As vacinas no centro das polémicas

Un usuario do centro de maiores da Deputación de Lugo en Ribadeo recibe a segunda dose da vacina da COVID o 21 de xaneiro de 2021 © Deputación de Lugo

As vacinas contra o coronavirus convertéronse nunha sorte de chave mestra que serve para alimentar a esperanza do control da enfermidade nun prazo de tempo razoábel e, simultaneamente, abren a porta a un futuro económico menos incerto do que agora domina nos estados maiores de empresas, gobernos e organismos especializados. A lóxica transcendencia que se lle asignou a estes fármacos preventivos permitiu visualizar, con maior amplitude, algúns dos comportamentos que habitan no seo do noso corpo social.

Os diversos casos de incumprimento dos protocolos rexistrados á hora de realizar as primeiras vacinacións revelaron a indignante -aínda que non sorprendente- carencia de escrúpulos éticos nunha parte das “nosas” elites

Os diversos casos de incumprimento dos protocolos rexistrados á hora de realizar as primeiras vacinacións revelaron a indignante -aínda que non sorprendente- carencia de escrúpulos éticos nunha parte das “nosas” elites (políticas, militares, xudiciais, eclesiásticas, sanitarias...). Na última década viviuse unha eclosión de casos de corrupción na administración dos recursos públicos en diversas institucións. Neses anos, a resposta dominante -entre os afectados, achegados e creadores de opinión- establecía que o centro de gravidade debería estar colocado no ámbito xudicial: todas as persoas afectadas eran inocentes mentres unha condena firme non acordara a súa culpabilidade e, por tanto, non cabía esixir responsabilidades derivadas da aplicación de criterios éticos para avaliar a actuación dos xestores públicos. Agora, sen embargo, a vara de medir cambiou significativamente no ámbito da opinión publicada. Ninguén reclamou o previo establecemento de ilícitos penais ou administrativos antes de condenar con dureza e pedir dimisións para os cargos políticos, militares, funcionariais ou eclesiásticos que foron descubertos practicando indesexábeis tratos de favor ou tráfico de influencias.

Mirando para o futuro, a dúbida está servida: o rigor que se está exhibindo estes días contra os autores desas irregularidades é unha consecuencia conxuntural derivada da preocupación desatada polos efectos letais da pandemia que padecemos ou cabe pensar que se está dando un punto de inflexión no clima ético vixente na vida pública española?

Están dispostos a priorizar, con todas as consecuencias, a súa condición de poderes públicos encargados de asegurar o dereito á vida e a unha saúde digna da cidadanía á que deben a súa posición institucional?

As vacinas tamén estiveron no centro da polémica entre a Comisión Europea e algunhas das grandes empresas farmacéuticas. Aquí tampouco debería reinar a sorpresa. É coñecida, dende hai tempo, a fortaleza destas multinacionais á hora de presionar nos despachos de Bruxelas buscando maximizar os seus beneficios particulares. Estas empresas nunca tiveron dúbidas á hora de xerarquizar os valores que guían a súa folla de ruta e agora, cando viron as grandes rendibilidades inmediatas dos seus negocios, moito menos. Os dirixentes da U.E. deberían responder a interrogantes da máxima relevancia no momento presente: utilizaron adecuadamente todo o seu poder normativo, político e simbólico á hora de establecer uns contratos de subministración de vacinas á altura da emerxencia sanitaria que se está vivindo? Sucumbiron ás influenzas empresariais para non alterar inercias xa consolidadas? Están dispostos a priorizar, con todas as consecuencias, a súa condición de poderes públicos encargados de asegurar o dereito á vida e a unha saúde digna da cidadanía á que deben a súa posición institucional? Asumirán a vella máxima “a grandes males, grandes remedios” ou preferirán aquela de que “a banca sempre gaña”?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.