A raíz do trunfo de Trump saltou á escena o termo maldito: Populismo. Maldito porque só se utiliza pexorativamente, cando hai dous tipos de Populismo. Donald Trump é un claro exemplo do peor Populismo, pero a maioría dos políticos lanzaron tres vaguedades e resolveron o tema.
Segundo esas vaguedades é populista quen lle promete ao pobo, demagoxicamente, a felicidade que non cumplirá. Se ademais é racista e misóxino, xa está todo dito.
Pero, como en política, para algúns todo vale, quen máis caladiñ@s tiñan que estar polo golpe de estado que deron dentro do seu partido, teñen a santa cara -Susana Díaz e compañía- de chamar pexorativamente de Populistas a Podemos, chegando á calumnia de equiparalos con Trump.
Lendo a estudosos do Populismo, identifícome co pensador arxentino Juan Carlos Torre que sostén que, para que exista un Movemento Populista, é necesario que exista previamente unha crise do poder político -da representación política- e que emerxa un liderazgo alternativo e alleo á clase política existente.
Este liderazgo alternativo artella as demandas insatisfeitas e os sentimentos de marxinación, unificándoos baixo un discurso destinado a recuperar a soberanía popular. Esta soberanía popular está ameazada por un inimigo responsable do malestar social que sofre o pobo, que, segundo cada momento histórico, estaría causado pola "oligarquía", ou pola "plutocracia capitalista", ou polas "élites dominantes", ou polos "extranxeiros".
Seguindo esta liña argumental, pode haber un Populismo de dereitas e un de esquerdas. Tanto o de dereitas como o de esquerdas poden utilizar como inimigo ás "élites dominantes", coa gran diferenza de que o de dereitas sempre forma parte dun sector da élite dominante, poderosa e rica, como no caso de Trump, de Marie Le Pen e do británico Farage -impulsor do Brexit-, tendo en común, ademais de ser ricos, poñer como inimigos a "os extranxeiros".
A actual situación política, produto da crise económica do 2008, está sen resolver porque o Poder Económico busca recuperar o seu Poder, aplicando unha salvaxe política de recortes sociais, económicos....utilizando diñeiro público roubado aos fondos sociais, o que está a producir un dano humano enorme a moita xente, con ricos máis ricos e pobres máis pobres. A situación é realmente mala.
O Poder Económico que manda en Europa mantén a súa política económica que exclúe do Sistema, deixando sen futuro, a moita xente nova e a moit@s traballadores, e gran parte desta xente votará á demagóxia dos Populismos Dereitistas franceses, alemáns, húngaros, holandeses...en gran parte porque os Partidos Socialdemócratas europeus están aliados coa Dereita europea, e tamén porque as Organizacións de Esquerda conectan pouco con gran parte da xente que está vivindo moi mal.