As vantaxes de Feijoo

Despois de varios meses de dúbidas e sobreactuacións mediáticas, Núñez Feijoo anunciou que recunca como candidato á presidencia da Xunta. Xa sabemos, pois, que o PPdG vai competir co mellor que ten. Xa veremos se é quen de neutralizar o desgaste político acumulado nos últimos catro anos e visualizado explicitamente nas eleccións municipais de Maio e nas xerais de Decembro.

Ademais da súa coñecida fortaleza organizativa derivada dunha ampla presenza territorial e social, o partido de Feijoo posúe, agora mesmo,  algunhas vantaxes adicionais. Unha das mais relevantes é a imaxe ofrecida polo PsdG. Ademais da caída de Besteiro e da endémica cantonalización da organización –incentivada pola actual posición hexemónica de Abel Caballero-, o penoso espectáculo deparado polas negativas  de diversos dirixentes a participar na elección do cartel electoral, certifica que non existen expectativas sólidas no propio núcleo encargado de crear un clima de confianza de cara á vindeira confrontación electoral.

Previsibelmente, o argumentario da campaña do PPdG vai bater nunha das debilidades mais evidentes da oposición. As tres cidades (A Coruña, Santiago, Ferrol) que podían exemplificar as virtualidades dunha futura alternativa gobernamental en San Caetano viven instaladas nunha forte confrontación ou no desencontro entre as Mareas e o Partido Socialista. A pedagoxía que se está facendo non favorece a credibilidade necesaria para canalizar o descontento existente polos 8 anos de goberno do actual inquilino de Montepío. Os dirixentes socialistas teñen a responsabilidade principal na xestación e mantemento desta situación. No canto de propiciar e participar en acordos de gobernabilidade,adoptaron unha liña de oposición belixerante que non dubidaron en compartir, nalgunhas ocasións,  cos propios grupos municipais do PP.

Esta situación lembra –salvando todas as distancias derivadas dos cambios rexistrados no mapa político- á que se viviu durante o período 1999-2001. Naquelas eleccións municipais naceron gobernos compartidos entre BNG e PSdG en cinco das sete cidades (con alcaldes nacionalistas en Ferrol, Pontevedra e Vigo e con alcaldes socialistas en Lugo e Santiago) establecendo unha sólida base de partida para acumular a forza requirida para derrotar a Fraga na cita do 2001. Porén, a experiencia non provocou o efecto multiplicador agardado e as forzas involucradas non foron quen de tirar as consecuencias do sucedido naquel bienio. A carencia dunha actitude suficientemente construtiva por parte do PSdG naquelas cidades onde non encabezaba a coalición gobernamental foi un dos factores determinantes no cuestionamento da credibilidade social esixida por unha futura alternativa ao PP no ámbito galego.

Sexa cal sexa a persoa elixida para encabezar a oferta electoral socialista, a equipa dirixente dese partido deberá clarexar diante da sociedade galega cal vai ser a súa posición o día despois de abrir as urnas. Apostará pola conformación dun goberno conxunto coas demais forzas nacionalistas e de esquerdas ou permitirá a investidura de Feijoo no caso de que non acade –só ou acompañado- os 38 escanos que permiten a maioría absoluta? Disporía o PSdG dunha axenda propia aínda que, naquela altura, existira no Estado unha fórmula directa ou indirecta de gran coalición PP-PSOE?

A derrota do PPdG require a optimización dos apoios electorais das forzas alternativas. Os votantes “populares” críticos coa xestión de Feijoo poden facer tres cousas: ficar na casa, optar pola “marca branca” (Cidadáns) ou apoiar a unha formación da oposición. Só esta última asegura a viabilidade do cambio. Velaí o reto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.