está pendente de facer. A Xunta conta cos seus instrumentos de planificación e prevención, pero non ten desenvolto o Plan de Distrito Forestal que lle recomendou o Parlamento despois dos lumes de 2017. As comunidades de montes levamos anos facendo silvicultura preventiva, mellorando masas forestais, abrindo espazos de discontinuidad e impulsando iniciativas como Ollos no Monte para facer sensibilización, vixilancia e corresponsabilidade, pero todavía temos que mellorar moito e encaixar nos plans operativos pendentes de desenvolver.

En todo caso, o problema xa non é ter documentos, senón converter o territorio en defendible: actuacións executadas, mantidas, coordinadas e avaliadas ano tras ano. Aquí é onde a filosofía da «cultura do bombeiro» resulta especialmente útil. Apagar ben é imprescindible. Pero unha política pública madura non pode medirse só pola capacidade de reaccionar cando o incendio xa está en marcha. Tamén debe medirse polo que se fixo antes para que o lume avance máis lentamente, para que os medios de extinción poidan traballar con seguridade e, sobre todo, para que as vivendas e as persoas teñan máis posibilidades de quedar fóra da emerxencia.

Nove anos despois, a pregunta debería ser moi concreta: se mañá se repetisen unhas condicións semellantes ás de 2017, canto máis preparada estaría Vigo?

A prevención tampouco admite que cada administración mire unicamente para a súa parcela competencial. O Concello ten unha responsabilidade central na ordenación e xestión da interface urbano-forestal e na protección do seu territorio. A Xunta de Galicia ten competencias forestais e de prevención e defensa contra incendios, e tamén proxectos que deberían materializarse sobre o terreo.

Un exemplo é a área de defensa estratéxica no sur de Vigo e na súa continuidade con Nigrán e Gondomar. A Xunta vén traballando nesta idea desde 2019 coas comunidades de montes. A finais de 2023 xa existía unha proposta, e posteriormente anunciouse a continuidade da colaboración. Con todo, en 2026 seguimos agardando pola súa materialización efectiva. Mentres tanto, as propias comunidades e propietarios avanzaron na creación da Agrupación Forestal de Xestión Conxunta Montes de Vigo-Sur para actuar sobre o monte privado e crear zonas de maior resistencia ao lume. É unha iniciativa valiosa, pero non pode substituír unha política pública de escala territorial.

A prevención custa diñeiro, pero convén poñer as cifras en contexto. Desde Montes de Vigo propuxemos que o Concello reserve arredor de tres millóns de euros anuais para iniciar unha política ambiciosa de seguridade e infraestrutura verde periurbana. Nunha cidade de arredor de 300.000 habitantes estamos falando de aproximadamente 10 euros por habitante e ano

O mesmo sucede co Anel Verde. Tras os incendios de 2017 converteuse nun símbolo da prevención que Vigo necesitaba abandeirada polo Concello de Vigo e vimos como quedou aparcado coa permanente escusa de que é a Xunta quen o impide. En setembro de 2025 a propia conselleira do Medio Rural manifestaba publicamente a vontade da Xunta de colaborar na súa creación. Esa disposición é positiva pero o que necesitamos agora é que as vontades das distintas administracións se transformen en proxectos, calendarios, financiamento e obra executada.

Porque a prevención custa diñeiro, pero convén poñer as cifras en contexto. Desde Montes de Vigo propuxemos que o Concello reserve arredor de tres millóns de euros anuais para iniciar unha política ambiciosa de seguridade e infraestrutura verde periurbana. Nunha cidade de arredor de 300.000 habitantes estamos falando de aproximadamente 10 euros por habitante e ano.

Dez euros ao ano para mellorar faixas e discontinuidades, acondicionar pistas e puntos de auga, actuar nos espazos máis vulnerables, apoiar a xestión das parcelas privadas, preparar as parroquias e as vivendas, fortalecer o Anel Verde e facer posible unha prevención continuada xunto cunha infraestrutura verde para o benestar da poboación. A discusión, por tanto, non é só canto custa previr. Tamén deberiamos preguntarnos canto custa non facelo, como acontecería por exemplo se o lume chega a entrar nas instalacións de Stellantis Vigo.

As comunidades de montes temos a nosa responsabilidade e debemos asumila. Os propietarios privados tamén. A Xunta e o Concello, cada un no ámbito das súas competencias, igualmente. E a cidadanía que vive na interface urbano-forestal debe comprender que a autoprotección comeza antes da emerxencia

As comunidades de montes temos a nosa responsabilidade e debemos asumila. Os propietarios privados tamén. A Xunta e o Concello, cada un no ámbito das súas competencias, igualmente. E a cidadanía que vive na interface urbano-forestal debe comprender que a autoprotección comeza antes da emerxencia. Ninguén pode resolver só un problema desta dimensión, pero tampouco podemos seguir esperando a que outro dea o primeiro paso.

A prevención ten ademais unha dificultade política: cando funciona, apenas se ve. Non hai fotografías espectaculares, nin evacuacións, nin vehículos de emerxencia, nin zonas queimadas que visitar. Simplemente, o desastre non ocorre ou as súas consecuencias son menores. Ese é precisamente o seu éxito. Tal vez por iso resulta tan fácil adiar estes investimentos. Sempre hai unha necesidade máis inmediata, máis visible ou máis rendible a curto prazo. Pero os grandes incendios non respectan os calendarios administrativos nin os ciclos políticos.

Non sabemos cando chegará o próximo Gran Incendio Forestal, o que si podemos decidir é como queremos que atope Vigo cando chegue

Desde a Mancomunidade de Montes de Vigo levamos demasiados anos falando disto para gastar máis tempo nese debate. O que pedimos é algo máis sinxelo e máis esixente: pasar dos anuncios á execución e construír unha verdadeira política metropolitana de prevención, sostida no tempo e compartida polas administracións, polos propietarios e polas comunidades de montes.

Manel Antelo pechaba a súa reflexión propondo deixar de actuar só como bombeiros para converternos en arquitectos da nosa propia seguridade. Esa idea resume perfectamente o reto que temos diante: “Non sabemos cando chegará o próximo Gran Incendio Forestal, o que si podemos decidir é como queremos que atope Vigo cando chegue”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.