A hora de falar de débedas públicas o mais importante é saber si tal débeda pública é ou non sostible. E para saber si unha débeda pública é sostible, ou non, o primeiro que hai que ter en conta é o seu ritmo de crecemento. Si a débeda medra a un ritmo superior ao da economía estamos diante dunha débeda non sostible, si sucede o contrario que a débeda medra a un ritmo igual ou menor que a economía a débeda si e sostible por que neste caso a economía medrará a un ritmo aceptable que fará que o rateo do endebedamento sexa constante. A débeda pública é sostible, xa que logo, sempre que medre a un ritmo igual ou menor que o crecemento económico.
As múltiples experiencias históricas ensinan que ese ritmo de crecemento das débedas públicas depende do seu destino e/ou para que se endebeda o goberno respectivo. Unhas experiencias que tamén nos din que a propia sostenibilidade da débeda depende, tamén, de quen a controle.
Se a débeda deriva dun incremento no gasto e o investimento públicos destinados a creación de emprego, ao fortalecemento e desenrolo das funcións públicas de benestar, a infraestruturas medioambientais, a un urbanismo de restauración e conservación, a fomentalo transporte público, a medidas de redistribución da renda, etc., estamos diante dunha débeda pública sostible xa que vai a orixinar un crecemento económico que permitirá ir amortizando esa débeda. O caso, a nivel histórico, mais famoso (J.K. GALBRAITH: “El crash de 1929” Edit. Ariel) sucedeu durante o goberno estadounidense de Roosevelt cando este elevou a débeda pública ata case un 120% do PIB por mor de por en marcha o famoso New Deal (1933-1938) cuxo éxito, como é ben sabido, dou posteriormente paso ao Plan Marshall (1948) quen provocou unha longa fase de crecemento económico e creación de emprego tanto nos Estados Unidos como en Europa tal que permitiu ir amortizando de xeito constante e firme as débedas públicas.
Hai mais casos na historia como sucedeu, de novo nos Estados Unidos, durante o período de Ronald Reagan (1981-1989) quen, curiosamente, a pesares de súa ideoloxía fortemente conservadora tivo unha política fiscal moi expansiva que supuxo que os Estados Unidos chegara a ser o maior debedor do mundo pola súa débeda pública –cando Reagan deixou a presidencia os USA debían 2,6 billóns de dólares-. Si ben é certo que o gasto público destinouse principalmente a potenciala industria armamentística, o desenrolo da mesma favoreceu a expansión das novas e mais avanzadas tecnoloxías, tales como os micrordenadores e a biotecnoloxía, quen con centro en Silicon Valley, impulsaron un forte crecemento económico (entre o 2,5 e o 6,5% do PIB) e unha grande redución no nivel de desemprego nos Estados Unidos. Ao tempo, todo hai que dicilo, que posibilitou o crecemento da fortuna dos ricos e poderosos mentres que os pobres quedaron abandonados (J.K. GALBRAITH: “Un viaje por la economia de nuestro tiempo” Edit. Ariel).
Poderiamos incluso retroceder ao século XIX cando Gran Bretaña tamén coñeceu un longuísimo período cunha moi elevada débeda pública (200% PIB) que non lle impediu que, grazas a forte expansión do seu comercio marítimo –chegou a controlar todo o tráfico marítimo mundial-, se convertera na primeira potencia económica mundial (P. SAMUELSON: “Economía”. Edit. McGraw.Hill)
Como se pode ver un elevado gasto público –gasto e investimento- non ten por que estar pelexado co crecemento económico e o emprego senón que pode suceder todo o contrario. Depende de a que se destine ese gasto por que non é certo –como di a ortodoxia neoliberal- que o gasto público desprace o gasto privado ao competir polo aforro. Segundo sexa ese gasto público pode acabar turrando do gasto e o investimento privados –“efecto multiplicador”- como demostran a historia e múltiples evidencias como as anteriormente citadas: si un goberno gasta, este gasto beneficia ao capital privado que domina a oferta de bens e servizos. Moito menos é certo que o aumento da débeda faga subilos tipos de xuro, reducindo o investimento privado e o aforro.
Por que tampouco é certo que o gasto público turre da inflación senón que pode suceder todo o contrario como demostra, por exemplo, o caso alemán previo a suba do nazismo ao poder (1929-1933) cando foi a austeridade forzada polas durísimas indemnizacións esixidas por Francia e Gran Bretaña (Tratado de Versalles, 1919) quen disparou posteriormente (1921-1923) a inflación e o desemprego en Alamana tales que crearon un clima económico e social que facilitou a suba de Hitler ao poder (J.M. KEYNES: “Las consecuencias económicas de la paz”.Edit. Planeta). Algo parecido sucedería en Chile durante a ditadura de Pinochet onde o brutal austericidio e a liberalización total deron lugar a que os prezos se dispararan (375%) e a inflación acadara os valores mais elevados a nivel mundial (N. KLEIN: “La doctrina del schock. El auge del capitalismo del desastre”. Editorial Planeta)-. En ámbolos dous casos foi a austeridade quen turrou de inflación e disparou o desemprego.
O impacto da débeda pública depende tamén, como dixen ao principio, da propiedade dos bonos: si estes están en mas da banca pública nacional, das caixas de aforros propias ou dos propios cidadáns a débeda pública pode non correr risco –todo queda na casa- nin por en perigo o crecemento económico e a creación de emprego. O caso mais sobresaliente e o do actual Xapón no que a enorme débeda pública (240% do PIB) está maiormente en mas de entidades bancarias e cidadáns xaponeses (so o 9% pertence a acredores externos) o que favorece a súa sostenibilidade e, a pesar de deflación, non poñendo en risco o crecemento económico –con taxas de crecemento por riba das previsións de moitos analistas- e a creación de emprego –Xapón mantén unha taxa de desemprego moi baixa- (J. STIGLITZ: “La promesa de la Abeconomia“).
Se agora analizamos as débedas públicas española e galega, tendo en conta tanto as distintas experiencias como as mesmas evidencias darémonos conta de que ámbalas dúas non están en ningunha das situacións anteriormente subliñadas como favorables ao crecemento económico e a creación de emprego. Empecemos pola débeda pública española que actualmente supera o billón de euros equivalendo ao 100,1% do PIB. Durante o mandato de M. Rajoy (2011-2016) a débeda pública española pasou de 0,74 billóns de euros a 1,095 billóns o que supuxo un crecemento medio anual do 8%. Nese período a economía española tivo un crecemento económico medio anual do -0,7% do PIB (recesión). Como se pode ver a débeda medrou moi por riba da economía facéndose insostible. Un crecemento da débeda publica debido fundamentalmente a tres factores: ás axudas aos bancos privados –o rescate bancario que serviu para converter as débedas privadas dos bancos en débeda pública e que obrigou ao estado español a endebedarse para axudar a banca-, o incremento do déficit debido tanto ao crecemento de desemprego, como as axudas e regalos as grandes empresas inmobiliarias –obras faraónicas en Madrid, Valencia, autopistas e autovías- como a caída dos ingresos públicos derivados da crise, e os custos de oportunidade derivados dos pagos dos xuros (E. TOUISANT e outros: “La deuda o la vida”. Edit. Icaria).
Cabe aquí denunciar o comportamento nada “patriota” da banca e os investidores españois que posúen mais do 55% da débeda pública quen, en alianza coa banca estranxeira –alamana e francesa maiormente- utilizan o seu enorme poder tanto para presionar o Estado español co gallo de priorizar o pago da débeda pública fronte a outros gastos públicos como para especular coa mesma para o que contan co apoio tanto do BCE como das incualificables axencias de cualificación. Velaí o por que da débeda pública española non para de medrar a pesar dos enormes recortes: non se emprega en medidas que favorezan o crecemento económico e a creación de emprego ao tempo que os propietarios dos bonos aproveitan para especular coa mesma. No que vai de lexislatura (PP) España pagou so de xuros da débeda pública un importe superior aos 121.500 millóns de euros (11,2% do PIB) sen por iso evitar que a débeda seguira medrando.
No caso da débeda galega sucede algo parecido aínda que a menor escala. Durante os mandatos de Núñez Feijoo (2009-2016) a débeda pública galega pasou de 4.900 a 10.300 millóns de euros o que supuxo un crecemento medio anual do 16% -o dobre da media española-. Nese período a economía galega tivo un crecemento medio anual do -0,5%. A débeda pública medrou claramente por riba da economía facéndose así, como sucede coa débeda española, insostible: unha proba do mesmo é o dato de que o 91% dos ingresos por débeda no exercicio do 2015 foron para pagar a carga financeira –xuros mais amortizacións- da débeda acumulada quedando so un 5% para gasto público non financeiro (X. ALVAREZ CORBACHO: “A débeda domina a política”. Tempos Novos). Unha débeda pública cuxo crecemento débese tamén ao gasto público –gasto e investimento- en obras e servizos (grandes centros hospitalarios, autovías, radiotelevisión de Galiza…) que no teñen impacto sobre o crecemento económico e a creación de emprego. Unha débeda pública cuxo control é foráneo –Galiza non ten, grazas ao PSOE e o PP, entidades financeiras propias- polo que tal crecemento está supondo, unha crecente saída de capitais de Galiza.
Queda en evidencia que en ámbolos dous casos o austericidio –fortes recortes no gasto e o investimento públicos- non favorece o crecemento económico e a creación de emprego senón a deflación e a recesión económica. O tempo a débeda pública non deixa de medrar para goce e disfrute da banca española e europea.
Por certo, e para rematar: de que lles vale as clases populares galegas que lle digan que o austericidio –desemprego, desigualdade, deterioro dos bens e servizos públicos- lles sae mais barato que ás clases populares doutras comunidades españolas?. Non será mellor dicirlles que ese austericidio é unha enorme ESTAFA que a Xunta de Galiza (PP) lles fai para beneficio de bancos e grandes fortunas?.